As peaxes galegas son o 60% do negocio do grupo empresarial propietario da AP-9

Vista da AP-9 ao seu paso por Vigo CC-BY-SA Tomás Rodríguez Ontiveros

A vida continúa con pracidez no grupo empresarial propietario da Autoestrada do Atlántico, o mesmo que controla a concesionaria dos viais entre A Coruña e Carballo (AG-55) e de Puxeiros ao Val Miñor (AG-57). O grupo Itínere vén de aprobar en xunta de accionistas as súas contas de 2016 e nelas acredita que a base do seu negocio son as concesións galegas e, moi especialmente, a AP-9, cuxos números avanzan alleos á controversia política polo reiterado veto do Goberno de España a transferir as competencias sobre ela á Xunta, tal e como reclama o Parlamento galego por unanimidade. Non en van, practicamente seis de cada dez euros ingresados por Itínere durante o pasado exercicio procederon de Galicia e máis da metade da súa cifra de negocio ten a súa orixe nas portaxes da AP-9.

 

O Grupo Itínere está confrmado na actualidade por ata sete sociedades distintas que xestionan cinco autoestradas; as tres galegas, a AP-66 entre Asturias e León e mais a AP-1, de Burgos ao sur de Araba. Este conglomerado empresarial ingresou durante o pasado ano 268,7 millóns de euros, un 3,4% máis que en 2015, dos que 138,6 proceden das portaxes da AP-9 e outros 13,3 de Autoestradas de Galicia, isto é, da compañía do grupo que xestiona os devanditos viais dependentes do Goberno galego. Na AG-55 e mais na AG-57 a cifra de negocio dos últimos anos permeceu estable e mesmo minguou un chisco, pero na AP-9 o crecemento é sostido.

As compensacións que ingresará das Administracións polos descontos en portaxes da AP-9 durante o pasado ano superan os 13 millóns de euros

O groso do negocio de Itínere vén do cobramento de peaxes directamente ás persoas usuarias, pero as contas reflicten tamén os ingresos que chegan directamente dende as arcas públicas mediante a compensación por descontos en peaxes de traxectos como os de Pontevedra a Vigo, O Morrazo ou Vilaboa e mais a portaxe da Barcala. Eses acordos coas Administracións supoñen que Itínere conte con ingresar 6,6 millóns de euros do Ministerio de Fomento e outro tanto da Xunta -Alberto Núñez Feijóo vén asegurando que nun futuro o Goberno de España asumirá a cota de Galicia-. No caso das autoestradas de titularidade autonómica, as compensacións por descontos de 2016 ascenden a 437.000 euros. Adicionamente, Itínere explica aos seus accionistas que prevé cobrar 28.000 euros máis "derivados do convenio asinado en xuño de 2016 co Ministerio de Fomento para a posta en servizo do acceso ao porto exterior da Coruña e a súa conexión coa AG-55".

Como xa fixera Audasa na presentación dos seus propios resultados, Itínere inclúe tamén nas súas contas anuais as operacións que, en virtude dos acordos co Goberno central, prevé realizar para ser "resarcida" polo custo das obras de ampliación en Santiago e Vigo. Eses pactos "contemplan, con carácter extraordinario, un incremento moderado das tarifasque se manterá en vigor ata a total compensación do sinvestimentos polas obras de ampliación, os gastos de conservación e demais derivados destas". Do mesmo xeito, lembra que xa levou o Ministerio de Fomento aos tribunais para esixir que as subas de prezos poidan ser aplicadas de inmediato.

En beneficios

Itínere, que como Audasa rematou o ano con avultados beneficios, láiase na súa memoria anual da "situación de inestabilidade política"

Estas son as principais cifras dun exercicio económico no que Itínere volveu anotar beneficios. Foron, concretamente, algo máis de 29 millóns de euros que se agregan aos obtidos pola propia Audasa, que o ano pasado chegaron aos 45 millóns de euros despois de impostos. "Despois dun longo período de crise económica", di a memoria das contas, "o exercicio de 2016 continúa a senda de mellora" que "tamén se reflicte na evolución do sector das autoestradas". Así e todo, o grupo empresarial coida que se este crecemento económico non foi maior debeuse á "situación de inestabilidade política" a cal, diagnostica, "limitou nalgunha medida a recuperación".

Os comentarios de Itínere sobre a situación política e económica xeral non se refiren, en ningún punto do documento, a un eventual cambio de mans das competencias sobre a AP-9. Si achega, non obstante, unha cifra que contrasta moi notablemente coa valoración que o Ministerio de Fomento incluíu da propia autoestrada como parte da súa negativa a traspasar a titularidade a Galicia. O valor neto da concesión da Autoestrada do Atlántico é, segundo a propia compañía, de 1.953,4 millóns de euros. No entanto, o importe que manexa o Goberno de España dispárase por riba dos 4.000 millóns de euros, resultado de multiplicar a media de recadación de portaxes polo número de anos que restan ata 2048, no que remata a concesión. Ese método de cálculo non se corresponde co fixado na lei de contratos do sector público.

Cabinas de peaxe da AP-9 © Google

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.