Couza da pataca: pódese dar por controlada unha praga así?

Concellos afectados pola couza e concellos da 'zona tapón' Dominio Público Praza Pública

Hai menos de quince días, a Consellería do Medio Rural daba por controlada a praga da couza guatemalteca da pataca na provincia da Coruña, ademais de advertir da continua redución da súa presenza en Lugo. A conselleira Ánxeles Vázquez asegurábao na reunión do Consello Agrario Galego, onde avaliou a evolución dunha praga que afecta 31 concellos nos que se levan xa semanas recollendo ou arrincando tubérculos para impedir a súa expansión. Máis de 200 toneladas foron xa apañadas. 

Medio Rural deu xa por "controlada" a praga da couza da pataca na provincia da Coruña

A Xunta trasladou estas "moi boas novas" e insistiu en dar por "controlada a praga" na provincia da Coruña e en destacar os grandes avances na de Lugo. No entanto, foron varios os profesionais expertos en patoloxías nos cultivos os que se sorprenderon ante estas esaxeradas conclusións por parte de Medio Rural e da máis que posible precipitación á hora de asegurar os bos resultados da campaña da Consellería, que insiste e argumenta con datos a súa posición. 

Óscar Antón Pérez, enxeñeiro técnico agrícola e cunha dilatada experiencia na loita contra pragas semellantes, amosou as súas reticencias ante os anuncios da Xunta neste artigo. Máis, tendo en conta as dificultades que en numerosos lugares se ten para controlar a couza. De feito, chegou ás Canarias en 2001 e aínda seguen pelexando con ela. Noutras países latinoamericanos onde provocou graves danos hai uns trinta anos, como Colombia, Perú ou Venezuela, a loita contra esta abelaíña continúa. 

Nas Canarias e en varios países latinoamericanos seguen a loitar contra a praga da couza

Pero, que levou a Medio Rural a dar por "controlada" a praga na Coruña? A conselleira explicou que nos 13 concellos coruñeses demarcados hai instaladas máis de 450 trampas, un 258% máis que no 2016, e que nos últimos meses só se capturaron 66 exemplares, o que significa unha diminución do 89% en relación ao pasado ano. Óscar Antón Pérez lembra que o trampeo é tan só "un método de seguimento" que unicamente ofrece unha medición aproximada da densidade de poboación dun insecto nunha zona e nun período determinado e sempre segundo as características da contorna, do patóxeno e do cultivo. Por que non é tan fiable para determinar o impacto da praga? Porque estas trampas só capturan adultos e adultos machos, os mesmos que a partir de agora, segundo aclara o experto "estarán voando". "Ata hoxe en día estaban comendo na pataca" e, xa que logo, non había moita couza adulta que capturar. 

Desde Medio Rural aclárase que as larvas da couza teñen "unha vida relativamente curta e pasan a maior parte da súa vida no interior dos tubérculos" e aclara que a súa contabilización "non é posible porque para iso habería que abrir as patacas". Ademais, desde a Consellería aseguran que con esta recollida de máis de 200 toneladas -e as que aínda faltan por contabilizar- asegúrase "que todas as larvas presentes nos tubérculos son eliminadas, o que orixinará unha diminución elevadísima das poboacións". "Quedarían os ovos e as pupas que aínda queden no terreo. Con respecto aos ovos, unha vez eclosionen, as larva non terán tubérculos aos que dirixirse e morrerán no camiño. Polo que respecta ás pupas, destas sairán individuos adultos que serán capturados na rede de trampas dispostas ao efecto", di.

A Xunta asegura que a recollida das patacas "asegura que todas as larvas dos tubérculos sexan eliminadas"

"Unha vez recollidos os tubérculos, a recollida de adultos mediante as trampas dispostas polo territorio é a medida máis eficaz para diminuír a poboación de individuos adultos, así como nos polilleiros distribuídos aos agricultores. O número de capturas é un indicador da persistencia da praga no territorio, estas capturas  xa están en diminución e  o seu número continuará baixando ata a desaparición da praga", di Medio Rural. 

