As sete cidades galegas reduciron a súa débeda viva en 56 millóns de euros en 2016

Concellos con máis débeda viva por habitante en 2016 Dominio Público Praza Pública

Os concellos galegos reduciron a súa débeda viva ao longo do ano 2016 en case 100 millóns de euros, pasando dos 518 millóns que acumulaban o 31 de decembro de 2015, ata os 420 dun ano despois. Segundo os datos oficiais publicados polo Ministerio de Facenda, unha boa parte desta redución corresponde ás sete cidades, que en conxunto rebaixaron a cantidade en 56 millóns. A Coruña e Compostela seguen sendo os concellos máis endebedados, pero con 10,5 e 8,7 millóns menos que en 2015. No lado negativo aparece o Concello de Miño, que incrementou os seus números vermellos nun 390%, converténdose na localidade con máis débeda por habitante, con 2.627 euros por persoa, superando neste indicador a Os Blancos, Catoira e Porqueira.

En canto ás deputacións provinciais, A Coruña mantense con débeda cero e Lugo presenta unicamente 35 mil euros (tiña 0 en 2015). Pontevedra e Ourense si manteñen unha débeda importante (27 e 19,9 millóns, respectivamente), pero moi inferior á do ano anterior (40,7 e 27,8 millóns, respectivamente).

Tan só 26 concellos incrementaron a súa débeda en 2016, encabezados por Miño, que a elevou dos 3,1 aos 15,3 millóns. O Pino pasou de ter débeda cero a contar con case un millón de euros. Catoira, Pol, Cabanas, A Fonsagrada e Bande tamén elevaron os seus números vermellos de forma significativa. Cómpre salientar que un de cada tres concellos (102) non presenta débeda ningunha.

Un total de 187 reduciron os seus números vermellos, encabezados en termos absolutos por Ourense, A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Lugo e Narón. En termos relativos, hai que sinalar unha ducia de localidades que liquidaron o cento por cento da súa débeda, encabezados por Carballo, Boqueixón e Vila de Cruces. E, igualmente, debe destacarse a Oleiros ou Porriño, que practicamente deixaron a cero esta conta negativa, que en 2015 ascendía a 1,8 e 1,6 millóns respectivamente.

Miño, Os Blancos, Catoira, Porqueira, Xunqueira de Espadanedo e Nogueira de Ramuín son as localidades que presentan unha maior débeda por habitante. Unha lista na que os concellos da provincia de Ourense ocupan 10 dos 15 primeiros lugares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.