Villar Mir, imputado no caso Lezo mentres tenta vender as centrais da Costa da Morte

Factoría de Ferroatlántica en Cee © Greenpeace

O maxistrado da Audiencia Nacional Eloy Velasco imputou o empresario Juan Miguel Villar Mir, na peza que investiga o branqueo de capitais da chamada operación Lezo, que enviou o cárcere a Ignacio González, ex-presidente madrileño, o pasado 19 de abril. O empresario será investigado pola adxudicación do tren de Navalcarnero por parte da Comunidad de Madrid. A súa empresa OHL está acusada de pagar 1,4 millóns de euros á contorna de Ignacio González para amañar a adxudicación.

OHL, empresa do Grupo Villar Mir, está acusada de pagar 1,4 millóns á contorna de Ignacio González para amañar unha adxudicación

A imputación do empresario chega aos poucos días de que outra das empresas do seu grupo, Ferroglobe, solicitase formalmente a segregación das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande das plantas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría. Fíxoo nun comunicado no que alerta da destrución de emprego na Costa do Morte no caso de que a Xunta non mude as condicións da concesión actual para permitirlle vender os saltos de auga que xestiona na comarca. 

Con todo, e logo dunha xuntanza mantida co comité de empresa unificado das factorías de Cee e Dumbría e das centrais, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegurou en referencia a Villar Mir que "a situación persoal de calquera persoa é unha situación persoal que en ningún caso afecta á tramitación dun expediente administrativo da Xunta". 

Conde asegura que "a situación persoal" de Villar Mir "en ningún caso afecta á tramitación dun expediente administrativo da Xunta"

A empresa propiedade do empresario Villar Mir -imputado tamén de inicio no caso Bárcenas por presunto financiamento ilegal do PP aínda que logo se levantou a devandita imputación- reclamou formalmente á Xunta a semana pasada a "eliminación da prohibición" de segregar as actividades de ferroaliaxe e produción eléctrica que data dos anos 90, de cando o empresario pasou o controlar os activos, e que considera que se aplicou "de forma excepcional" e "en circunstancias especiais". Cos traballadores de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, os alcaldes da comarca e toda a oposición en contra, a multinacional Ferroglobe solicita que as concesións dos ríos Xallas e Grande muden e lle permita vender as centrais para afrontar investimentos en Galicia. 

A imputación chega aos poucos días de que Ferroglobe solicitase formalmente á Xunta segregar as súas actividades para poder vender as centrais

Os representantes dos traballadores reuníronse este martes co conselleiro para expresarlle de novo o rexeitamento á venda das centrais, ao considerar que o obxectivo de Villar Mir é o "desmantelamento e deslocalización" da súa actividade na Costa da Morte e poría en perigo as plantas de ferroaliaxe. Saíron "preocupados" e "intranquilos" da xuntanza tras ver "un pouco esquivo" a Francisco Conde respecto da petición de que se amosase contrario á segregación das actividades de Ferroatlántica, ademais de ser "moi remiso" ás peticións do cadro de persoal. O titular de Economía, pola contra, cre que "a mellor fora de dar resposta" ás demandas dos operarios "é non precipitarse", ao considerar que actuar ás présas no ámbito xurídico "nunca leva a bo porto". 

Os traballadores din saír "intranquilos" da xuntanza mantida co conselleiro de Economía, ao que viron "esquivo" ante as súas demandas

Conde negou facer pública a documentación que Ferroglobe enviou na súa petición a Augas e Galicia e insistiu en comprometer "garantías a todas as partes", o cumprimento da lei e a defensa do interese público "centrado no emprego". Os traballadores, pola súa banda, non descartan mobilizarse nos vindeiros días ao non ter recibido os devanditos documentos e insisten en considerar "ilegal" e "ilexítima" a posible venda das centrais. 

 

En Marea e BNG advirten do "pelotazo" de Villar Mir

Desde a oposición, nomeadamente BNG e En Marea, insisten en lembrarlle á Xunta e ao seu presidente, Núñez Feijóo, a relación do empresario madrileño con diferentes tramas de corrupción en Madrid e ven nas intencións da compañía a busca dun "novo pelotazo", algo do que advirten tamén os membros do comité de empresa.

 "A Xunta xoga ambiguamente cos intereses xerais da Costa da Morte e de Galicia”, di En Marea

Este mesmo martes, o deputado de En Marea, Antón Sánchez, asegurou que “os privilexios do señor Villar Mir asociados a gobernos do PP non son nada novo” e referiuse aos numerosos casos nos que esta empresa se veu beneficiada dos favores das administracións públicas, como a reforma da Lei de Costas do Estado. “As concesións que ten sobre o río Xallas son favores do señor Fraga e dos gobernos do PP sucesivos e agora vemos que o goberno da Xunta xoga ambiguamente cos intereses xerais da Costa da Morte e de Galicia”, engadiu, tras alertar da "ambigüidade" que os populares e a Xunta manteñen.

Así, ao igual que o BNG, denuncia antigos incumprimentos do empresario á hora de comprometer emprego e investimentos no país e alerta “dunha nova mentira do señor Villar Mir e do seu xenro para coller o botín e retirarse con comportamentos mafiosos asociados a favores que os gobernos do PP lles fixeron sistematicamente ano tras ano”.

"É evidente que se ensarillan os intereses entre PP e empresas que despois aparecen nas listas de Bárcenas ou na operación Lezo", di o BNG

Desde o Bloque, a súa portavoz Ana Pontón advertiu tamén da "pretensión" de Villar Mir de que o Goberno de Feijóo "lle permita especular coas centrais do Xallas, como a través de OHL, construtora dunha das radiais madrileñas que será rescatada polo Goberno de Rajoy". “É evidente que se ensarillan os intereses entre o PP e empresas, -OHL- que despois acaban aparecendo nas listas de Bárcenas ou nos últimos escándalos de financiamento como a operación Lezo, en mans de imputados como Villar Mir e López Madrid que son os mesmos que pretenden o pelotazo coa venda das centrais. Todo vai na mesma dirección”, indicou, tras denunciar a "campaña de mentiras" despregada pola empresa para "xustificar a súa petición de segregación". 

Na vindeiro sesión de control, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, terá que responder a dúas preguntas da oposición sobre a postura do Goberno galego respecto desta solicitude formal de Ferroglobe. 

Villar Mir, nun acto co conselleiro de Industria en 2014 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.