O Tribunal Supremo acordou que Novacaixagalicia Banco -agora Abanca- deberá devolver a dous demandantes o importe íntegro en concepto de cláusulas solo ademais dos intereses desde a data de cada cobro, así como recalcular as condicións dos préstamos. Así o indicou o pleno da Sala Primeira do alto tribunal, que rexeita así un recurso do banco contra un ditame anterior que daba a razón aos dous cidadáns que demandaran a entidade.
O Supremo obriga a Abanca a devolver o importe íntegro cobrado de máis e os intereses desde a data de cada cobro
O Supremo desestima os recursos presentados por Abanca contra unha sentenza da Audiencia Provincial de Ourense, que condenara a entidade a restituír 6.716,11 euros cobrados de máis en conceto de cláusulas solo de dous contratos hipotecarios. O ditame daba a razón aos demandantes, obrigando a devolver as cantidades cobradas de máis polo seu carácter abusivo e a desproporción da limitación ao alza sen equivalencia económica entre as obrigas asumidas por cada parte. Pero a entidade financeira recorreu por eses menos de 7.000 euros.
Así, o Supremo alcara que o cliente non podía ter unha idea clara do impacto económico que lle suporía obter o préstamo con claúsula solo en caso de que baixase o índice de referencia, polo que estaba sendo privado do seu dereito a comprar as diferentes ofertas existentes no mercado. O tribunal asume así o ditame do Tribunal de Xustiza da UE, que en decembro pasado recoñeceu a retroactividade total nas cláusulas abusivas, e non só desde maio de 2013.
O Supremo obriga a devolver os 6.716 euros logo de que Abanca interpuxera tres recursos contra o ditame que lle obrigaba a pagalos
O caso é que a entidade obrigou estes dous demandantes a acudir os tribunais para recuperar estas pequenas cantidades, tendo que ser o Supremo o que ordenase a devolución deles tras os recursos logo de pasar o caso por varios xulgados, que manteñen numerosas causas abertas por temas semellantes derivados das malas prácticas dos bancos.
O xulgado de primeira instancia número 4 de Ourense condenarra en 2012 á entidade a devolver as cantidades aos demandantes, a anular as cláusulas solo incluídas nos contratos e a recalcular os cadros de amortización dos préstamos hipotecarios. Pero NCG Banco presentou un recurso de apelación desestimado pola Audiencia Provincial dous anos despois. Logo disto, o banco interpuxo un recurso extraordinario por infracción procesal e un recurso de casación alegando infraccións á lei, a Constitución, a doutrina xurisprudencial e ao Código Civil.
Foi daquela cando a Audiencia Provincial remitiu as actuacións á Sala Primeira do Tribunal Supremo, que acabou por desestimar ambos recursos tras unha demanda que se remonta a hai máis dez anos, cando en 2006 e 2007 foron asinados aqueles dous contratos hipotecarios.