A volta ao ladrillo de Jove, o tiburón inmobiliario que nunca marchou de vez

Manuel Jove © Corporación Inveravante

Un dos grandes tiburóns inmobiliarios volve estar no negocio. O carpinteiro coruñés que se esculpiu a si mesmo até coarse na lista Forbes. O tiburón que desplumou en 2006 outro peixe gordo do ladrillo, Fernando Martín, colocándolle Fadesa por 4.000 millóns de euros ás portas da depresión inmobiliaria. O que pasou por ser o tipo máis listo do mundo, o que tomou o diñeiro e correu hai xusto unha década, antes de que se picase o globo. Esa personaxe, Manuel Jove, acaba de aliarse co BBVA para montar outra promotora. Os analistas interprétano como o síntoma definitivo da recuperación do sector.

Jove acaba de aliarse co BBVA noutra promotora, o que os analistas interpretan como o síntoma definitivo da recuperación do sector

A nova sociedade, Avantespacia, colga de Inveravante (a multimillonaria corporación nada da venda de Fadesa en 2006 para diversificar o diñeiro recibido de Martín en hoteis, centros comerciais, adegas, empresas enerxéticas e até unha petroleira en Colombia) que manexa un 70% da promotora recentemente creada e a filial Anida de BBVA.

Os tratos de Jove co banco veñen de atrás, de cando en 2007 se converteu no primeiro accionista privado da entidade que preside Francisco González, ao se facer co 5% das accións, e malia iso renunciou a sentar no consello. Quen coñece as minúsculas da operación que alumou esta nova promotora inmobiliaria asegura que non é a volta ás orixes de Fadesa a principios dos 90, senón máis ben un matrimonio de intereses. "Jove e os seus cadros directivos, aos que recuperou de Fadesa, teñen moita experiencia acumulada na xestión inmobiliaria e o BBVA continúa en posesión de importantes terreos. Non se trata de cubrir todo o ciclo, os solos que xestionan están listos para desenvolver. E en ningún caso van ser promocións de 5.000 ou 6.000 vivendas. Ese tempo pasou", asegura unha fonte próxima á as negociacións, que se iniciaron hai dous meses. O proxecto arrinca con menos dun milleiro de vivendas repartidas por Málaga, Madrid, e Gran Canaria.

Non é a volta ás orixes de Fadesa a principios dos 90, senón máis ben un matrimonio de intereses

A noticia animou o cotarro inmobiliario polo que implica simbolicamente a volta ás andadas de Jove en España. Pero iso non significa que o multimillonario coruñés e o seu diñeiro quedaran quietos esta última década. Neste tempo o empresario gañou todos os xuízos ao ex-presidente do Real Madrid Fernando Martín, o construtor co que pechou a venda do seu emporio en apenas 48 horas en 2006 e que ano e medio despois acusouno nos tribunais dunha estafa de 1.500 millóns de euros por unha suposta mala valoración dos activos. Aquela opa amigable acabou como o rosario da aurora: Fadesa converteuse só ano e medio máis tarde na maior quebra da historia de España.

Unha testemuña que coñeceu de primeira man aquelas negociacións asegura agora que se vía vir. "Martín acababa de ser presidente do Real Madrid e estaba impaciente por facerse cunha empresa cotizada e Fadesa era unha das grandes do Ibex. Estaba claro que Martín ía de superexecutivo agresivo e Jove xogou o papel de galego reservado. Sempre se refería ao dono de Martinsa como 'ese mozo de Madrid'. Non sei se é un visionario que soubo anticiparse ao que viña ou simplemente que aquilo foi unha oferta das que non se poden rexeitar, pero ao final viuse quen tiña razón".

O preito pola suposta estafa, que gañou Jove, aireou algúns trapos sucios da venda. O fundador de Fadesa contou ao xuíz que nos meses posteriores á operación Martín díxolle que necesitaba 200 millóns de euros ou o levaría aos tribunais. Jove interpretouno como unha ameaza pero aínda así accedeu a comprar a Martinsa seis hoteis en Cataluña e Galicia por esa cantidade.

Jove levantou o Marineda City na Coruña, que inaugurou como un dos maiores centros comerciais de España para logo vendelo

Esa, medio obrigada, non foi a única operación inmobiliaria que desenvolveu Inveravante estes anos: levantou un centro comercial e de lecer na Coruña (Marineda City) que inaugurou como un dos maiores de España e logo vendeu; desenvolve complexos urbanísticos en Casabranca e Tánxer (Marrocos) onde Jove chegou a ser condecorado polo rei Mohamed VI. Está en Romanía, en México, no Brasil con centros turísticos ou de transportes e é propietario do Parque Warner, nos arredores de Madrid.

Por se non fose dabonda a esmagadora vitoria de Jove fronte a Martín nos tribunais, este quixo deixar patente tamén a goleada no mercado: a finais de 2015 o empresario coruñés decidiu acudir á poxa e recomprar aos administradores concursais de Martinsa-Fadesa algúns terreos que xa foran seus. Leiras que vendera en 2006 por 80 millóns de euros recuperounas o ano pasado por catro millóns.

