Morre un traballador ao caer na obra da ponte de Rande, onde a CIG denunciou “explotación laboral”

Protesta da CIG hai dúas semanas nas proximidades de onde morreu o traballador Dominio Público CIG

Un home que traballaba nas obras de ampliación da AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande morreu a primeira hora desta tarde ao caer desde un noiro situado baixo o viaduto nas proximidades da rotonda na que conflúen os tráficos da autoestrada, do Corredor do Morrazo e da estrada de Vilaboa. O accidente produciuse nunha zona de difícil acceso e motivou o desprazamento non só dos servizos sanitarios, que só puideron certificar o falecemento, senón tamén dos bombeiros.

Hai dúas semanas o sindicato protestou no mesmo lugar polas "xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por sete euros a hora" a que están sometidos os operarios

Hai dúas semanas a CIG realizou nesa mesma zona, no extremo norte da ponte, o máis próximo ao Morrazo, unha protesta polas condicións laborais dos traballadores. O sindicato denunciou “xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por sete euros a hora, incluíndo todos os conceptos salariais”, algo que consideraba “un perigo para a integridade” dos operarios. Unha semana despois, o sindicato informou de que a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Dragados e Grupo Puentes, contratada para a obra pola concesionaria, Audasa, baixo autorización do Ministerio de Fomento, se comprometera a que “as subcontratas que se encargan dos traballos cumpran o convenio en materia de xornada e de salario”.

Para o secretario nacional da CIG-Construción, Xoán Xosé Melón, o sucedido en Rande é a "crónica dun accidente anunciado". "Dábanse todas as condicións para que se producise un sinistro tan grave, víase vir", lamenta, toda vez que o persoal "leva tempo observando problemas de seguridade como a caída de material e de ferramentas dende grandes alturas con xeite debaixo traballando". "O propio falecido -asegura- comentara días atrás que non estaba contento soa súa situación".

Outra imaxe da protesta da CIG polas "xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por 7 euros a hora" Dominio Público CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.