0 Gardados para despois

As accións de Monbus á venda axitan o sector galego do transporte nun momento clave

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


"Monbus véndese: Alsa e Arriva, á expectativa". O titular na primeira páxina na edición do xornal Expansión do pasado venres axitou o sector do transporte. A posibilidade de que o xigante que controla dende Galicia máis da metade das liñas de autobús do Estado poida cambiar de mans sería un verdadeiro terremoto empresarial con implicacións económicas, sociais e tamén políticas. Ás poucas horas dende a contorna do grupo que preside Raúl López advertiuse de que o que podería cambiar de mans é, como moito, un terzo da empresa, o que pertence a Abanca. No entanto, no sector lese a nova como un novo sinal dos abondosos ruxerruxes que arrodean a compañía con sede en Lugo dende hai meses.

"Nos meus plans non está vender", afirmou López en declaracións a El Progreso tras a saída á luz dunha nova tras un dos períodos máis convulsos para a empresa. A rotundidade das súas verbas contrasta cos movementos en torno a Monbus que, segundo fontes do sector consultadas por Praza.gal, se suceden dende hai meses. O interese de Alsa ao que apunta Expansión viríase unir a outras grandes empresas do transporte que, indican as mesmas fontes, pairan sobre Monbus dende hai tempo. Soan con especial forza dous nomes tamén aludidos polo xornal madrileño: a alemá Deutsche Bahn -Arriva é parte deste grupo- e a mexicana Autobuses del Oriente (ADO), compañía referente no país centroamericano e propietaria dende 2013 da española Avanza.

López nega ter "plans" de venda e Monbus só admite posibles movementos no 34% que pertence a Abanca 

Pero, que podería provocar que Monbus cambiase de mans? As fontes consultadas por este diario apuntan, fundamentalmente, a dous factores. Un sería a inexistencia dunha remuda xeracional clara para o presidente do grupo cando opte pola xubilación -López naceu en 1950-. Outro, os problemas xudiciais nos que se ve inmerso dende marzo de 2015, cando a xuíza Pilar de Lara lanzou a denominada Operación Cóndor. De Lara, que xa cuestionara o proceder de Monbus a raíz de escoitas do caso Pokémon, comezou esta nova operación arrestando a López e manténdoo detido durante tres días nos que foi cuestionado por presuntos movementos de diñeiro negro.

A inexistencia de relevo xeracional na empresa e os problemas xudiciais nos que se viu inmersa son, segundo fontes do sector, os principais factores que poderían provocar a operación

O levantamento do segredo de sumario, o pasado verán, revelou que a maxistrada investiga o empresario -antiga imputación- por presuntos delitos fiscais e de branqueamento de capitais, ademais de falsidade, tráfico de influencias e suborno. López, no entanto, vén declarándose "tranquilo" dende hai meses a respecto desta investigación. "Puido haber algunha irregularidade administrativa, pero está aclarada", subliñou mentres, en varias declaracións públicas, asegurou que as súas empresas sempre "cumpriron a lei".

Con este pano de fondo, o que si se admite dende a contorna de Monbus é a posibilidade de que o 34% das accións, as de Abanca, cambien de mans. Estas son as herdadas da desaparecida Novacaixagalicia e o movemento suporía que a entidade financeira siga a liña de desinvestimentos xa iniciada coa fusión de Caixa Galicia e Caixanova e, do mesmo xeito, dende a compra de Novagalicia Banco por parte do venezolano Banesco. Alén diso, indican, as intencións pasan por continuar a expansión que caracterizou o grupo nos últimos anos.

Momento clave para o sector en Galicia

A anulación polo Supremo das prórrogas das liñas de bus aprobadas pola Xunta en 2010 impactou notablemente en Monbus

Unha eventual venda de Monbus sería un movemento de grande importancia para o sector do transporte en Galicia nun momento clave. O transo é tal por mor da sentenza que o pasado marzo botou abaixo a prórroga das liñas de autobuses outorgada pola Xunta en 2010, que impactou en boa medida nas expectativas do negocio de Monbus. A maior parte das 129 prórrogas anuladas terán que ser adxudicadas de novo e, segundo a Xunta, a oportunidade será aproveitada para reorganizar o conxunto do transporte de viaxeiros por estrada, reordenando un mapa que se remonta a "diferentes momentos do século XX" e que, en boa medida, xa non responde ás necesidades de mobilidade da poboación.

Se a maioría das accións da empresa chegasen a ser vendidas -algo que López asegura non prever- a influencia da compra e venda non se limitaría unicamente ao mundo do transporte. Non en van, alén do amplo grupo de compañías de autobuses de liña, discrecionais e urbanos, das empresas de Raúl López dependen tamén concesións públicas como o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago. Ademais, López é tamén presidente do CAB Obradoiro, equipo de baloncesto da capital galega ao que chegou tras dúas xeiras na presidencia do Breogán de Lugo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.