Máis minoría e cos soldos máis altos. O impacto dos anos da crise nos ingresos da poboación asalariada é un feito en todos os mercados laborais, tamén no galego. Como tamén o é que este impacto non foi negativo en todos os casos. O sector de persoas ocupadas que antes dos inicio das dificultades económicas ocupaban a parte máis alta da pirámide salarial segue, case toda, no mesmo lugar e máis acomodada. Mentres, na parte baixa, o persoal con ingresos máis baixos viu a súa situación notablemente máis resentida e apenas percibe no peto a publicitada recuperación económica.
Partindo da necesaria cautela coa que cómpre abordar todos os indicadores salariais, un dos máis empregados é o procedente da Enquisa de Poboación Activa (EPA), o estudo homologado a nivel europeo para avaliar o mercado laboral. Este traballo estatístico, que no caso galego é unha combinación de datos do INE e mais do IGE, distribúe o persoal asalariado en dez grupos, segundo o importe do salario medio bruto anual do seu traballo principal. O coñecido como "decil de salarios" torna así nunha radiografía das dispares condicións dun mercado laboral que, atendendo aos datos, é cada vez máis dual.
Quen antes da crise cobraban uns 3.500 euros brutos agora perciben 1.000 euros máis, quen cobraban uns 480 agora non chegan aos 430
Sempre segundo estes datos no ano 2006, ás portas da crise, o estrato superior do mercado laboral galego cobraba, de media, 3.540 euros brutos ao mes. Durante practicamente toda a crise este sector viu incrementados os seus ingresos -sucedeu todos os anos, agás en 2009 e 2013- e unha década despois o seu salario medio é case un 30% superior, por riba dos 4.560 euros brutos ao mes, o que implica unha suba duns 1.000 euros brutos anuais mentres os prezos baixaban, coa conseguinte mellora do poder adquisitivo. Antes da crise estas persoas eran o 8,2% da poboación asalariada galega e agora non pasan do 7,7%.
O devalo dos soldos máis baixos chegou ata o 16% e os salarios medios pasaron de subir levemente a baixar un chisco
O panorama foi xustamente á inversa no grupo con menores salarios, composto fundamentalmente -en tres de cada catro casos- por persoas que traballan a tempo parcial. Antes da crise, en 2006, este grupo laboral percibía, de media, uns 481 euros brutos ao mes. O dato de 2015 revela, mesmo tras unha leve suba -duns 28 euros mensuais-, unha caída superior ao 10%. Se a comparación é entre 2006 e 2014 o devalo dos soldos máis baixos chega ao 16%.
Alén do acontecido nos extremos do mercado laboral esta radiografía tamén revela outro dos fenómenos que afectan ao mercado laboral nos anos que están a ser presentados como de saída da crise. Os soldos situados na banda media da táboa, entre uns 1.000 e uns 2.000 euros brutos ao mes, pasaron de subir levemente a experimentar lixeiras baixadas. Así as cousas, cabe deducir que as persoas situadas nestas bandas salariais tiveron que aceptar recortes e que quen logran incorporarse ao mercado laboral o fan con peores condicións que quen traballaban neses postos antes da crise.
Alén dos importes dos salarios este estudo serve tamén para ratificar un dos principais problemas do mercado laboral galego nos últimos anos: a redución da poboación activa e a destrución de emprego. Non en van, a poboación asalariada galega pasou de estar conformada por unhas 900.000 persoas a caer ata a contorna das 770.000 e, tras un leve incremento en 2015, roldar as 800.000. Tras estas variacións o sector da poboación cos soldos máis altos, o que antes da crise cobraba 3.500 euros e agora, case 4.600, pasou de estar composto por unhas 73.000 persoas a agrupar unhas 62.000. Mentres, o sector cos soldos máis baixos eran 100.000 persoas en 2006 e arredor de 80.000 en 2015, cun peso sobre o total da poboación asalariada practicamente idéntico, próximo ao 10%.
O grupo de quen máis cobran reduciuse un 14% dende 2006 e o segundo tramo de soldos máis baixos tivo unha contracción do 16%
Non obstante, o adelgazamento de cada un dos sectores de poboación asalariada non foi o mesmo en todos os casos. Mentres que a media da caída da diminución é de case un 8%, a maior redución de emprego produciuse case nos extremos: quen máis cobran son agora un 14% menos que antes da crise e no segundo decil, o de quen perciben algo menos de 1.000 euros brutos mensuais, hai agora un 16% menos de poboación asalariada. Mentres, na banda superior hai dúas franxas que gañaron persoal asalariado: hai un 0,5% máis de persoas que cobran case 3.000 euros brutos ao mes e incrementouse un 1% o número de quen perciben uns 2.300 euros.
As variacións na composición de cada un destes dez grupos permiten chegar, asemade, a outra conclusión: a destrución de emprego nos sectores que xa estaban afectados por unha maior precariedade e, polo tanto, por soldos máis baixos, contribúe a que os valores salariais medios se incrementen levemente no estudo estatístico. Polo tanto, o incremento do salario medio en Galicia, que estatisticamente foi de arredor dun 20% nestes anos -duns 1.500 euros brutos ao mes ata case 1.800- é un valor do que tiran fundamentalmente os soldos de quen máis cobran, o que non implica unha mellora xeral no mercado laboral.