0 Gardados para despois

Os albergues privados de peregrinos indígnanse coa Xunta pola obriga de poñer sabas de tea

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Hai tempo que a Xunta tornou o Camiño de Santiago nun dos eixos esenciais da súa política turística. Así, nos últimos anos o Goberno galego destaca frecuentemente as súas cifras "récord" -a Oficina do Peregrino selou case 280.000 Compostelas en 2016, máis que no último Xacobeo- e destina cuantiosos recursos á súa promoción, aínda que nos colectivos ligados ás peregrinacións e á vertente patrimonial do Camiño xorden críticas e denuncias pola estratexia centrada no turismo. Mentres o Executivo anuncia novas iniciativas como a "integración paisaxística" da ruta xacobea na entrada a Santiago -obras licitadas este venres por 1 millón de euros- a Axencia Turismo de Galicia ten diante de si un conflito aberto: o enfrontamento coas asociacións que representan os albergues privados.

As tres "principais" asociacións de albergues privados -Agalber, Solpor e Rede de Albergues- veñen de concretar nunha denuncia pública o malestar existente no sector dende hai case un ano, cando o Goberno galego promulgou o decreto que regula os albergues turísticos, os cales no caso galego son, en boa medida, sinónimos de establecementos destinados a peregrinos. Esta norma inclúe entre os seus preceptos a obrigatoriedade de que as camas dos albergues dispoñan dun "xogo completo de lenzaría", o que para Turismo implica que os establecementos dispoñan de sabas de tea, no canto das de papel que ofrecían ata agora. Segundo estas asociacións, a norma pon en perigo o seu negocio.

Os albergues privados defenden seguir ofrecendo unha saba de papel "que o peregrino debe poñer na súa propia cama"; do contrario, din, terán que subir prezos

Os representantes destas asociacións, que xa se dirixiron tamén a titular da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, acusan a Xunta de realizar unha "interpretación" incorrecta da súa propia norma. "Actualmente -explican- entrégase unha saba de celulosa que o peregrino debe poñer na súa propia cama", pero a nova normativa supón que "os albergues teñan que achegar aos peregrinos sabas de tela e que o peregrino teña a súa cama feita ao chegar ao establecemento".

Sempre segundo a versión da patronal dos albergues privados, o prexuízo que os enche de "inquietude" é fundamentalmente económico. Se ofrecen sabas de tea terán que "subir o prezo" da estancia por noite, que agora rolda os "10 ou 12 euros de media". E ademais, "cando as camas estean desocupadas, se un peregrino a utiliza para deixar unha mochila", hebería que "mudala a maiores". "Outra problemática -agregan- é a das chinchas, máis difíciles de combater" con esta norma, din, así como a "picaresca que algúns utilizarían para non ter que cambiar a sabas" a diario, xa que o decreto fixa tamén que "o cambio de lenzaría dos cuartos deberá realizarse, como mínimo, unha vez cada tres días" no caso dos albergues de primeira categoría.

Turismo alega motivos de hixiene e imaxe para aplicar o cambio

Mentres a Xunta alega razóns de "hixiene" e imaxe para aplicar esta norma, as asociacións de albergues ínstana a "aplicar a fórmula dunha das comunidades pioneiras en canto á calidade dos sues establecementos no camiño", Navarra. Alí, explica Antón Pombo (Solpor), a normativa estipula que os albergues deben ofrecer sabas de tea aos peregrinos "que o desexen". Quen as solicitan recíbenas "individualmente" e "pagando un plus polo servizo, duns dous euros". Se a Xunta imita este modelo, aseguran, nos albergues privados disiparase o "medo" a que "o peregrino acabe por non acudir a albergues e se dirixa directamente a pensións".

Os albergues privados "aproveitan a ocasión", asemade, para esgrimir o que consideran outra "problemática", sobre todo en "temporadas altas", en verbas de Enrique Valentín (Rede de Albergues). Nestas etapas, censuran, adoitan "atoparse en moitas ocasións con albergues públicos e pavillóns cheos", cando os recintos deportivos que algunhas Administracións públicas ofrecen aos peregrinos só "deben abrir cando o aforo dos albergues se supere". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.