O mercado laboral galego, incapaz de dar emprego a unha xeración minguante

Situación laboral da poboación galega entre 25 e 29 anos Dominio Público Praza Pública

O pasado xoves a Xunta anunciou a posta en marcha dun novo programa de emprego xuvenil que busca contratar 10 mil mozos e mozas menores de 30 anos ata o 2020. O plan responde a unha situación insostible na que, se ben a taxa de paro xuvenil se reduciu algo dende os peores anos da crise, segue a ser moi elevada (35,5% no primeiro trimestre de 2017) e na que a porcentaxe de mozos e mozas con traballo é aínda menor da que se rexistraba en 2010. Hai sete anos, xa coa crise económica iniciada, traballaban o 65% dos galegos e galegas entre 25 e 29 anos e o 26% dos que tiñan entre 16 e 24. Hoxe, as porcentaxes son do 63% e do 19%, respectivamente.

Falamos de porcentaxes, de cifras relativas. En canto ás cifras absolutas, ao número total de mozos e mozas residentes en Galicia que traballan, o descenso é moito máis importante. A pesar da leve recuperación experimentada nos dous últimos anos, ao final do primeiro trimestre de 2017 só 38 mil mozos e mozas de 16 a 24 anos e 81 mil de entre 25 a 29 teñen traballo, moi lonxe dos 61 mil e 119 mil de 2010.

Unha parte importante desta redución no número de ocupados e ocupados responde ao descenso no número total de mozos e mozas residentes en Galicia. Hoxe viven no territorio galego 91 mil persoas menos de entre 16 e 30 anos que no ano 2010. O Goberno galego adoita responsabilizar desta realidade unicamente á caída da natalidade nas últimas décadas. O efecto do menor número de nacementos a partir da década dos setenta é innegable: como se pode ver neste gráfico, entre 1987 e 1991 naceron case cen mil nenos e nenas menos que entre 1977 e 1981.

Porén, as cifras poboacionais amosan como nos últimos anos esas mesmas xeracións nacidas entre os últimos anos 70 e os primeiros anos 90 (e que hoxe teñen, polo tanto, entre 25 e 39 anos) viron reducido de forma importante o seu número de efectivos. Se no ano 2011 vivían en Galicia 222.755 persoas nacidas entre 1977 e 1981, hoxe só o fan 218.791. E o mesmo sucede nas restantes xeracións. Descontado o efecto dos escasos falecementos nesas idades, o resultado é unha perda de 13 mil habitantes nacidos entre 1977 e 1991, un saldo migratorio moi negativo precisamente no período vital máis produtivo laboralmente e tamén de cara á natalidade.  

 

Un emprego precario

Non só traballan poucos mozos e mozas en Galicia, con taxas de paro sorprendentemente elevadas a pesar do número cada vez menor de demandantes de emprego. O feble mercado de traballo galego non só ofrece poucos postos, senón que estes son cada vez de peor calidade. Nos últimos anos descendeu a porcentaxe de empregos a xornada completa para as persoas entre 16 e 29 anos. Eran o 81% en 2010 e hoxe son o 74%.

Precarízanse tamén as modalidade contractuais. A porcentaxe de contratos de duración indefinida pasou do 50% ao 39% entre 2010 e 2017.

Finalmente, a radiografía sobre o tipo de ocupacións que levan a cabo os mozos e mozas galegas non variou demasiado nestes últimos anos. Os traballadores e traballadoras dos servizos de restauración e dependentes e dependentas representan o 31% do total, lixeiramente por riba do dato de 2010 (28%), despois de ter chegado ao 34% nos peores momentos da crise. Ademais, neste tempo reduciuse de forma importante a proporción de traballadores e traballadoras cualificadas da industria (do 17% ao 13%). E, pola contra, incrementouse a porcentaxe de técnicos/as e profesionais científicos/a e intelectuais (do 14% ao 17%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.