A Xunta mantén a fe nos investimentos de Ferroatlántica pero garante que vetará a segregación

Feijóo intervén no pleno do Parlamento © Xunta

Feijóo, ao igual que fixera o PP un día antes, advertiu que Ferroatlántica non fixo aínda solicitude ningunha da temida segregación das centrais hidroeléctricas das factorías de ferroaliaxe de Cee e Dumbría. Malia que estas intencións si foron manifestadas extraoficialmente pola empresa e que o Grupo Villar Mir llelas tería trasladado aos traballadores, o presidente da Xunta aludiu aos datos que el posúe para asegurar que a compañía "ten que seguir unida"

Feijóo asegura que Ferroatlántica "ten que seguir unida" e que "o interese público segue unido ás concesións"

"Cando esa empresa pregunte á Xunta e solicite a información e a concesión, coa información, coa lei e coas sentenzas que temos, non vemos que cambiase nada; pensamos que ten que seguir unida a hidroeléctrica á explotación industrial", respondeu Feijóo ás preguntas do portavoz de En Marea, Luís Villares, que advertiu das consecuencias desa posible desagregación e que pediu ao presidente que a "evite" en base ás competencias do seu Goberno. "Toda Galicia sabe que ten a competencia exclusiva e que nas concesións vixentes prohíbese a segregación", dixo.

Feijóo insistiu en que "o interese público segue unido ás concesións" polo que non se podería "autorizar esa segregación", logo de asumir que a empresa está meditando a "posibilidade de solicitar allear as centrais e facer un plan industrial en Sabón e na Costa da Morte". 

Ademais, Villares insistiu en que as intencións de segregación son "un rumor que aos traballadores lles chegou directamente da empresa" e advertiu a Feijóo de que a compañía "anda petando de porta a porta por toda a Costa da Morte persuadindo das bondades dese plan que non ten nada que ver co réxime actual de concesión". "Por bos que sexan, non impiden a extinción da concesión", insistiu o voceiro de En Marea, que lle pediu que "reciba e escoite as demandas dos traballadores". 

Villares advirte das intencións da empresa e dun novo plan "que nada ten que ver co réxime actual de concesión"

Ante estas peticións, Feijóo lembrou que o seu goberno, aínda en funcións, entrevistárase co comité de empresa de Ferroatlántica e cos representantes do centro de Arteixo e adiantou unha xuntanza esta semana -será o vindeiro venres- cos alcaldes dos concellos da zona. Ademais, atacou a Villares animándoo a "ir a Mugardos, Fene e Ferrol a dicirlles aos traballadores que non quere que peche Reganosa ou ir a Vigo a dicir que se confundiron votando contra a lei que amplía as instalacións de Citroën". 

O discurso de Feijóo coincide co que o día anterior expuxo o vicevoceiro na Cámara do PP, Miguel Tellado, tras defender unha proposición non de lei, tramitado por vía de urxencia, no que os populares solicitan á Xunta que elabore "estudos técnicos e xurídicos oportunos" para analizar a "compatibilidade coas condicións existentes" da venda das centrais. Piden que se paralice a operacion ata que Villar Mir lle dea unha volta ás súas intencións e avisan de que a compañía non fixo petición oficial ningunha, polo que nada cambiou. Aprobada a proposta polo grupo popular, non se aprobou ningunha das emendas da oposición, que cargou contra a dereita. 

Así, Noa Presas, do BNG, censurou a "explotación neocolonial" que a empresa fai dos recursos naturais da zona e a ameaza que agora cae sobre os empregos; desde o PSdeG advertiron que a "única viabilidade" é evitar a segregación e desde En Marea aclarouse que "ou se está cos traballadores ou se está co señor Villar Mir, non hai máis". 

Feijóo intervén no pleno do Parlamento © Xunta
Villares, reunido cos traballadores de Ferroatlántica pechados no Concello de Cee © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.