'Lito', o rei das orquestras, ante a xustiza: pídenlle 14 anos e 53 millóns de multa

Actuación da orquestra Panorama © Panorama

Ángel Martínez Pérez, máis coñecido como Lito, sentará o vindeiro xoves no banco dos acusados. O rei das verbenas en Galicia, o que fora promotor da Panorama, Combo Dominicano, París de Noia e doutras 80 orquestras, será xulgado na Audiencia Provincial de Pontevedra acusado de fraude fiscal e dun total de seis delitos contra a Facenda Pública. A Fiscalía pídelle 14 anos de cadea e máis de 50 millóns de multa.

'Lito' está acusado dunha fraude fiscal de 9,5 millóns entre os anos 2011 e 2012 

O empresario está acusado dunha fraude fiscal de 9,5 millóns de euros entre os anos 2011 e 2012. A través da súa emrpesa, Representaciones Lito SL, controlaba máis da metade do sector das orquestras en Galicia. Naqueles dous anos, segundo as investigacións de Facenda e da Fiscalía, non tribuou as súas obrigas sobre imposto de sociedades, IRPF e IVE. 

A acusación da Fiscalía, segundo a información facilitada polo TSXG, asegura que durante eses dous exercicios a contabilidade da compañía "non recolle a imaxe fiel da empresa" ao contabilizárense ao 100% os ingresos dos clientes que pedían factura, o que suporía aproximadamente un 8% do facturado. Xa que logo, non rexistrou os ingresos dos clientes que non pedían factura, o 92% restante. 

Segundo a Fiscalía, a empresa non tería rexistrado o 92% dos ingresos, todos os dos clientes que non pedían factura

A Fiscalía considera tamén que na contabilidade de Representaciones Lito non figuran gastos polos servizos das orquestas nin os dos representantes empregados para conseguir as contratacións. Ademais, aclara que a empresa incluíu como gastos facturas emitidas por outras empresas do grupo por diferentes conceptos como material ou transporte. Todo como parte dun sofisticado enguedello empresarial. 

Así, Augusto Santaló, fiscal de delitos económicos de Pontevedra, conclúe que o balance de espectáculos por orquestra e representante puido ser calculado baseándose en documentación non oficial, o que permitiu fixar o volume total de negocio polo que tiña que ter pagado impostos. Esa cifra de negocio non só chegaba do contacto dos clientes coas orquestras, senón do produto vendido, procedente da produción  musical e da intermediación. 

Facenda calcula que a empresa ingresou uns 50 millóns entre 2011 e 2012 pero declarou apenas 4

Facenda calcula que a empresa ingresou en 2011 uns 26 millóns de euros e declarou 2,16, mentres que en 2012 alcanzou os case 24 millóns de euros pero só constan uns 2 millóns na súa contabilidade oficial. A todo isto engádesellen as cantidades non tributadas de maneira correcta no imposto de sociedades e que superarían o medio millón de euros. 

En canto ao IVE, a Fiscalía conclúe que o total defraudado por este imposto superou os 8 millóns de euros en ambos os dous exercicios, ademais da non tributación esixida polos servizos dunha importante nómina de axentes comerciais que non emitiron factura polos seus servizos e aos que non se lles terían retido preto de 700.000 euros. 

A empresa de Lito tería defraudado 8 millóns en IVE e máis de medio millón no imposto de sociedades, ademais doutros conceptos

Por todos estes delitos, Lito enfróntase a unha pena total de 14 anos de cadea e ao pagamento de 52,7 millóns de euros: unha sanción de 21,6 millóns para el mesmo, outra idéntica para a súa empresa, así como a devolución ao Estado dos 9,5 millóns de impostos defraudados durante os anos 2011 e 2012.

 

O polémico 'modus operandi'

A que ten coa xustiza non é a primeira polémica deste representante en Galicia. Hai máis de dous anos, Espectáculos Lito  cancelou un concerto en Monforte porque o Concello lle concedera a outra empresa, nun concurso público, o resto de eventos das súas festas. O alcalde monfortino denunciou publicamente a situación e desvelou un xeito de facer nas verbenas no país que era sabido por moitos pero que nunca se censurara de maneira tan clara. 

"Ou xestionamos todas as festas, ou quedas sen a Panorama", disque era a forma de negociar da compañía, que recoñeceu este modus operandi pero negou que exercera chantaxe ningunha.

Actuación da orquestra Panorama © Orquesta Panorama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.