"Mentres non se aproba a normativa estatal, recoméndase non realizar a plantación de cultivo de pataca nas zonas demarcadas. Tras a publicación do programa nacional de control e erradicación do patóxeno, a presenza da praga nos cultivos das zonas afectadas suporá que estes sexan declarados como infestados, e procederase á arrinca e destrución da colleita". A Consellería de Medio Rural publicou no DOG deste martes unha orde na que recomenda non plantar patacas nos 31 concellos afectados pola praga de couza gutemalteca e na que anticipa que o decreto ministerial que se publicará nos vindeiros días obrigará a arrincar e destruír os cultivos nas localidades nas que o patóxeno foi detectado.
O decreto ministerial obrigará a arrincar e destruír os cultivos nas localidades nas que o patóxeno foi detectado
As medidas anunciadas pola Xunta este martes adquiren, pois, un carácter transitorio, á espera de que o Goberno central decida aprobar e publicar o seu documento de medidas. Medio Rural insta os operadores de pataca a "notificar de forma inmediata" cando "detecten síntomas ou sospeiten da presenza de Tecia solanivora Povolny nas súas instalacións". Así mesmo, ordena a todos os produtores de pataca, tanto profesional como de autoconsumo, localizados en calquera dos concellos declarados como zona demarcada a "comunicar a superficie plantada na presente campaña".
Na súa orde, o Goberno galego deixa nas mans dos concellos o control da procedencia dos tubérculos que se venden nos mercados locais. Os concellos deberán vixilar "a procedencia dos tubérculos que se venden nos mercados locais, constatando a orixe da pataca comercializada e adoptando as medidas para impedir, se é o caso, a circulación".
"Nos numerosos concellos pequenos que non teñen policía local, van ir os alcaldes pola feira adiante inmobilizando as patacas?", preguntouse Fernando Suárez
Isto foi de inmediato criticado polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez: "Cando teñen que tomar medidas coercitivas, delegan nos Concellos. Moi ben, no Concello de Ribadeo non temos afán de ser insubmisos, e poderemos facelo porque somos un concello mediano e temos policía local", dixo. Porén, o rexedor preguntouse "e nos numerosos concellos pequenos que non teñen policía local, van ir os alcaldes pola feira adiante inmobilizando as patacas?".
"A Xunta non toma medidas de prohibición efectiva porque agarda a que as tome o Ministerio. E o Ministerio, como o tema da pataca non é un asunto de Estado, como pode ser o aceite en Andalucía ou as laranxas no Levante, tómao con moita calma"
Suárez tamén criticou a inacción da Xunta, sinalando que está a adiar calquera decisión ata a aprobación do decreto ministerial: "A Xunta, ademais de estar actuando moi moi tarde, parece que en vez de executar as competencias que ten en agricultura, parece que está a xogar unha partida de brisca, na que o único que fai é repartir as cartas, sen participar no xogo para nada. Non toma medidas de prohibición efectiva porque agarda a que as tome o Ministerio de Agricultura. E o Ministerio, como o tema da pataca non é un asunto de Estado, como pode ser o aceite en Andalucía ou as laranxas no Levante, tómao con moita calma".