Os salarios descenden por debaixo do nivel de 2013, ao tempo que se dispara o IPC

Evolución do custo laboral por traballador Dominio Público Praza Pública

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este xoves a Enquisa Trimestral de Custo Laboral correspondente ao cuarto trimestre do ano 2016, que serve como un indicador da evoución xeral dos salarios. Os datos amosan un descenso no custo salarial ordinario en Galicia, que pasa dos 1.448,48 euros mensuais por traballador do cuarto trimestre de 2015 aos actuais 1.438,94 euros, o dato máis baixo en case catro anos, por debaixo mesmo do nivel acadado a finais de 2013 (1.439,59).

O diferencial coa media estatal (1.636,2 euros) rolda os 200 euros e amplíase con respecto aos anos anteriores. Galicia é a terceira comunidade autónoma con salarios máis baixos, superando unicamente a Estremadura e Canarias, e por debaixo dos datos de Andalucía, Castela-A Mancha, Castela-León, Murcia ou a Comunidade Valenciana.

Analizando os datos por sectores, obsérvase como mentres que na industria os salarios manteñen unha leve tendencia á alza (1.654 euros de media, fronte aos 1.614 de hai tres anos), na construción e sobre todo nos servizos, os soldos levan anos en descendo. O custo salarial por traballador na construción en Galicia sitúase nos 1.429 euros ao mes, fronte aos 1.442 de 2013. No sector servizos (no que traballan 3 de cada 4 persoas en Galicia) o salario medio descende ata os 1.387 euros, fronte aos 1.394 de hai tres anos. E por debaixo mesmo dos datos de 2010 e 2011.

Esta evolución negativa dos salarios coincide no tempo cun forte incremento dos prezos. En febreiro o IPC elevouse en Galicia ata un novo máximo do 3,3% interanual, a maior suba nos últimos cinco anos, impulsados polo incremento no custe da enerxía e o transporte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.