Feijóo descarga nos funcionarios a venda das centrais de Ferroatlántica e pide "que non se deixen presionar"

Unha das explotacións hidroeléctricas de Ferroglobe en Galicia © Ferroglobe

Feijóo descarga toda a responsabilidade da decisión que o seu Goberno tome sobre o futuro de Ferroatlántica nos funcionarios públicos que analicen a solicitude enviada pola empresa á Xunta hai tan só uns días. A compañía do empresario madrileño Villar Mir pediu formalmente ao Executivo que levantase a prohibición de separar as súas actividades de ferroaliaxe en Cee, Dumbría e Sabón das centrais que explota nos ríos Xallas e Grande, paso previo e necesario para vender as hidroeléctricas. Fíxoo advertindo que, sen esa venda, estarían en risco os postos de traballo en Galicia e toda unha serie de investimentos prometidos en diferentes factorías galegas. 

"Pídolles aos empregados públicos que non se deixen presionar por ninguén, nin polos partidos, nin polos sindicatos nin polos intereses empresariais", di Feijóo

"Pídolles aos empregados públicos que estean vendo este expediente que actúen sen deixarse presionar por ninguén, nin polos partidos políticos, nin polas organizacións sindicais, nin polos intereses empresariais", asegurou este xoves Feijóo, preguntado polo futuro de Ferroatlántica e dos traballadores e consciente do rexeitamento frontal do comité de empresa e de toda a oposición política á segregación, que consideran que agocha as intencións de "pelotazo" por parte de Villar Mir, así como a "deslocalización e desmantelamento" das súas fábricas na Costa da Morte. 

Xunta e PP levan tempo insistindo no argumento do estrito "cumprimento da legalidade" e na procura do "interese xeral" cando se lle pregunta sobre a decisión que tomará o Goberno. Hai tan só un ano, o director xeral de Enerxía, Ángel Bernardo Tahoces, asegurou en sede parlamentaria que "nunca houbo segregación de actividades e nunca a haberá". Este xoves, Feijóo deixou toda a responsabilidade da decisión na Asesoría Xurídica do Executivo e nos funcionarios que desde ela analicen o expediente enviado por Ferroglobe a Augas de Galicia. 

Feijóo insiste na "independencia" da Asesoría Xurídica e en que o Executivo non vai dar "ningunha indicación"

“A Asesoría Xurídica da Xunta non vai traballar baixo presión de ninguén”, dixo Feijóo, quen asegura que "os empregados públicos teñen independencia para ditaminar, sexa a petición desta ou de calquera empresa, se se axusta ou non se axusta ao título concesional". Ademais, advertiu que os informes que emitan "serán vinculantes para o Goberno" galego e que desde o Executivo non se lle vai dar "ningunha indicación". 

"Estábase intoxicando cando se dicía que estabamos autorizando a venda ou a segregación"

Alén disto, Feijóo salientou que dicía "a verdade" cando aseguraba que a Xunta non recibira petición ningunha por parte de Ferroatlántica até agora. "Estábase intoxicando cando se dicía que estabamos autorizando a venda ou a segregación", insistiu o presidente da Xunta, que asegurou que "sempre" lle ía contar "a verdade aos traballadores e aos alcaldes". Precisamente, este venres reúnese cos rexedores da zona para “informarlles do plan industrial que presenta a compañía no caso de que se lle autorice a segregacion”.

 

En Marea e BNG rexistran a solicitude para que compareza o comité

Solicitude de comparecencia do persoal rexistrada por En marea e BNG 

Por outra banda, os grupos parlamentarios de En Marea e o BNG rexistraron este xoves no Parlamento a solicitude de comparecencia urxente do comité de empresa de Ferroatlántica de Cee-Dumbría na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo para escoitar "a situación que están atravesando os traballadores da factoría, que descoñecen o futuro das centrais tras a petición de segregación das actividades por parte de Villar Mir á Xunta".

"É unha necesidade de primeira orde escoitar os traballadores, que son os que deben ter a última palabra", di Villares

“A Cámara galega é a cámara de representación de toda a cidadanía de Galicia e, ante a gravidade dos feitos que rodean a venda segregada das centrais, de Ferroatlántica consideramos unha necesidade de primeira orde escoitar os traballadores, que son os que deben ter a última palabra sobre a importancia que ten o mantemento dos postos de traballo e e viabilidade dun sector industrial dunha comarca que vive de maneira principal desta empresa”, sinalou o voceiro Luís Villares.

“Igual que os traballadores e as traballadoras, igual que a maioría da Costa da Morte e igual que os alcaldes da comarca pensamos que o único salvavidas para os 300 empregos nas plantas de Cee e Dumbría son as centrais eléctricas e a súa vinculación coa actividade industrial”, asegurou Ana Pontón, portavoz do BNG, que mantén este xoves un encontro con representantes dos e das traballadoras de Ferroatlántica no Concello de Cee. 

Para Pontón, se Feijóo autoriza a venda das centrais “asina a liquidación das plantas e de 300 postos de traballo, e dá luz verde a que un investigado polo financiamento do seu partido político dea un pelotazo a costa de Galiza”.

Unha concesión con condicións desde 1994

O grupo Villar Mir propúxose hai máis de vinte anos mercar a división de ferroaliaxes de Carburos Metálicos separando as actividades de ferroaliaxes e enerxía en dúas empresas e converter así as centrais eléctricas, destinadas á provisión de enerxía ás fábricas de Cee e Dumbría, en simples produtoras de enerxía eléctrica para a súa venda no mercado.

Daquela, o Goberno de Fraga, coa aprobación do Parlamento, condicionara a autorización administrativa para o cambio de titularidade das concesións que Carburos ten dos aproveitamentos hidroeléctricos no Xallas e Grande do Porto á non segregación en dúas sociedades distintas da actividade de ferroaliaxes e produción de enerxía eléctrica, preservando así o seu interese público e condicionando que a produción enerxética estea vinculada aos usos industrias das factorías.

En 1994, a Xunta esixe ademais á empresa compradora un plan de viabilidade que garanta a solvencia da explotación conxunta dos aproveitamentos hidroeléctricos e da produción de ferroaliaxe. Villar Mir acepta todas as condicións pero interpón recurso contencioso-administrativo ante o TSXG, que ditamina a favor do Goberno galego, ao igual que o Supremo en 2001 logo doutro recurso de Ferroatlántica. Agora, queda na man do Goberno de Feijóo mudar estas concesións e acceder ás peticións do grupo de Villar Mir.

Feijóo, na rolda de prensa do Consello © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.