0 Gardados para despois

Movendo os marcos: á procura de "máis galego na economía e na empresa"

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


"Máis galego na economía e na empresa". Tras un bo número de anos co foco posto no eido cultural e, moi especialmente, no ámbito do ensino, nos últimos tempos os proxectos encamiñados á normalización lingüística volven ollar cara a un dos eidos nos que o uso do galego en condicións de igualdade con outros idiomas atopa aínda un bo número de dificultades: o económico e empresarial. Recollendo o testemuño de experiencias como o Foro Enrique Peinador, que dende hai máis dunha década desenvolve iniciativas neste ámbito, naceu o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, un proxecto cun horizonte de catro anos (2016-2020) no que, ao contrario doutras ocasións, Política Lingüística optou por sentar na mesma mesa á Administración, a entidades económicas e tamén a organizacións de defensa do galego como A Mesa pola Normalización Lingüística.

Empresas de sectores tan diversos como o lácteo, o dos transportes ou o audiovisual e entidades do eido económico como Anfaco, a Asociación Galega de Áridos ou o Club Financeiro de Santiago implicáronse nas primeiras xuntanzas dun plan que se propón cubrir un déficit mediante o "aumento da presenza do galego no ámbito económico e empresarial". A xuízo de todas estas organización é posible, se Política Lingüística ofrece a súa colaboración, "crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais" e mesmo tamén "as relacións laborais".

Obxectivos máis ou menos xenéricos como "estender o uso da lingua galega" tanto "na oferta como na demanda de produtos e servizos" ou o uso do idioma propio de Galicia para "impulsar unha imaxe de marca diferencial propia" do país e os eus produtos "vinculada á calidade é a innovación" desenvólvense nun documento de 125 páxinas que vén concretar obxectivos avalados polo Parlamento hai máis dunha década, cando viu a luz por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Aplicalos, admite a Administración, "pode xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade".

"O uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais" e "pode xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade"

Estes obxectivos concrétanse nun paquete dunha vintena de "medidas xerais", como o "apoio á creación de redes de empresas para o fomento do galego", a "promoción do galego na etiquetaxe de produtos", o "desenvolvemento e difusión de bases terminolóxicas das diferentes ramas profesionais" ou a estabilización da celebración do Día da Galeguidade Empresarial para tornala "nunha data de referencia no mundo da empresa en Galicia". Xunto aos propósitos globais o plan contempla obxectivos específicos para unha decena de sectores: hostalería, comercio, alimentación, tecnoloxía, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, relacións laborais e cooperativismo.

A oportunidade da lusofonía

O proxecto apóiase nos preceptos da Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade en 2014 a partir dunha iniciativa lexislativa popular

Ademais do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega este proxecto apóiase tamén nunha norma máis recente, a Lei Paz Andrade, aprobada en 2014 no Parlamento tamén por unanimidade a partir dunha iniciativa lexislativa popular. Nesta liña, o proxecto aposta pola "promoción e posta en valor das vantaxes do galego como lingua que abre as portas" aos países de fala portuguesa, o que implica unah "vantaxe competitiva" para o tecido socioeconómico do país.

Neste sentido o paquete de medidas detense nun dos sectores que nos últimos anos, mesmo antes do propio plan, xa avanzou cara á lusofonía como fiestra de oportunidade: o das tecnoloxías da información e da comunicación. Neste sentido, as medidas para o sectro TIC inclúen "información dos beneficios que proporciona o galego na proximidade á clientela" dentro de Galicia, pero tamén como "lingua que abre as portas ao mercado lusófono".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.