O mercado laboral galego rematou 2016 cun récord de contratos. Segundo datos do Servizo Público de Emprego recompilados polo Instituto Galego de Estatística foron un total de 944.114, o que supón case un 8% máis que no ano anterior e case un 20% por riba do ano 2008, considerado o do inicio da crise económica. No entanto, estas cifras históricas de contratos asinados non son sinónimo dun incremento do emprego co mesmo vigor. Non en van, o mercado laboral é cada vez máis reducido e rexistra arredor dun 11% menos de persoas a traballar que no inicio da recesión.
Os contratos indefinidos foron en 2016 un 20% menos que en 2008 e os temporais, un 24% máis
A disparidade entre o número de contratos e o volume total de persoal con traballo débese, fundamentalmente, a que os contratos temporais aumentan a un ritmo moito maior que os indefinidos. Ou, dito doutro xeito, que cada posto de traballo temporal é cuberto cada vez por un maior número de contratos. Deste xeito, no devandito ano 2008 en Galicia asináranse algo máis de 87.000 contratos indefinidos -incluíndo conversións dos temporais- e uns 706.000 temporais nas súas diversas modalidades. En 2016 os indefinidos foron uns 70.600 e os temporais, máis de 873.000. Así, os contratos estables son
Os contratos a tempo parcial son un 37% dos rexistrados, trece puntos máis que antes da crise
Alén do incremento da temporalidade nos novos contratos os rexistros do IGE amosan tamén o maior peso do traballo a tempo parcial nestas novas contratacións. Dos case 800.000 contratos rexistrados no ano 2008 practicamente 600.000 eran por xornada completa, mentres que uns 190.000 implicaban traballo a tempo parcial e arredor de 4.500 se correspondían con postos fixos discontinuos. No 2016, tras oito anos de crise, os contratos a tempo completo acadaron unha cifra moi semellante á de 2008, case 588.000, mentres que a contratación a tempo parcial pasou de 192.000 a 350.000, o maior número da serie, e os fixos discontinuos a 5.500. Así as cousas, os contratos de xornada completa pasaron de ser o 75% ao 62% de todos os rexistrados, mentres que o peso da contratación a tempo parcial pasou do 24% en 2008 a 37% no pasado 2016.
A combinación de temporalidade e parcialidade deriva nun panorama no que o número de contratos rexistrados no país medra con vigor, mesmo a niveis superiores aos anteriores á crise, pero este ritmo non se corresponde co crecemento do emprego. Nesta liña, o número de contratos chegou a crecer en 2016 ata case un 15% interanual, mentres que as afiliacións medias á Seguridade Social apenas superaron o 2% a respecto do ano anterior nun mercado laboral que acumula máis de media década por baixo do millón de persoas a traballar.