A Semana Santa fai baixar o paro a base de temporalidade: un emprego máis por cada 14 contratos

Variación dos contratos e das afiliacións á Seguridade Social CC-BY-SA Praza Pública

A Semana Santa e o bo tempo tiran do emprego en Galicia. O número de parados rexistrados nas oficinas do antigo Inem descendeu en abril en 5.427 persoas respecto ao mes anterior (-2,6%), segundo os datos publicados este xoves polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. O sector servizos, nomeadamente a hostalería, maquillan unha cifra de desempregados que queda en 204.629, 23.524 menos que hai un ano.

O paro rexistrado descendeu en 5.427 persoas durante o mes de abril axudada polo bo tempo e a Semana Santa

Non muda, no entanto, a rotación, precariedade e temporalidade que definen as novas contratacións. No mesmo mes de abril, a afiliación á Seguridade Social aumentou en 5.335 persoas, 21.112 máis que no mesmo mes de 2016. Xa que logo, creáronse máis de 5.300 empregos no mesmo período no que se asinaron 74.091 contratos en Galicia, o que implica que o país segue na liña de cifras récord de contratación dos últimos anos.

Créase un emprego por cada 14 contratos asinados, unha proporción que é case o dobre que a que se dá no conxunto do Estado, cun novo traballo por cada 7,6 contratacións: o número de cotizantes creceu en 212.216 no mesmo mes no que se asinaron 1.604.476 contratos no Estado. O paro rexistrado descendeu en case 130.000 persoas. 

Creáronse 5.335 empregos nun mes no que se asinaron máis de 74.000 contratos: un emprego novo por cada 14 contratos

Ademais, como vén sendo habitual, o tipo de contratación continúa coa tendencia dos últimos anos, cunha elevada precariedade e temporalidade. Dos máis de 74.000 contratos asinados en Galicia durante o mes de abril, tan só o 8,4% (6.205) foron indefinidos, fronte aos case 68.000 temporais. Con todo, foron 6.150 contratos máis que os que se asinaron no país no mesmo mes de hai un ano e 3.262 menos que en marzo. 

Tan só o 8,4% dos contratos asinados foron indefinidos

Son a hostalería e o comercio os que melloran as cifras do paro. De analizar os datos, dos 5.427 persoas que abandonaron as listas das oficinas de emprego, 3.784 son do sector servizos, fronte ás 272 menos en agricultura, as 626 menos na industria ou as 774 menos na construción. Mesmo entre o colectivo sen emprego anterior, o paro medrou en 29 persoas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.