A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) leva anos marcada polas liortas internas, as débedas e a incapacidade para atopar a viabilidade. O que ata a pasada semana fora último presidente electo da entidade, Antonio Diéter, dimitiu menos dun ano despois de chegar ao cargo tras non dar reconducido a situación, tan turbulenta polas finanzas como polos enfrontamentos. Tras un período de interinidade a pasada semana chegou ao cargo o construtor Antón Arias co reto de reconducir a división persistente -saíu elixido por 100 votos fronte a 64 en contra- e a non menos complexa situación económica, pero tamén cunha análise do panorama sociolaboral que contrasta co dos seus homólogos da patronal española: ao seu xuízo, é tempo de subir soldos e abandonar o "modelo fracasado" da última reforma laboral.
Despois de que o seu antecesor no cargo tamén diferise da CEOE ante a expectativa de posibles alianzas de esquerdas nos gobernos -"todo o que sexa democrático non me preocupa", resolveu ás portas das eleccións galegas-, Arias amosouse convencido nunha entrevista coa Radio Galega de que "é a hora de subir salarios". Será en cada sector e no contexto do diálogo social o "nivel" da suba, pero "iso, loxicamente, é unha reflexión que temos que poñer sobre a mesa", sinala. As empresas, reflexiona, deberan ser as primeiras interesadas en que os eu persoal "poida deseñar a súa vida, asumir plans de futuro" e "iso pasa por unha política salarial que o permita".
Antón Arias: "O tipo de emprego que se deriva da reforma laboral é un modelo fracasado, temos unha precariedade elevadísima"
Arias difire das receitas doutras voces empresariais no que atinxe aos salarios e tamén no referido á lexislación laboral vixente. Faino a título "persoal", advirte, xa que "no mundo empresarial hai gran diversidade de opinións". Pero ao seu xuízo, "o tipo de emprego que se deriva da reforma laboral é un modelo fracasado". "Temos -salienta- unha precariedade elevadísima, non somos capaces de xerar emprego de calidade" e iso supón "unha gran lacra" que tamén afecta ás empresas. Cómpre, afirma, "fomentar a contratación de longo percorrido" e utilizar a temporal "unicamente para cuestións temporais".
A minoría que máis gaña, privilexiada durante a crise
O panorama de precariedade laboral e salarial apuntado por Arias na súa estrea á fronte da CEG foi ratificado hai poucos días polos datos de salarios difundidos polo Instituto Galego de Estatística a partir de datos da Enquisa de Poboación Activa. Aínda que con certas diferenzas en canto ás cantidades a respecto dos datos manexados o pasado ano polo INE a tendencia debuxada é, esencialmente, a mesma: as persoas con traballos precarios e salarios máis baixos viron decrecer os seus salarios durante o período de dificultades económicas mentres os soldos de maior contía continuaron a subir.
Os soldos máis baixos caeron en Galicia un 12% durante a crise e os máis altos ascenderon un 6%, segundo o IGE
Segundo o estudo do decil de salarios -que divide os soldos medios en dez grupos segundo o seu importe- as persoas que no ano 2010 ingresaban cada mes unha media duns 500 euros apenas pasaban en 2015 dos 430, o que implica un retroceso por riba do 12%. Fronte a este grupo máis prexudicado, composto fundamentalmente por traballos pouco cualificados e a tempo parcial, as persoas que roldaban en 2010 os 4.000 euros de soldo apenas viron rebaixar os seus ingresos un ano, entre 2012 e 2013, para despois regresar á senda ascendente e achegárense en 2015 aos 4.300 euros ao mes. A suba do período, daquela, foi superior ao 6%.