Terreos que vendera en 2006 por 80 millóns de euros recuperounos o ano pasado por catro millóns

Así que dicir que Jove volve non é do todo exacto, a pesar de que a súa historia pode contarse como a do eterno retorno. Sen apenas estudos, emigrou moi novo a Alemaña, pero volveu para montar a súa empresa. Fracasou tres veces con outros tantos proxectos empresariais pero seguiu insistindo. E daquela chegaron os felices 90 e 2000 que o levantaron ao cumio do podium inmobiliario. Durante os anos previos á burbulla dedicouse a comprar grandes bolsas de solo rústico. Cada recualificación era un gordo na lotaría para a súa conta de resultados. Nos seus balances os terreos, aínda sen permisos para edificar, denominábanse "solo preurbanizable". "Pendentes de tratar co concelleiro", como os chamou maliciosamente daquela algunha promotora rival. Houbo concellos que expropiaron leiras a seis euros o metro cadrado que logo Fadesa trataba de vender xa como vivendas no mercado residencial para estranxeiros a 240 euros o metro.

 

Un Concello á quebra

Polo camiño, Jove e a súa exitosa promotora deixaron algúns cadáveres. Como a polémica urbanización de Miño  que levou á ruína ao Concello. A Costa Miño Golf pretendía edificar en pleno boom inmobiliario 1.217 vivendas e parcelas con vistas a un campo de 18 buratos. O goberno municipal aínda non sabe como vai afrontar os 25 millóns de euros que segundo o Tribunal Supremo debe pagar aos veciños expropiados pola baixa tasación que se fixo daquela para os terreos ocupados por Fadesa.

Urbanización Costa Miño, no concello coruñes / © Idealista

O municipio do Pino, onde a promotora coruñesa tentou desenvolver un controvertido polígono industrial pegado ao aeroporto de Santiago, ten un problema parecido. Ao final son os concellos (ambos os dous gobernados polo PP) os que acaban abonando a factura.

Jove tamén deixou algún cadáver, como a polémica urbanización de Miño, cuxo concello aínda non sabe como pagará aos expropiados os 25 millóns que ditaminou o Supremo

Moito antes e no centro da Coruña, Fadesa obtivo un permiso ilegal en 1997 do daquela alcalde socialista, Francisco Vázquez, para levantar o polémico Conde de Fenosa. As sucesivas sentenzas do Supremo que ordenan demoler os últimos pisos seguen pendentes de execución, co custo que iso terá para o orzamento da cidade.

Na Coruña, levantou o Conde de Fenosa cun permiso ilegal concedido polo goberno de Vázquez que o Supremo ordena demoler

O seu periplo empresarial, que o levou á lista dos máis ricos de España (ocupa o lugar número 12 empatado con Florentino Pérez cun patrimonio de 2.000 millóns de euros), deixou importantes buracos ás arcas públicas. É o caso da empresa de moda Caramelo, que acaba de ser liquidada polo propio Jove. O empresario comprouna ao bordo da quebra en 2007 para tentar reflotala. Non foi capaz e no intento consumíronse trinta millóns de euros en subvencións e créditos da Xunta de Galicia, primeiro co PSOE e logo co PP.

Fala un dos dirixentes políticos que se sentou con Jove en diversas reunións: "É un home prudente que fala só cando ten algo que achegar e, a diferenza doutros da súa especie, tratábate sempre con respecto e estaba ao tanto da política. Non era un novo rico ao uso, aínda que eu sempre tiven a impresión de que a súa principal virtude é que soubo rodearse ben. Daquela cabeza non podía saír todo o que fixo".

"Soubo rodearse ben. Daquela cabeza non podía saír todo o que fixo", di un dirixente político que negociou con el

Fóra dos seus negocios, a familia Jove puxo en marcha unha fundación que leva o nome da súa filla maior, María José (chamada a ser a herdeira da xestión e que faleceu en 2002 por un aneurisma cerebral) para atender a infancia e as persoas con discapacidade e é propietaria dunha importante colección de arte.

A pesar dos claroscuros de Fadesa, a lenda de Jove que se impuxo en Galicia é esa de o home feito a si mesmo que tanto reconforta ler. A do empresario paternalista que dá festas con orquestra para todos os seus empregados unha vez ao ano e que non cae en grandes luxos: ten iate, si, pero é de apenas 20 metros me eslora. E o jet privado (insisten os seus colaboradores) é un "instrumento de traballo máis". O tiburón dos negocios, contan os que están preto del, é un home comprensivo que sempre axudou os seus empregados en dificultades. E que segue dedicando o seu tempo de lecer a construír mobles coas súas propias mans na carpintaría que se instalou no seu chalé de Culleredo, nos arredores da Coruña. O oficio que aprendeu da súa familia na infancia. Outro retorno máis de Manuel Jove.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.