A Xunta alude á diminución nun 89% dos insectos nas trampas, pero estas só capturan adultos machos e non larvas

"Só é unha estimación e hai que ter en conta todos os erros pode contar esta mostraxe; é unha temeridade anunciar que a paga está controlada en base a estas cifras", di Pérez, que insiste en que a cantidade de larvas presentes só pode ser estimada pero nunca coñecida. Ademais, engade, "as pragas nunca son entidades fixas, senón que funcionan sobre evolucións, podendo haber repuntes e baixadas ao longo do tempo". Con todo, advirte, "a Consellería estase a referir a un período demasiado curto como para saber se hai praga ou non e mesmo se está controlada ou non". 

Óscar Antón Pérez advirte da "evolución" das pragas no tempo e do feito de que se dea por controlada sen empregar praguicida ningún

Ademais, este enxeñeiro técnico agrícola repara no feito de que se dea por controlada unha praga sen aplicar praguicida ningún aínda, nin químico nin biolóxico, e tan só "arrincando patacas tarde, mal e a rastro". Pérez vai máis aló, e advirte tamén que pola súa recente chegada, "aínda non se coñecen as condicións concretas da praga en Galicia". "Sabemos como evolucionou nas Canarias, pero non como o fai aquí nin cales son os efectos en Galicia; non sabemos se é máis voraz nunhas épocas ou noutras, máis sobre unha variedade de patacas ou outras ou como lle afecta a contorna ou a composición do chan", insiste quen fala de "precipitación e temeridade" á hora de definir os anuncios de Medio Rural respecto da couza. 

 

A estratexia é distinta á das Canarias

Medio Rural aclara que "a estratexia seguida por Galicia é distinta á aplicada nas Illas Canarias" ao ser un territorio ultraperiférico pero, ademais, . nas Illas "nunca estiveron interesados en realizar unha estratexia de eliminación da praga a través da prohibición de plantación e recollida de todos os tubérculos producidos nese territorio e limitáronse a unha estratexia de captura de individuos, co que non conseguiron a erradicación".

"Unha vez recollidas todas as patacas e nos almacéns e capturados os adultos polas trampas, estariamos a un paso da erradicación", di a Xunta

"Unha vez se teñan recollidas todas as patacas existentes no campo e nos almacéns particulares e capturados o maior número de individuos adultos mediante as trampas e os polilleiros, e dado que se trata dunha praga específica do cultivo da pataca, estariamos a un paso da erradicación", aseguran desde a Consellería. 

"Que imos facer se a praga rebota con máis virulencia ou se estende a outros concellos? Imos dicir que veu de novo?", pregúntase, pola contra, Óscar Antón Pérez, que cre que en Galicia, en contra da postura da Xunta, "imos ter que afacernos a convivir coa couza guatemalteca", ao igual que co nemátodo do piñeiro ou a avespiña do castiñeiro. Nas Canarias, lembra, a praga "leva máis de quince anos ocasionando elevadas perdas e quebrando a cabeza a persoal técnico e investigador sen solución á vista". 

Os expertos advirten de que falta coñecemento sobre como vai evolucionar a praga en Galicia

Tal e como explica a Consellería do Medio Rural, a día de hoxe, cando xa se leva un mes de recollida de pataca nas explotacións e nos almacéns de pataca de semente os resultados "son absolutamente satisfactorios". Hai máis de 50.000 quilos de pataca de semente recollida nos almacéns de venda e máis de 215.000 quilos de pataca recollidos nas explotacións. "Durante o mes de xuño darase un repaso a todo o territorio dos 31 concellos afectados para dar opción a aqueles que non entregaron no seu día que o fagan nese momento", rematan. 

Patacas afectadas pola couza CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.