"A esixencia de vidas laborais prolongadas dificulta que as mulleres poidan acceder a unha pensión"

Victoria Portas, portavoz do Movemento Galego en Defensa das Pensións (Modepen) © José Luis García Portela

O vindeiro sábado e domingo Mondoñedo acollerá o XII Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG centrado na análise da violencia económica que padecen as traballadoras labregas. Ao longo de dous días, máis de cen agricultoras participarán en charlas, obradoiros e debates ao redor de problemáticas como as enfermidades laborais do agro ou o sistema de pensións.

As pensións que reciben as labregas galegas están entre as máis baixas de todo o Estado, ben porque comezan a cotizar moi tarde, ou ben porque, directamente, na granxa só cotiza o cónxuxe varón en detrimento da muller. Dende que se aprobou a Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións, no ano 2009, en Galicia só se acolleron a ela 17 mulleres (datos actualizados en febreiro de 2017 polo Ministerio de Agricultura), cando nesta situación poden estar afectadas ao redor de 30.000 persoas na nosa comunidade.

O sábado 11 ás 11 da mañá está programada unha mesa de debate na que participarán varias mulleres labregas que contarán a súa situación ante casos de incapacidade laboral. Así mesmo, intervirán Teresa Burgo (avogada, activista e colaboradora do SLG que falará da problemática das baixas médicas e do recoñecemento das enfermidades profesionais), Beatriz Figueroa (avogada, xornalista e activista polos dereitos d@s enferm@s con cancro), e Victoria Portas (especialista en Seguridade Social, activista feminista e portavoz do Movemento Galego en Defensa das Pensións, Modepen). Falamos con Victoria Portas sobre a problemática crecente das pensións, os recortes que está a sufrir o sistema público e a situación concreta que viven as mulleres.

"O Goberno recorta no sector público das pensións para que a xente faga achegas no sector privado, en mans da banca e as aseguradoras. E exactamente o mesmo proceso que está a ter lugar na sanidade e na educación"

As medidas que nos últimos anos está adoptando o Goberno en relación coas pensións están provocando o inicio dunha mobilización social sostida sobre este tema?

Creo que precisamente este vai ser o prato forte desta lexislatura. Os pensionistas xa están a perder poder adquisitivo, despois da reforma que desliga do IPC a suba das súas contías. Ademais, o factor de sostibilidade, eses novos criterios de cálculo aprobados polo PP en 2013 e que se comezarán a aplicar a partir do 2019, fará que as pensións que se soliciten a partir dese ano sofran unha perda do 19 ou 20 por cento. A isto pódense sumar outros recortes no sistema público de pensións. Xa se fixo en educación, fíxose en sanidade, e parece que agora tocan as pensións.

Estas medidas responden a un obxectivo oculto de beneficiar as entidades que xestionan e promoven plans privados de pensións?

Esta manobra, en realidade, non está oculta. Outra cousa é que moitos dos medios non falen deste tema, porque xa sabemos que hai certos temas que non poden tratar. O Banco Mundial fixo un estudo, hai uns anos, no que sinalou que aqueles países nos que as pensións públicas son elevadas os fondos de pensións privados teñen poucos beneficios; pola contra, naqueles países onde as pensións públicas son de subsistencia, os fondos de capital privado están en auxe. O Goberno recorta no sector público das pensións para que a xente faga achegas no sector privado, en mans da banca e as aseguradoras. E exactamente o mesmo proceso que está a ter lugar na sanidade e na educación: recortes no público para beneficiar o sector privado.

"Moitas mulleres teñen que renunciar a traballar xornadas completas ou a ascender nas nosas profesións porque parece que se dá por feito que nós temos que responsabilizarnos en exclusiva da conciliación ou do coidado de persoas dependentes"

Tense alertado moitas veces do baixo nivel das pensións en Galicia, sobre todo para as mulleres. Cales son as causas?

As mulleres galegas reciben as pensións máis baixas de todo o Estado Español, movéndose nos 600 euros, por baixo do salario mínimo. Hai unha diferenza de case 400 euros entre a pensión media que reciben os varóns e a que reciben as mulleres. Isto é debido a moitos factores. Un deles é que hai moitos máis homes que mulleres xubilados cunha pensión contributiva completa. O feito de que cada vez se esixan vidas laborais máis prolongadas, por exemplo a reforma feita polo PSOE en 2011, dificulta que as mulleres poidan acceder a unha prestación contributiva. Moitas mulleres teñen que renunciar a traballar xornadas completas ou a ascender nas nosas profesións porque parece que se dá por feito que nós temos que responsabilizarnos en exclusiva da conciliación ou do coidado da xente maior ou de persoas dependentes. Todo isto leva a cotizar menos anos, a cotizar bases máis baixas.

"Cando ti tes que optar entre comer e pagar un seguro, optas por comer. O mesmo pasa noutros sectores, por exemplo no das mulleres autónomas"

O sábado falaredes en concreto do caso das labregas. Detectades cambios nos últimos anos, a raíz da Lei de Titularidade Compartida?

O colectivo das mulleres labrega é un dos que se atopa en peor situación. A pesar de que houbo melloras, unha parte moi importante está cotizando polas bases mínimas. En moitos casos porque realmente os seus ingresos non son suficientes; cando ti tes que optar entre comer e pagar un seguro, optas por comer. O mesmo pasa noutros sectores, por exemplo no das mulleres autónomas. Despois, segue sucedendo que a maioría das explotacións están a nome das súas parellas, a pesar de que elas lle dedican tanto ou máis tempo á actividade gandeira. As mulleres deben tomar a iniciativa, deben mirar pola súa cotización e ter conciencia de que o que elas declaran é o que repercute na súa declaración.

"Temos que unirnos. Os recortes nas pensións son un tema reversible e dende Modepen cremos que pelexando, como se fixo ante outro tipo de recortes, pódese conseguir parar isto"

Que labor facedes dende Modepen no día a día? Como poden as actuais e futuras pensionistas defender o sistema público e unhas pensións de calidade? 

Estamos participando en distintas mobilizacións, dende a das Marchas da Dignidade de hai dúas semanas, ás manifestacións feministas destes días, por exemplo, a convocada para este mércores en Vigo. Facemos tamén un traballo de información e difusión, tentando que a xente se conciencie da necesidade de loitar pola súa pensión. Ademais, estamos pendentes das xuntanzas do Pacto de Toledo, á espera de participar nas negociacións. Así mesmo, preparamos e presentamos mocións nos concellos, por exemplo relacionadas co recorte nos coeficientes redutores da idade de xubilación de mariñeiros, un asunto que para nós non está en absoluto solucionado. Temos que unirnos. Os recortes nas pensións son un tema reversible e dende Modepen cremos que pelexando, como se fixo ante outro tipo de recortes, pódese conseguir parar isto. As mulleres deben pelexar na defensa dos seus dereitos, porque se non pelexan non van poder conseguir nada. E informarse, porque se non estamos informados non podemos loitar contra isto.

 

Victoria Portas, portavoz do Movemento Galego en Defensa das Pensións (Modepen) © José Luis García Portela
Faixa de Modepen na manifestación en defensa das pensións CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.