0 Gardados para despois

Galicia perdeu 1 de cada 5 empregos industriais dende o 2008

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En xuño de 2008 traballaban en Galicia no sector industrial 219 mil persoas, segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), e 210 mil seis meses despois. Hoxe fano 165.500 (dato da EPA do cuarto trimestre de 2016). A caída nestes oito anos é duns 54 mil empregos, algo máis do 20%. O punto máis baixo tivo lugar entre 2013 e 2014, cando se rozou o nivel dos 150 mil postos de traballo (unha caída de 68 mil) . Dende entón, a tímida recuperación do emprego permitiu gañar uns 14 mil, apenas dous de cada dez que foran destruídos.

A mesma evolución podemos observala noutro indicador, o que o ofrecen as cifras de afiliación á Seguridade Social, con datos por sectores económicos dende o 2009. En xuño de 2009 estaban afiliados e afiliadas case 159 mil traballadores e traballadoras no sector industrial galego. O número chegou a descender ata os 124 mil de decembro de 2014. Dous anos máis tarde, a recuperación foi moi tímida, sumando uns 6.500 novos asalariados e asalariadas. A caída do emprego industrial dende xuño de 2009 é do 18%.

A situación do sector podemos analizala tamén a través do Índice de Produción Industrial, con base 100 no ano 2010. O IPI acadou o seu valor máximo en decembro de 2006 (124.72), descendendo ata valores próximos a 80 entre o 2012 e o 2014. Dende entón, produciuse unha recuperación moi leve, que deixou o índice en 82.80 en decembro de 2016.

Segundo os datos da EPA, no primeiro trimestre de 2008 o 18,2% dos traballadores e traballadoras galegas estaban ocupadas na industria. Hoxe é o 15,8%, cunha leve recuperación dende o nivel mínimo acadado en 2013 (15,1%). Segundo a estatística da Seguridade Social o 13,9% dos afiliados e afiliadas traballan no sector industrial, consolidándose unha economía cun peso cada vez menor do sector secundario. 

Os datos de afiliacións fornecidos pola Seguridade Social permítennos observar en que concellos o emprego no sector industrial é máis importante. O sur da provincia de Pontevedra, Ferrolterra, A Coruña e Bergantiños, Caldas ou o Salnés son algunhas das comarcas nas que o emprego industrial supera a media galega. Por concellos, destacan nomeadamente Carballeda de Valdeorras, As Somozas, Valga, Salceda de Caselas, Pontecesures, O Barco e Salvaterra do Miño. Pola contra, hai 61 concellos nos que menos do 10% dos traballadores e traballadoras están ocupadas na industria, destacando nesta categoría o sur da provincia de Lugo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.