Galicia comezou 2017 coa terceira maior suba do paro do Estado

Agricultura e pesca son os sectores que máis tiran do emprego en Galicia en termos interanuais © Xunta

Desaceleración. O termo que protagonizou a descrición da situación económica xeral nos primeiros tempos da crise económica ben podería ser aplicado aos síntomas que amosa o mercado laboral galego no inicio de 2017. En termos interanuais o paro segue a diminuír, desta volta en 10.400 persoas, e o emprego a aumentar, en 12.500. No entanto, estes dous valores amosan un ritmo cada vez máis feble dende hai un ano. Mentres, o balance trimestral da primeira Enquisa de Poboación Activa (EPA) do exercicio deixa no país un dato preocupante: o incremento do desemprego equivale a tres cuartas partes de todo o que aumentou no conxunto do Estado.

O incremento galego do desemprego equivale a tres cuartas partes do aumento do paro en España

A EPA do primeiro trimestre amosa un mercado laboral galego con 217.100 persoas en situación de desemprego, 12.900 máis que no remate de 2016. A suba, segundo o INE, só foi máis avultada en Catalunya (18.200) e Balears (16.700). Mentres o emprego diminuíu en Galicia en 16.000 persoas, o que implica unha ocupación total de 1,03 millóns de homes e mulleres. O ritmo acumulado de ambos valores amosa que, en termos interanuais, o signo do desemprego segue a ser negativo e o do emprego, positivo. No entanto, dende hai un ano o paro redúcese menos en cada trimestre e o incremento do número de persoas ocupadas ralentízase tamén de xeito moi notable.

A diminución de poboación ocupada distribúese entre todos os sectores, tal e como recolle o Instituto Galego de Estatística, pero de xeito desigual. Así, o sector máis xerador de emprego en trimestres anteriores, o de servizos, é tamén o que perde máis postos de traballo, ata 10.100. Ségueno a construción, con 4.000 empregos menos, a agricultura e a pesca, con 1.100 menos, e a industria, que dá agora traballo a 800 persoas menos que tres meses antes.

O sector de agricultura e pesca é o que máis tira do emprego en termos interanuais e a maior destrución trimestral de postos de traballo deuse no sector servizos

Pola contra, en comparación co mesmo trimestre de 2016 é o sector primario o que máis tira do emprego, cun avance do 14,4% en agricultura e pesca. Mentres, a industria avanca un 4,3% e os servizos, un escaso 0,4%. O retroceso interanual da construción é, no entanto, de case un 10% en relación ao inicio do pasado ano.

Neste contexto o mercado laboral de Galicia regresa á que foi a tendencia dominante durante os anos da crise, a diminución de poboación activa, isto é, a suma das persoas que están a traballar e mais de quen procuran un traballo. A EPA do primeiro trimestre reflicte 1,25 millóns de persoas, activas, unhas 3.000 menos que tres meses antes, o que supón unha redución do 0,24%. As figuras anuais aínda son, no entanto, positivas, aínda que tamén cunha variación leve: 1.800 persoas máis activas, un avance do 0,14%.

Taxa de actividade precrise, pero coa de paro duplicada

A redución da poboación activa é un dos principais trazos do mercado laboral galego no reinicio do crecemento económico, pero existe outra diferenza fundamental a respecto da situación previa á crise. A economía a un ritmo semellante aos tempos anteriores á caída de Lehman Brothers en 2008 e a taxa de actividade -porcentaxe da poboación maior de 16 anos que traballa ou está en condicións de facelo- está apenas un punto por baixo -53,3% na última EPA fronte 54,1% de comezos de 2008-, pero a taxa de paro é moito maior.

Cunha taxa de actividade semellante á anterior á crise a EPA reflicte 160.000 persoas menos a traballar e 108.800 máis no paro que a comezos de 2008

Malia á redución dende comezos de 2014, cando o desemprego tocou teito en Galicia, esta taxa sitúase na actualidade no 17,4% -algo máis dun punto por baixo da media estatal- ou, o que é o mesmo, máis do duplo que no comezo de 2008, cando a EPA reflectía un 8,2%. Un ano despois, cando a crise xa estourara, esta taxa escalara ata o 12,1%, segundo o IGE, máis de cinco puntos por baixo da actual. 

A mudanza do panorama laboral do país complétase cunha taxa de ocupación -porcentaxe da poboación activa que ten traballo- que tamén está lonxe dos niveis anteriores á crise. No primeiro trimestre de 2008 Galicia roldaba o 50% de taxa de actividade, un alto nivel de ocupación que descendeu durante a crise ata case o 41%. O dato deste inicio de 2017 sitúase no 44%, 7 décimas menos que tres meses antes e 6 máis que no mesmo trimestre de 2016. Así, cunha taxa de actividade semellante á anterior á crise o país ten case 160.000 persoas menos a traballar e, pola contra, 108.800 persoas máis no paro que a comezos de 2008.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.