CIG e CGT critican con dureza o convenio do sector do telemarketing asinado por CCOO e UGT

Mobilización contra as condicións laborais no telemárketing CC-BY-SA CIG

O pasado venres CCOO e UGT, sindicatos maioritarios no sector do telemarketing, asinaron coa patronal das empresas Contact Center (ACE) un novo convenio colectivo, con vixencia ata o 31 de decembro de 2019. O acordo, que pon fin a dous anos de negociacións e a un gran número de folgas e accións de protesta, foi rexeitado por completo pola maioría das restantes centrais sindicais, comenzado pola CGT e a CIG.

Estas son as claves do acordo: 

  • Ata o 2018 non se producirá unha recuperación do nivel adquisitivo perdido, asumindo os sindicatos unha suba do 0% dos salarios en 2015 e 2016 e do 1,6% en 2017 (o IPC sitúase na actualidade no 2,3% interanual). En 2018 e 2019, os salarios si crecerán un 0,5% por riba da alza dos prezos no ano anterior. 
  • O convenio si introduce melloras na conversión de contratos temporais en indefinidos, unha conversión que será inmediata no caso dos contratos temporais anteriores a 2008; que no caso dos asinados en 2009 chegará ao longo de 2017; e que nos asinados en 2010 producirase "antes do 31 de decembro de 2018", aplicando as numerosas sentenzas xudiciais neste senso.
  • A partir de 2018, cando menos o 50% do persoal de operacións debe ser indefinido
  • Non hai avances no relativo á subrogación de contratos no caso de que un servizo cambie de empresa (algo moi habitual neste sector)
  • Introdúcense dúas novas quendas: de 9 a 18 horas e de 12 a 21 horas. As quendas publicaranse con 14 días de antelación (antes eran 30)
  • Duplícanse os días de descanso para as traballadoras embarazadas a partir da semana 22 de xestación. O persoal do sector dos Contact Center é maioritariamente feminino
  • O convenio fixa en 8 o máximo de días de traballo consecutivos (na actualidade son 11)
  • Mantense a actual regulación das horas médicas e de acompañamento a familiares. 
  • Mantense o actual número de liberados e liberadas sindicais

O acordo é duramente criticado por CGT, que xa anunciou que impugnará varios dos seus puntos, denuncia que o convenio asinado "reforza a precariedade" e lembra que xa o pasado convenio (asinado en 2011) non fixaba suba salarial ningunha, polo que o persoal pode acumular seis anos de conxelación dos seus soldos. Entre o ano 2010 e 2014, explica a CGT, os traballadores e traballadoras perderon o 5% do seu poder adquisitivo. "Introdúcense unha serie de melloras cosméticas que xa viñan sendo unha realidade en moitas empresas de telemarketing, máis coa aparente finalidade de facer un pouco máis presentable o preacordo que de acometer os verdadeiros problemas de fondo do sector", engade. O sindicato sinala que "CCOO-UGT son parte do problema da precariedade do telemarketing, e non a súa solución" e conclúe que o acordo non achega melloras para a situación dos traballadores e traballadoras, con salarios moi baixos, e horarios que lles impiden conciliar vida laboral e familiar.

Ademais, tanto CGT coma CIG denuncian que o preacordo se asinou aproveitando un descanso nas negociacións, e que ás centrais sindicais críticas non se lles facilitou unha copia. "Esconden, por vergoña, o preacordo. Os comunicados que poidan emitir os sindicatos asinantes falando sobre as bondades do preacordo non terán ningún crédito. Se o esconden, eles mesmos se delatan", subliña a CIG. O sindicato pide "que este preacordo da Patronal e CCOO e UGT se someta a votación onde podan participar todos os traballadores e traballadoras do sector".

UGT e CCOO afirman pola súa banda que "dende a responsabilidade decidimos pechar un preacordo que reforza a estabilidade e garante o poder adquisitivo dun sector fortemente afectado pola crise e as malas praxes empresariais". Os dous sindicatos maioritarios (suman ao redor do 59% dos delegados e delegadas) critican que no proceso de negociacións foron obxecto dunha "sistemática persecución por parte doutros sindicatos que unicamente se dedican a fracturar acordos que reforzan a negociación colectiva nas nosas empresas".

Mobilización do sector do telemárketing © CIG
Mobilización contra as condicións laborais no telemárketing CC-BY-SA CIG
A CIG critica duramente o acordo asinado por CCOO e UGT © CIG-Extel
A CGT comezou xa a mobilizarse contra o convenio asinado © CGT-Extel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.