Hai agora algo máis dun ano, o director xeral de Enerxía, Ángel Bernardo Tahoces, asegurou en sede parlamentaria que "nunca houbo segregación de actividades e nunca a haberá" respecto das intencións de Ferroatlántica, que vén de solicitar formalmente levantar a prohibición a separar as súas actividades de ferroaliaxe en Cee, Dumbría e Sabón das centrais que explota nos ríos Xallas e Grande, algo que pretende como previo á venda das hidroeléctricas. Así o lembraron este luns os traballadores da empresa ao coñecer que o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, vainos recibir por fin este martes para abordar a solicitude da compañía do grupo Villar Mir. Logo de meses de peticións para esa xuntanza, o comité de empresa será recibido ás 13.30 horas en San Caetano, solicitará toda a documentación coa que a firma pretende convencer o Goberno galego e insistirá en que non permita a temida segregación. Pero nin o PP nin a Xunta son capaces de asegurárllelo e quedan sós na ambigüidade ante unha oposición que reclama unanimamente a negativa.
O comité de empresa de Ferroatlántica será recibido este martes polo conselleiro de Economía logo de meses pedindo unha xuntanza
O voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, advirte que a solicitude de Ferroglobe será analizada "con rigor técnico e xurídico" e que a decisión farase "conforme á lei" e co obxectivo de preservar o "interese xeral", nun argumentario repetido nos últimos días polo Goberno e os populares desde que se coñeceu a petición formal. Por todo isto, insisten, fará falta "un tempo" para obter a resposta e reafirman o seu "compromiso" cos alcaldes da Costa da Morte e cos traballadores.
PP e Xunta insisten en que a petición será analizada "con rigor técnico e xurídico" pero nada din de evitar a segregación
Con todo, a Puy parécelle "un pouco pronto" para que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareza no Parlamento para dar conta das decisións que se tomarán respecto de Ferroatlántica. Iso foi o que pediu o BNG, que reclama agora tamén que unha representación dos traballadores da compañía comparezan na Cámara para explicar a súa posición en contra dunha operación "especulativa". "O único plan industrial real para a comarca é o vínculo entre explotación eléctrica e a industrial recollida na concesión", advertiu este luns a portavoz do Bloque, Ana Pontón, que insiste en que a intención de Villar Mir, "investigado por presunto financiamento ilegal do PP, é a de facer caixa coas centrais do Xallas". "Non é unha cuestión técnica e xurídica, como enfatiza o Goberno galego, senón unha cuestión política", advirte.
"É legal permitirlle a unha multinacional dar un pelotazo a costa dos nosos ríos? É legal permitirlle ao imputado Villar Mir dar un pelotazo de 255 millóns de euros a costa de liquidar 300 empregos na Costa da Morte? É legal permitirlle un pelotazo de 255 millóns de euros a unha multinacional dirixida por un condenado polas tarxetas black e tamén imputado por financiamento ilegal do PP?”, pregúntase Pontón, que asegura que "os recursos naturais de Galiza teñen que estar a disposición deste país".
O BNG propón que os traballadores de Ferroatlántica comparezan no Parlamento para explicar a súa posición en contra da venda das centrais
Respecto das numerosas promesas de Ferroglobe no caso de que a Xunta acceda a permitirlle segregar as súas actividades, o BNG lembra que desde que Villar Mir adquiriu Ferroatlántica "o emprego nas plantas pasou de 500 a 300 postos de traballo, que os 700 empregos reiteradamente anunciados nin están, nin se esperan e que investimentos como a construción do famoso forno 23 en Dumbría é unha promesa anunciada hai 16 anos pola que a empresa recibiu 2,5 milóns de euros que agora volve a sacar da chisteira". Así, insistiu en que Feijóo non ceda á "chantaxe" da empresa.
Desde o PSdeG, pola súa banda, o seu portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, insta a "explorar as posibilidades" de que Ferroatlántica siga adiante cos seus investimentos en Galicia sen que se autorice a segregación. Preguntado sobre o tema en rolda de prensa, o socialista cre que a Xunta "ten que garantir o cumprimento estrito da legalidade", pero tamén "velar polo interese xeral" respecto do mantemento do emprego e a actividade económica.
O PSdeG insta a "explorar as posibilidades" de que Ferroglobe manteña os investimentos en Galicia sen autorizar a segregación
Para Leiceaga, se hai posibilidade de "garantir que Ferroatlántica invista máis en Galicia e xere máis empregos, benvido sexa", pero aclarou que o "primeiro" é "garantir" que o vínculo das actividades actuais "se mantén". Así, entende que atender á legalidade supón "vincular as centrais e a produción industrial" e insiste en que se deben "explorar" as propostas da empresa "sen romper" o existente.
Ademais, En Marea insiste tamén na non segregación das dúas actividades, que lembra que na actualidade están investigados por corrupción tanto Villar Mir como o seu xenro, Javier López Madrid, "responsables de Ferroaltántica, OHL, do grupo Ferroglobe, entramados económicos que contratan coa administración pública". "Preguntámonos se as accións ilícitas levadas a cabo por estas empresas eran porque si ou eran a cambio de algo", di a formación, que lembra que en tramas como a Púnica copmrobouse que "os favores que se realizaban nunha comunidade autónoma, pagábanse noutra".
"A posición da Xunta decántase pola empresa en contra dos intereses da cidadanía por intereses espúreos", advirte En Marea
"Os tentáculos da operación Lezo son alongados", advirte En Marea, que insiste en "poñer o foco na situación de Ferroatlántica, onde a posición da Xunta se está a decantar cara a empresa e en contra dos intereses da cidadanía en base a intereses espúreos que nada teñen que ver con interese xeral", remata.