A escalada do prezo da electricidade sitúa no foco as alternativas de produción e comercialización

Campaña de Nosa Enerxía e Amigos da Terra © Nosa Enerxía

O prezo da electricidade segue a subir en España, coincidindo coa suba das temperaturas. Este venres acadou os 88 euros por megavatio hora (MWh), un novo máximo en tres anos, acadando o nivel de decembro de 2013. A suba dende o 1 de xaneiro supera o 70%, pois hai tan só tres semanas o prezo era de tan só 51 euros. A escalada provocou a reacción de grupos como Greenpeace, que este xoves a cualificou como "a pinga que enche o vaso dos despropósitos do Goberno en materia enerxética". 

Sara Pizzinato, responsable da campaña de enerxías renovables de Greenpeace, sinalou que o Goberno central "está a entorpecer o desenvolvemento das renovables, o autoconsumo e as solucións de aforro de enerxía porque non quere aceptar ningunha medida que reduza as facturas da luz". Para Pizzinato, a política enerxética do PP ignora "as necesidades da cidadanía" e "só responde os intereses económicos das eléctricas". Nese sentido, Greenpeace difundiu este xoves un comunicado no que denuncia que o Executivo Rajoy non só "prefire as enerxías obsoletas e contaminantes, que teñen un impacto directo nas facturas dos fogares", senón que mesmo está a impedir que a cidadanía se beneficie das vantaxes ambientais e económicas de "as dúas maiores oportunidades enerxéticas de España: as renovables e a racionalización da cantidade de enerxía que usamos".

Segundo Greenpeace, as enerxías renovables, o autoconsumo, as medidas de aforro, o desconectar o gas da electricidade e baixarlle o prezo á potencia son as solucións para reducir o prezo da luz

A organización ecoloxista ofreceu tamén unha serie de propostas para baixar o prezo da electricidade, medidas que -denuncia- o Goberno do PP non está a tomar. Segundo Greenpeace, as enerxías renovables, o autoconsumo, as medidas de aforro, o desconectar o gas da electricidade (ou sexa, non producir máis electricidade con gas, que é moi caro) e baixarlle o prezo á potencia son as solucións para reducir o prezo da luz.

O prezo da electricidade en España varía en función de que tecnoloxías satisfán a demanda de electricidade de cada hora de cada día do ano. O prezo é fixado mediante un mercado almacenista que cada hora marca ese prezo cun mecanismo marxinalista. É dicir, primeiro cómpranse todas as existencias da fonte de enerxía máis barata dispoñible. De aí pásase a comprar as máis caras até chegar a cubrir toda a necesidade de electricidade prevista. O prezo final será determinado pola fonte máis cara. Que suba a demanda de electricidade implica que hai que acudir ás tecnoloxías máis caras e contaminantes para abastecernos (carbón e gas) e, polo tanto -explican desde Greenpeace-, é imprescindible fomentar o aforro de enerxía para evitar chegar a situacións como a actual.

Que suba a demanda de electricidade implica que hai que acudir ás tecnoloxías máis caras e contaminantes para abastecernos (carbón e gas) e, polo tanto é imprescindible fomentar o aforro de enerxía para baixar o seu prezo

Greenpeace considera con todo que a reforma eléctrica que executou o Goberno ten un obxectivo moi distinto: manter os ingresos do sistema eléctrico evitando custe o que custe calquera medida de eficiencia. Para garantilo -explican os ecoloxistas-, duplicouse o peso da parte da factura da electricidade fixa, polo que, aínda que se reduza a cero o consumo de electricidade, o consumidor terá que seguir pagando unha parte da factura eléctrica fixa que é proporcional á potencia contratada. Este termo fixo creceu desmesuradamente nos últimos anos por mor da presión das empresas eléctricas, que non queren ver mermados os seus beneficios mesmo cando a crise ou as medidas de eficiencia baixaron considerablemente a demanda de electricidade. Greenpeace recoméndalle a cada consumidor que comprobe se a potencia contratada é a axeitada. Pódese atopar indicacións de como baixar a potencia que ten contratada na web bajatelapotencia.org e reducir de forma moi efectiva a súa factura.

 

As alternativas, en auxe

A alarma social xerada nos últimos días pola escalada dos prezos da electricidade está facendo que moitas persoas dirixan o seu interese cara a estas alternativas

De igual xeito, de forma paseniña pero constante, as cooperativas de comercialización (e produción nalgún caso) de enerxía verde, como Som Energia ou Nosa Enerxía continúan a gañar usuarios e usuarias. Ademais, a alarma social xerada nos últimos días pola escalada dos prezos da electricidade está facendo que moitas persoas dirixan o seu interese cara a estas alternativas que poden ofrecer prezos menores, pero sobre todo a garantía dunha orixe limpa da enerxía e a posibilidade de decidir e participar na súa xestión.

De feito, SomEnergía, cooperativa nacida en Cataluña que conta cun bo número de socios e socias en Galicia, vén de superar a cifra dos e das 30.000 participantes. Daniel Espiñeira, un dos impulsores do grupo galego, destacaba en conversa con Praza as variadas razóns que tiñan as persoas que comezaban a participar na cooperativa: "Ofrecemos os mellores prezos do mercado? Si, porque aínda que temos menos marxe, non temos ánimo de lucro, e só temos algúns pequenos gastos de sostemento da cooperativa. Con todo, o aforro que ofrecemos non está tanto no prezo, coma en propostas que realizamos en cuestións de eficiencia enerxética, temas nos que ofrecemos asesoramento".

De igual xeito, a cooperativa galega Nosa Enerxía, tamén segue gañando socios e socias, mesmo dende o ámbito institucional. Recentemente recibiu a incorporación do Concello de San Sadurniño, que se uniu a Rianxo e Ames.

Asemblea de Som Energia © Som Energia
Campaña de Nosa Enerxía e Amigos da Terra © Nosa Enerxía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.