Anticorrupción denuncia a Iberdrola por inchar o prezo da luz cos seus encoros, entre eles os galegos

O presidente de Iberdrola, con Feijóo na central de Santo Estevo © Conchi Paz

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno admitiu este xoves a trámite unha denuncia do fiscal anticorrupción Antonio Romeral contra Iberdrola. A eléctrica está acusada de artellar un plan para alterar o prezo da luz e obter "un lucro ilícito de 20 millóns" entre o 30 de novembro e o 23 de decembro de 2013, coincidindo cunha vaga de frío e empregando para a manipulación os seus encoros galegos do río Sil, ademais das centrais hidroléctricas que explota nos ríos Douro e Texo.

Segundo a demanda adiantada este xoves por El País a Fiscalía acusa a eléctrica "por un delito contra o mercado e os consumidores do artigo 281 do Código Penal". "Coa finalidade de lucrarse ilicitamente", indica o Ministerio Público, Iberdrola "ideou e puxo en funcionamento un sistema para incrementar o prezo da enerxía que vendía, máis alá do que debese resultar da libre concorrencia da oferta e a demanda". É a primeira vez que a Fiscalía Anticorrupción leva aos tribunais penais a unha compañía eléctrica.

A Audiencia Nacional tramita xa a demanda da Fiscalía contra a eléctrica por presuntos delitos "contra o mercado e os consumidores" por "lucrarse ilicitamente", acusa

Desemboca así nun procedemento xudicial un procedemento que a finais de 2015 xa dera lugar a unha sanción de 25 millóns de euros a Iberdrola por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Segundo o supervisor estatal a eléctrica que preside Ignacio Sánchez Galán era "consciente da existencia dun escenario de elevada demanda" de consumo eléctrico, unha vaga de frío, e "decidiu retirar unha capacidade de produción" das centrais para "elevar o prezo do mercado". Naqueles días, concretamente durante a ponte do 6 ao 8 de decembro, o prezo do megavatio por hora chegou aos 90 euros, o máis alto dende o ano 2002.

Segundo o expediente ditado daquela pola CNMC a conduta de Iberdrola foi "moi grave" e por iso merecía a elevada sanción de 25 millóns. O xigante eléctrico levou esta decisión ante a Audiencia Nacional, o mesmo tribunal no que a empresa será investigada, que decidiu suspender cautelarmente o pagamento, unha decisión adoptada contra o criterio tanto de Competencia como da Avogacía do Estado. Para Iberdrola esta suspensión cautelar debera tornar en definitiva xa que, dixo, a CNMC interpretou incorrectamente o sucedido e sancionou a partir de "hipóteses e "xuízos de valor".

Central hidroeléctrica ampliada nos Peares

O pasado xaneiro Iberdrola inaugurou a última ampliación das súas centrais no Sil e a Xunta eloxiouna por "permitir reducir" a factura eléctrica de "fogares e empresas"

Unha das centrais sobre as que se pousa a lupa da Fiscalía e agora, tamén da Audiencia, é a que Iberdrola explota na contorna dos Peares, o concello lindeiro entre as provincias de Lugo e Ourense onde o pasado xaneiro Sánchez Galán inaugurou, acompañado polo presidente da Xunta, a ampliación do seu encoro. A obra inaugurada foi, concretamente, a ampliación da central San Pedro II, que produce enerxía eléctrica aproveitando a forza do río Sil ao seu paso por Nogueira de Ramuín, uns traballos que a eléctrica definiu como "broche final" para o "maior complexo hidroeléctrico de Galicia".

Segundo Sánchez Galán a empresa amosou con estas obras o seu "compromiso" con Galicia, "onde investimos máis de 1.200 millóns de euros na última década". Mentres, Alberto Núñez Feijóo aplaudiu naquel acto a "aposta pola eficiencia" da compañía, cunha nova central que amosa a "importancia de optimizar recursos para reducir o custo da enerxía eléctrica". Iberdrola, eloxiou, "xera postos de traballo" e ademais "facilita un mellor aproveitamento dos recursos naturais", ademais de "permitir reducir un dos principais gastos que teñen que soportar os fogares e as empresas, especialmente nos momentos punta de demanda" como os que, segundo a Fiscalía, aproveitou para encarecer os prezos.

Feijóo, Sánchez Galán e o conselleiro de Industria, na central de Santo Estevo © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.