O comité de Ferroatlántica compareceu este venres en rolda de prensa para dar a coñecer as alegacións presentadas á solicitude de autorización administrativa que a compañía fixo para o cambio de cotitularidade e a supresión do veto á segregación de actividades na Costa da Morte. Están supervisasdas, ao igual que o informe técnico-xurídico previo, polo profesor titular de Dereito administrativo, Carlos Aymerich, que durante a comparecencia acusou a empresa de dar diferentes argumentos segundo fose o receptor da mensaxe. Así, os traballadores culpan a Ferroglobe de asegurarlle á Xunta que a venda das centrais que permitiría a segregación pretende financiar o plan industrial para a comarca, mentres lle di aos seus accionistas que o obxectivo é "facer fronte ás débedas e reducir a carga financeira".
Os traballadores acusan a empresa de dicirlle á Xunta que a segregación permitiría o plan industrial e aos accionistas que "farán fronte ás débedas e reducirán a carga financeira"
Así, o comité instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a dar unha resposta "rápida" e "de xustiza" á solicitude de segregación por parte da empresa, a quen acusa de caer en "contradicións" e de pretender realizar "unha nova operación especulativa" co obxectivo de amortizar débeda.
En compañía de Aymerich, os traballadores deron a coñecer as novas alegacións, que chegan logo de que o profesor universitario elaborase un informe técnico xurídico sobre a posibilidade, consecuencias e condicións da transmisión do os aproveitamentos hidráulicos. Máis tarde, a compañía de Villar Mir fixera público outro estudo elaborado polos catedráticos de Dereito administrativo da USC José Luis Carro Fernández-Valmayor e Luis Míguez Macho que apuntaba a que a Xunta "non podería negarse" á petición de Ferroatlántica.
Á espera de que este mes se dea a coñecer a resolución sobre a solicitude da segregación, Ferroatlántica teima en que a segregación é condición para poder desenvolver un plan industrial nas fábricas galegas. Pero os traballadores de Cee e Dumbría acusaron a empresa de incorrer en "contradicións" ao dar diferentes argumentos -a Xunta e accionistas- sobre a intencionalidade da segregación.
O comité tivo acceso a un informe que a empresa presentou aos accionistas: "En Galicia di unha coussa e a eles, outra"
O comité asegura que a pretensión de Ferroatlántica, que se reflictiría nun informe presentado aos seus accionistas, e ao que tivo acceso o comité- é conseguir a segregación para "amortizar as súas débedas e reducir a súa carga financeira". "En Galicia di unha cousa e aos seus accionistas outra", asegurou Aymerich, que di que detrás deste proceso de segregación "hai unha decisión política que tería consecuencias xurídicas".
Neste sentido asegura que, no caso de que a Xunta aprobase a segregación, a concesión "tería que reverter á Administración" xa que legalmente non é posible que o actual concesionario manteña a concesión porque "desaparecería a causa" da mesma. Tería que iniciarse un novo procedemento de outorgamento.
Ademais das contradicións da empresa e da obrigatoriedade de abrir un novo proceso en caso de aprobar a segregación, os traballadores insisten tamén en que non decaeu o interese público e, ante todo, defenden o mantemento das dúas actividades industriais baixo una mesma empresa.
Así, reclaman á Xunta unha resposta negativa ante as intencións da firma do grupo Villar Mir. Entre tanto, os traballadores xa teñen convocada unha manifestación en Santiago para o día 8 de xullo, ademais dunha folga de 24 horas.