Inspección de Traballo sanciona a Correos por facer 600 contratos 'a dedo' en Galicia

Dous traballadores de Correos nunha vila galega CC-BY-SA CIG

Correos vén de ser sancionada con falta grave por parte da Inspección de Traballo por formalizar máis de 600 contratos "a dedo" en Galicia. Concretamente, foron contratacións na provincia da Coruña por parte da empresa pública sen ningún tipo de proceso selectivo transparente. 

Inspección de Traballo condena a Correos por "infracción grave" ao contratar 600 persoas sen ningún proceso selectivo transparente

Tal e como indica Inspección de Traballo no seu ditame, ao que tivo acceso Praza, a sanción chégalle a Correos "pola non apertura de bolsas [de contratación] e a utilización abusiva da contratación mediante o sistema de idóneos cando esta é exclusiva de situacións excepcionais". Esta forma de proceder da empresa pública incumpre o convenio colectivo e supón unha "infracción en materia laboral de carácter grave", unha multa económica elevada da que non se coñece a cantidade. 

A sanción chegou logo da denuncia que presentou o sindicato CGT, que denunciou que Correos levaba ano e medio "formalizando contratos a persoal enchufado e seleccionado a dedo sen mediar ningún tipo de proba de selección coñecida e transparente", tal como é a obriga de calquera organismo público. A resposta da empresa ante a acusación foi intentar argumentar que esas contratacións debíanse a "desaxustes organizativos puntuais" e que eran "extraordinarias"

Máis de 600 contratos dos 3.000 temporais que Correos fixo durante 2016 foron a dedo

No entanto, as cifras -denunciadas polo sindicato e asumidas por Correos como reais- probaron que a empresa pública formalizara máis de 600 contratos a persoal que non pasara ningún tipo de proceso selectivo transparente dun total de pouco máis de 3.000 contratos temporais durante este ano 2016. Xa que logo, máis do 15%, un de cada sete contratos tan só na provincia da Coruña. Alén disto, tal e como destacan fontes do cadro de persoal, a gravidade acentúase ao comprobarse como os novos empregados eran contratados "por amiguismo". "Se coñecías algún traballador ou tiñas un familiar na compañía, podías acceder ao emprego", explica. 

"Se coñecías algún traballador ou tiñas un familiar na compañía, podías acceder ao emprego"

O caso é que esta situación non só se está a producir na provincia da Coruña, senón no resto de territorios galegos e no conxunto do Estado. A insistencia da CGT e a consecución de importante documentación deu lugar á reacción de Inspección de Traballo, que xa hai varios meses instara a Correos a contratar fixos disconntinuos ao comprobar o seu proceder logo doutra demanda sindical. A dilatación dos prazos impide, en moitos casos, que máis denuncias saian adiante. 

A CGT levará á Fiscalía un caso que non é exclusivo da provincia da Coruña senón que se dá en toda Galicia e o Estado

Desde a CGT prometen "chegar ao fondo deste asunto" e "pedir as responsabilidades pertinentes ás persoas que autorizaron a utilización de diñeiro público para contratar", así como aclarar  cales foron os criterios de selección que se seguiron  para contratar esas persoas. De feito, levarán o caso á Fiscalía ao entender que a empresa puido ter cometido tamén un delito de prevaricación e para que estude as posibles responsabilidades que poidan ter as persoas que decidiron contratar de este xeito irregular

O sindicato lembra, ademais, que xa esixiu en diferentes ocasións a Correos "que abrise as bolsas de contratación á cidadanía, ou en todo caso, que acudise aos sistemas públicos de contratación", sen ter recibido nunca resposta a esas suxestións, algo que tamén recolle Inspección de Traballo como sancionable na súa resolución. A CGT advirte tamén que esixirá "responsabilidades internas" na dirección de zona de Correos. 

Moto de Correos nunha vila galega CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.