Seguimento total da folga da estiba, tamén nos portos de Galicia

Movemento de contedores no porto de Vigo, un dos focos de exportacións en Galicia © marportactivities.com

O 100% dos estibadores dos principais portos galegos secundaron este luns a primeira xornada de folga no sector no marco da negociación aberta coa patronal sobre a reforma do sector aprobada polo Goberno. Os arredor de 160 traballadores dos peiraos de Vigo, A Coruña e Ferrol deixaron de traballar en horas alternas, apoiando así o paro que tamén foi do 100% no conxunto do Estado, tal e como recoñeceu o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, que destacou tamén a normalidade nesta primeira xornada das oito convocadas polos sindicatos para os vindeiros días. 

En Vigo, onde maior número de estibadores traballan en Galicia -máis dun cento-, tamén o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, recoñeceu que a folga fora secundada polo 100% dos operarios da estiba e lamentou "moitísimo" o paro por supoñer un "dano grave" para o peirao, aínda que dixo tamén que non houbo "ningunha alteración máis aló do exercicio lexítimo da folga". 

López Veiga lamenta "moitísimo" a folga polo "dano grave" que supón para o porto de Vigo

Para López Veiga, o calendario de paros previstos "non é razoable" e advertiu dos prexuízos para os portos do Estado, ao previr que moitas empresas optarán por ir descargar a outros peiraos no caso de agardar problemas no de Vigo ou noutros. O presidente da Autoridade Portuaria asegura que a aprobación do decreto para regular o sector era "unha obriga inexorable" e insistiu en que a "liberalización" do sistema xa é "un feito", aínda que asegura que "non se vai prescindir" do colectivo que traballa agoa porque "ninguén presicinde dun colectivo formado". O que si lles pediu foi que se "adaptasen á nova situación". 

No porto da Coruña, pola súa banda, os pouco máis de trinta estibadores secundaron tamén ao 100% a folga, ao igual que os catorce que forman o cadro de persoal no sector no peirao de Ferrol. O colectivo, de máis de 6.000 persoas, está convocado a oito xornadas de paro que se prolongarán até o vindeiro 23 de xuño, en defensa dos seus postos de traballo logo do fracaso da negociación coa patronal Anesco para alcanzar un acordo no novo escenario laboral que se abre coa liberalización do sector. 

López Veiga, presidente do Porto de Vigo, xunto a Feijóo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.