ACOUGA recoméndalles ás vítimas das cláusulas solo que acudan á vía xudicial

Mobilización contra as cláusulas-solo © PSdeG-PSOE

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) rexeita o real decreto lei aprobado este venres polo Consello de Ministros, que propón unha solución extraxudicial á devolución das cantidades cobradas de máis polos bancos aos seus clientes coa aplicación das cláusulas de chan hipotecarias.

O pasado 23 de decembro, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea confirmou a nulidade das cláusulas e a obriga de reintegrarlles aos consumidores, con carácter retroactivo ilimitado, o diñeiro cobrado de máis. A proposta incluída no decreto, que foi acordada cos grupos parlamentarios de Ciudadanos e PSOE, entrou en vigor este sábado e, entre outros aspectos, dálles aos bancos un prazo de tres meses para devolverlles os cartos aos clientes afectados.

"A solución extraxudicial permitiralles aos bancos demorar os pagos e ofertar a modo de rebaixas fórmulas de compensación que prexudicarán aos afectados"

O secretario xeral de Acouga, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, amósase partidario da reclamación por vía xudicial das cantidades ás que teñen dereito, por entender que "a solución extraxudicial permitiralles aos bancos demorar os pagos e ofertar a modo de rebaixas fórmulas de compensación que prexudicarán aos afectados". “Á banca en xeral non lle interesa unha solución integral e rápida do asunto; prefiren diluír os efectos prexudiciais para eles ao longo de varios exercicios”, sinala o letrado. Pérez-Lema engade que “o decreto-lei non crea un sistema de arbitraxe nin de mediación, ao que Acouga si estaría aberta, simplemente propón un mecanismo de negociación bilateral desequilibrada a prol do banco, e os consumidores só poden perder cunha solución desta caste”.

Malia que Acouga está en contra de negociar cos bancos nestas condicións, o seu presidente, Manuel Pérez Arias, anunciou que a asociación, como entidade sen ánimo de lucro, “ofreceralles de xeito gratuíto asesoramento e información aos socios que decidan acudir á vía de negociación bilateral que abre o decreto-lei".

 

Mobilización contra as cláusulas-solo © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.