Outro incremento no recibo da luz... só para os fogares galegos?

Unha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

Un incremento medio duns tres euros para cada fogar no recibo mensual eléctrico? Esa é a posibilidade da que advirte o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, que aclara ademais que esta suba sería exclusiva para Galicia. Refírese o socialista ás consecuencias derivadas dunha sentenza do Tribunal Supremo do pasado 10 de marzo pola que as eléctricas poderían aplicar un "suplemento territorial" á factura da luz para repercutir o custo dos tributos específicos que se fixen nas diferentes comunidades autónomas. 

Leiceaga advirte das consecuencias da sentenza do Supremo, que obriga a repercutir nos recibos os sobrecustos polo canon eólico

Neste caso, a preocupación expresada polos socialistas refírese ao derivado do canon eólico. En rolda de prensa este venres, Leiceaga advertiu do prexuízo que suporía o ditame do Supremo, onde insta o Ministerio de Industria e Enerxía a que integre axiña na parte regulada das tarifas os tributos sobre a enerxía en cada autonomía. Como adiantou Faro de Vigoobriga a repercutir sobre a factura da luz os 23 millóns de canon eólico en Galicia e "abre a porta" para que afecte tamén aos tributos sobre augas encoradas e sobre contaminación atmosférica das eléctricas, un total duns 43 millóns de euros.

Segundo explica Leiceaga, o Supremo establece agora un prazo de tres meses para repercutirlle aos recibos da luz dos cidadáns de Galicia, entre outras comunidades autónomas, os sobrecustos aplicados ás eléctricas en concepto de impostos medioambientais autonómicos mentres estivo en vigor o decreto-lei de estabilidade orzamentaria aprobado por Rajoy en 2012. Aquel decreto fixaba como obrigatoria a posibilidade aberta pola Lei do sector eléctrico, que permitía incorporar suplementos territoriais aos consumidores de autonomías con recargos sobre os tributos estatais.

"A Xunta está a permitir un tratamento discriminatorio aos cidadáns de Galicia que erosiona o noso autogoberno”, advirte Leiceaga

Para o voceiro socialista, a Xunta está a “permitir un tratamento discriminatorio aos cidadáns de Galicia que erosiona o noso autogoberno” e censura o Goberno galego pola súa “inacción” que permite unha “discriminación inaceptable”. A advertencia xa a fixera tamén o BNG, que preguntara á Adminnistración logo do anuncio do Estado de cargar no recibo da luz o canon eólico. A súa deputada, Noa Presas, preguntaba se o Goberno galego "aceptará que os galegos e galegas paguemos máis na factura eléctrica ou plantará cara a Madrid". 

Daquela, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, afirmaba que "ningún consumidor galego" ía "pagar máis na súa factura eléctrica" polo canon eólico, xa que "non hai suplemento territorial para Galicia". Referíase, na comisión de industria do Parlamento galego, á orde ministerial de xaneiro coas subas en catro comunidades polos seus impostos ás eléctricas en 2013. Pero non tiña en conta a sentenza do Supremo posterior. 

Ante o panorama que agora se presenta, o PSdeG anunciou xa unha ofensiva parlamentaria para levar "ata o límite" o Regulamento do Parlamento e "frear esta situación". Fernández Leiceaga apuntou como liñas de actuación a reforma da Lei eléctrica ou mesmo presentar un recurso de inconstitucionalidade, como fixo o propio goberno de Extremadura contra o Real Decreto Lei de estabilidade de 2012.

A situación actual "desactiva a capacidade tributaria sobre impostos medioambientais aplicados ás compañías eléctricas”, advirte o PSdeG

O portavoz socialista instou a Xunta a abandonar a súa “posición de non sabe/non contesta e decidir se defende os galegos ou continúa por inacción coa súa complicidade coas eléctricas”. Con esta normativa, dixo, “as empresas poden despreocuparse pola fiscalidade medioambiental, que xa recaerá sobre os cidadáns”. Leiceaga criticou un “ataque que non debe quedar sen resposta” e explicou que a consecuencia directa será o incremento da tarifa eléctrica e, ademais, “desactiva a capacidade tributaria sobre impostos medioambientais aplicados ás compañías eléctricas”.

Xoaquín Fernández Leiceaga, no seu escano do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.