Leite Noso salta ao mercado español garantindo "prezos xustos" para as granxas

Envasado de 'Muuu' na factoría de Tegestacín, en Outeiro de Rei © Leite Noso

Leite Noso expándese. Apenas un ano despois de recuperar Deleite de entre as cinzas do fracasado proxecto de Alimentos Lácteos a sociedade formada por gandeiros galegos espállase a outros puntos do Estado a través da súa segunda marca, 'Muuu', que comezará a comercializarse grazas a un "acordo estratéxico" coa cadea de hipermercados Carrefour no que, aseguran, respéctase a política de "prezos xustos" para os produtores.

A empresa galega lanza "para toda España" o novo produto mantendoa súa carta de presentación. "Compromiso de prezos xustos en orixe, estabilidade contractual coas granxas proveodras e apoio ás causas sociais, á cultura galega e ao deporte". Estas premisas, aseguran, son as que preponderaron para asinar o acordo coa multinacional da distribución, que "pretendía comercializar unha marca de leite de calidade producido por gandeiros galegos e que levase a certificación 'Galega 100%'".

'Muuu', explica Leite Noso, trae consigo unha "ampliación das rutas de recollida". A "sociedade de gandeiros galegos" disponse este mes a "renovar a totalidade dos contratos subscritos" no seu inicio, estendéndoas agora a "entre outras, as cooperativas de Castro de Rei e da Capela". A política empresarial, explican, seguirá a ser a mesma: "contratos de duración anual, con prezo fixo e garantía de recollida do 100% da produción". Esta "estabilidade", aseguran, era "pouco habitual en Galicia".

A política empresarial seguirá a consistir en "contratos de duración anual, prezo fixo e garantía de recollida" ás granxas provedoras, cuxo número se ampliará para atender o relanzamento de 'Muuu'

A marca de Leite Noso para o resto do Estado, mercada tamén por esta sociedade de gandeiros na poxa de Alimentos Lácteos, chegará ao mercado español en formato dun litro e con variedades de leite enteiro, semidesnatado e desnatado. "O piar do traballo -explican- continúa a enfocarse en garantir prezos xustos no campo", pero tamén "ofrecer un leite de calidade" que se "plasma na certificación interna de todas as granxas provedoras, á que se lles esixe o coidado de aspectos como o benestar animal, instalacións axeitadas e bo manexo" das vacas.

O acordo con Carrefour, canle "inicial" de distribución de 'Muuu', únese aos establecidos por Leite Noso para a venda de Deleite. Na actualidade a marca emblema de Leite Noso está presente en supermercados de grupos como Vegalsa-Eroski, Alcampo, El Corte Inglés, Grupo Cuevas ou E.Leclerc, ademais do propio Carrefour. Esta expansión amosa, resaltan, que era posible e viable "asumir de xeito directo comercializar o leite, sen intermediación ningunha" entre gandeiros e mercado.

Unha das variedades de 'Muuu', durante o proceso de envasado © Leite Noso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.