0 Gardados para despois

Elnosa inicia os trámites ante a Xunta para perpetuarse en Lourizán

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Elnosa debería abandonar o seu actual emprazamento en Lourizán cando remate 2017. Este é o horizonte fixado dende hai anos, dende que a Xunta xa lle outorgase á empresa unha prórroga en 2013, nun momento no que xa se barallaba o necesario traslado da factoría. Porén, a compañía vén de iniciar os trámites ante o Goberno galego para tentar manter a súa localización. O Grupo CUF, a multinacional portuguesa propietaria da planta, solicitou o inicio dun Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal, toda vez que o Concello de Pontevedra rexeitou aprobar un Plan Especial de Reforma Interior (PERI).

A empresa busca repetir a operación que xa realizou ENCE no seu día, conseguindo que o Goberno de Manuel Fraga aceptase un plan sectorial de incidencia supramunicipal que fixo que a pasteira eludise o control urbanístico das autoridades municipais

A empresa busca repetir deste xeito a operación que xa realizou ENCE no seu día, conseguindo que o Goberno de Manuel Fraga aceptase un plan sectorial de incidencia supramunicipal que fixo que a pasteira eludise o control urbanístico das autoridades municipais pontevedresas. Se a Xunta accede á petición da compañía, pasaría a ter competencias para aprobar calquera reforma interior no recinto, incluído o imprescindible proceso de reconversión que Elnosa debe levar a cabo para adaptarse á normativa europea. Ademais, a partir do 11 de decembro deste ano a UE prohibe seguir usando mercurio no proceso de produción do cloro, polo que Elnosa deberá modificar necesariamente a súa actividade.

Nun comunicado, a empresa sinala que tamén está levando a cabo os trámites para a Revisión da Autorización Ambiental Integrada (AAI) "co obxectivo de manter a actividade industrial no planta e garantir os postos de traballo actuais e tratar de aumentalos". O Grupo CUF tamén espera que ELNOSA obteña unha prórroga da concesión dos terreos que ocupa en dominio de Costas, previa resolución do expediente de caducidade aberto.

"O que temos claro é que ELNOSA non pode seguir na ría. O que hai que facer é cumprir a lei, non como fixeron con ENCE, e sacala de Lourizán este ano", sinalou Antón Masa

Antón Masa, voceiro da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) salienta en conversa con Praza que "hai que agardar a ver que fará a Xunta con esta solicitude, pero en principio cremos que a aprobará". "O que temos claro é que ELNOSA non pode seguir na ría. O que hai que facer é cumprir a lei, non como fixeron con ENCE, e sacala de Lourizán este ano", sinalou. "A partir do 11 de decembro xa non poderá empregar mercurio e aínda non solicitou o cambio de tecnoloxía, non presentou plan ningún de renovación das súas infraestruturas, para mudar os actuais cátodos de mercurio por unha tecnoloxía de membrana á que está obrigada", explicou. "Queren repetir a xogada que xa fixeron con ENCE: saltar a legalidade e pasar por riba do Concello empregando subterfuxios. Queda clara unha vez máis a connivencia que existe entre a Xunta de Galicia e o Partido Popular con estas empresas, que se benefician dun tratamento que non teñen outras compañías", denunciou Masa.

"Queren repetir a xogada que xa fixeron con ENCE: saltar a legalidade e pasar por riba do Concello empregando subterfuxios. Queda clara unha vez máis a connivencia que existe entre a Xunta con estas empresas", denuncia a APDR

Na manifestación contra a continuidade de ENCE e Elnosa na Ría de Pontevedra, que tivo lugar hai tres semanas, a APDR salientou que "de acordo coa lexislación europea, ELNOSA ten que abandonar Lourizán este ano, porque non cabe prórroga ningunha ao uso do mercurio máis alá de decembro. E os responsábeis da empresa sábeno, por iso non cesan na chantaxe social coa desculpa da defensa duns postos de traballo que só benefician a uns poucos, en detrimento do ben da maioría das persoas e da saúde". "Sábeo tamén o Partido Popular, un partido caracterizado pola corrupción e pola servidume ás empresas ilegais e contaminantes; que non dubida en saltar as Leis ou reformulalas á súa vontade e sempre a cambio de pagos, en contado ou en especie. Mais nós non imos permitir que mais unha vez, a xustiza sexa unha mera marioneta do poder económico", engadiu o manifesto da marcha. 

A presión da empresa para asegurar a súa permanencia na súa actual localización foi aumentando nas últimas semanas e meses, ata o punto de que membros do comité de empresa da factoría realizaron un escrache nas proximidades da residencia familiar do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, unha acción que o rexedor asumiu "con orgullo", sinalando que o escrache ía contra el porque "non llo poden facer a todos os pontevedreses que están por recuperar a ría".

 

Un traslado prometido en 2011

En 2011 Núñez Feijoo afirmou que o prometido traslado de Elnosa en 2014 era "unha mostra de que cumprimos con Pontevedra"

O 9 de decembro de 2011 o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, afirmaba na sede da Xunta en Pontevedra que "hoxe iníciase a conta atrás para o peche definitivo de Elnosa na ría de Pontevedra, que terá lugar o 6 de xaneiro de 2014", incorporando os cualificativos de "innegociable" e "improrrogable" para o peche. Núñez Feijoo tamén comprometeu a súa palabra e o 27 de decembro dese ano sinalou que a marcha de Elnosa en 2014 era "unha mostra de que cumprimos con Pontevedra". No programa do Partido Popular para as eleccións ao Parlamento galego de 2012, que sinalaba que "o PPdeG mantén a súa aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento", a formación daba por feito o desmantelamento de ELNOSA ("logo de acordada a saída ordenada de ELNOSA...").

Ademais, a finais de 2013, cando o Goberno galego realizou unha manobra para estender a presenza da empresa en Lourizán ata finais de 2017, a Xunta destacou que o acordo evitaba a posibilidade de que a empresa mantivese o seu actual emprazamento máis aló deste ano, baseándose nos recursos presentados contra o prazo límite de xaneiro de 2014, e que a cambio a empresa se comprometera a retirar.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.