0 Gardados para despois

Pemex queda en Barreras pero cancela o segundo flotel prometido

Redacción | @prazapublica

O director xeral de Pemex, José Antonio González Anaya, visitou este mércores a factoría naval de Barreras en Vigo -da que a empresa mexicana posúe o 51%- e asegurou que a petroleira manterá a súa participación no estaleiro pero, a un tempo, descartou polo de agora a construción do segundo flotel, prometido e anunciado en setembro de 2015. Do mesmo xeito, Anaya tamén desbota que, como anunciara a Xunta en 2012, a empresa vaia instalar unha terminal loxística no porto exterior da Coruña.

Pemex asegura que manterá a súa participación en Barreras pero descarta construír o segundo flotel prometido hai máis dun ano

González Anaya visitou o flotel xa construído, o Reforma Pemex, que zarpará xa este sábado con destino a México, cara a onde tamén navegará o outro buque -Orgullo Petrolero- hotel encargado a Navantia Ferrol e que estará listo o vindeiro ano. Son aquelas dúas embarcacións construídas en Galicia froito do polémico acordo que a Xunta asinara coa petroleira azteca e do que as moreas de promesas quedaron finalmente en moito menos. Agora, a multinacional pasa por unha fonda crise debido fundamentalmente á caída do prezo do petróleo. 

Polo momento, desde a chegada de Pemex a Barreras tan só se construíu o devandito flotel, malia que se teñen presentado ofertas vinculadas á petroleira para un supply, buques para pozos petrolíferos, un atuneiro e ese segundo buque hotel que xa non se construirá. Tamén se paralizou o proxecto para construír un estaleiro propio en México con transferencia de Barreras. Preguntado sobre posibles desinvestimentos nas instalacións galegas ou mesmo unha venda, Anaya non quixo pronunciarse. 

No entanto, tamén confirmou o adiamento da prometida dársena exterior en punta Langosteira, porto exterior da Coruña en Arteixo. "Iso quedou aparcado, cambiou moito a estratexia de subminisro e prezos enre Europa e Norteamérica, explicou outro directivo durante a visita en Vigo, José Manuel Carrera Panizzo, segundo destaca La Opinión. O proxecto pretendía ocupar unha superficie de 30.000 metros cadrados para unha base de graneis líquidos e un pantalón. Serían 58 millóns de investimento que, polo momento, non chegarán. 

Barreras queda agora sen carga de traballo á espera de conseguir algún contrato nos vindeiros meses

Xa que logo, Barreras queda agora sen carga de traballo á espera de conseguir algún contrato, como un minicruceiro de luxo, pero Pemex non ten previsto encargar ningún traballo para o estaleiro vigués nos vindeiros meses. 

Pemex xa cancelara a renovación da frota de grandes buques ou a construción de cinco barcos máis pequenos en Barreras

Non é a primeira vez que Pemex apraza os seus proxectos en Barreras pola súa fonda crise. Xa hai máis dun ano decidiu cancelar varios dos prometidos en Barreras, como a renovación da frota de grandes buques ou cinco barcos máis pequenos comprometidos publicamente, á marxe do flotel que agora se entrega. A petroleira mexicana fíxose coa maioría das accións por 5 millóns de euros.

Feijóo chegou a incluír 40 buques nas súas sucesivas promesas sobre a carga de traballo que Pemex proporcionaría a Galicia

Os dous floteis, xa que logo, están lonxe dos máis de corenta buques que o presidente da Xunta incluíu nas súas sucesivas promesas. Dous buques hotel, catorce remolcadores, dous quimiqueiros e a segura construción da frota menor da petroleira mexicana por parte de estaleiros galegos. Ese era o plan previsto naquel acordo estratéxico maio de 2012 e que fora reducido logo un pouco naquel anuncio preelectoral e  na que se anunciaran os dous floteis que suporían 3.000 empregos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.