Xunta e Competencia atribúen aos concellos parte do elevado prezo do gasóleo en Galicia

Feijóo e o conselleiro Conde, reunidos co presidente da CNMC © Xunta

Tres anos despois de que as dúas institucións puxesen o foco sobre os carburantes sen que as súas medidas se teñan traducido nunha rebaixa substancial, deitan agora parte da responsabilidade nos obstáculos municipais á apertura de novas gasolineiras

En 2014 a Xunta entregou á Comisión Nacional de Mercados e Competencia (CNMC), que se comprometeu a aplicar medidas, un informe no que constataba que Galicia ten os combustibles máis caros do Estado malia que conta na Coruña cunha das oito refinerías de toda España. Un ano despois, o Goberno galego anunciou diversas medidas a nivel autonómico para facilitar a apertura de máis gasolineiras. Pero tres anos máis tarde, sen pronunciarse aínda a institución de xeito oficial sobre a cuestión, este martes o presidente da CNMC, José María Martín Quemada, reuniuse co presidente Feijóo e ambos deitaron nos concellos parte da responsabilidade polas supostas “limitacións urbanísticas” que poñen á apertura de novas gasolineiras, o que limitaría a competencia e impediría que baixen os prezos.

Ao remate da reunión mantida este martes entre Feijóo e Martín Quemada, o segundo, o único que realizou declaracións públicas, admitiu que “non é normal e hai que rematar cuns prezos diferenciais en Galicia e no resto de España”. Segundo dixo, para iso será fundamental a “colaboración dos concellos para mellorar a distribución” evitando “limitacións urbanísticas” á hora de instalar novas gasolineiras. Mesmo salientou a “urxencia de tomar decisións o antes posible”. Porén, o presidente de Competencia evitou detallar que fixo nestes tres anos o seu departamento, unha demora en analizar a cuestión que lle vén reprochando a Xunta. Martín Quemada limitouse a asegurar que a reunión deste martes marca “un antes e un despois” na relación coa Xunta.

A Xunta non tivo problemas desta volta para compararse con Cataluña e admitir que teñen os mesmos impostos aos carburantes

Por parte do Goberno galego, Feijóo non compareceu ante os medios de comunicación pero o seu departamento emitiu un comunicado con declaracións súas nas que asegura que o feito de que Galicia sexa a terceira comunidade co gasóleo máis caro antes de impostos é “unha responsabilidade exclusiva das compañías privadas, encargadas de fixar estes prezos”. Porén, a continuación o comunicado pon tamén o foco nos concellos e salienta que no encontro de hoxe os dous dirixentes “destacaron como un dos puntos máis útiles estreitar a colaboración cos concellos para facilitar a localización de gasolineiras que intensifiquen a competencia”.

Na nota, ao contrario do que adoita facer de xeito habitual distanciándose das políticas de Cataluña, a Xunta non tivo problemas este martes en equipararse con aquela comunidade para asegurar que o combustible antes de impostos en Galicia “é un 5,4% máis caro que en Cataluña, pese a ter a mesma tributación que a Autonomía galega”.

Xunta e Competencia abren negociacións para superar as discrepancias sobre o decreto de vivendas de uso turístico

Na reunión deste martes, Xunta e Competencia tamén conversaron sobre o requirimento emitido pola segunda para que a primeira corrixa o seu decreto sobre vivendas de uso turístico. O responsable de Competencia limitouse a sinalar que as dúas administracións analizarán as discrepancias para tentar acadar “un acordo”. Similar valoración realizou a Xunta, que salientou a apertura dunha “rolda de conversas para chegar a un punto de entendemento tras as discrepancias xurdidas”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.