Antón Costas: "Doulle á competencia un valor social que a esquerda non sabe ver"

Antón Costas na súa casa de Matamá durante a entrevista CC-BY-SA Praza Pública

Antón Costas (Vigo, 1949), naceu en Matamá, pero ao tempo que esa parroquia se convertía nunha das de maior PIB de Galicia coa instalación da fábrica de Citroën, el emigraba nos anos 70 a Barcelona, onde da man de Fabià Estapé entrou de profesor na súa universidade, na que é catedrático de Economía Aplicada. Costas presidiu o Círculo de Economía de Barcelona, tivo cargos de responsabilidade en Endesa e é accionista e membro de consellos de administración de varias empresas. Defínese a si mesmo como economista neoclásico, “defensor do mercado” pero crítico coa deriva do capitalismo e o incremento da desigualdade, posturas que vén expoñendo nos seus numerosos libros, nos que a historia económica ten unha importante presenza. Cada verán volve pola súa casa de Matamá, no rururbán vigués, onde fala devagar con Praza Pública.

“Meu pai quería ser enterrado como obreiro que foi, pero co que custou, iso é unha extracción de rendas de familias pobres por parte dun monopolio no tanatorio”

Como se define vostede como economista?

De formación neoclásica. Pertenzo ao que é para ben e para mal o núcleo central da metodoloxía en economía. O que si que teño por formación é unha dimensión máis importante que a convencional en termos de historia económica. Como definirías neoclásico? Pois a corrente da economía que cre que os actores económicos tenden a ser racionais nas súas decisións. Pero teño unha visión maior que a corrente máis estreita que é a que ve a racionalidade en termos estritamente económicos, de maximización do beneficio. Ás veces, cando dou conferencias en ambientes que se pode supor que son moi activistas e fago crítica do capitalismo, como no último libro, nalgún momento da miña intervención meto a cuña: non, non se confundan, eu son economista formado na corrente principal da economía e polo tanto defensor do mercado como mecanismo importante, non exclusivo. E un economista que lle dá un valor social moi elevado á competencia, un valor social que a esquerda en xeral non sabe ver. Moitos dos problemas que padecemos neste momento non son consecuencia do mercado, digámolo así, senón máis consecuencia da aparición dun tipo de capitalismo monopólico, concesional. Podes levalo ao máis pequeniño. Cando vou a Vigo e teño que aparcar como un cidadán cívico nos lugares en que está permitido, e teño que pagar, non entendo por que se me fai pagar en vez do tempo que eu quero un tempo moito máis longo. Esa é unha concesión en réxime de monopolio que hai aí. Ou cando morreu meu pai, hai seis meses. Cando meu irmán me dixo o que custara enterrar ao meu pai nese monopolio que hai aí, no tanatorio. El quería ser enterrado como o que sempre foi, como un obreiro. Nada de caixas... [fai xestos de esaxeración]. Cando meu irmán me pasou os datos do que significou... iso é unha extracción de rendas de familias pobres por parte dun monopolio. Cando falo do valor social da competencia falo de cousas tamén deste tipo.

O seu último libro, La nueva piel del capitalismo (Galaxia Gutenberg, 2016), escribiuno co tamén catedrático vigués Xosé Carlos Arias, que tivo unha curta experiencia como concelleiro no goberno local de Ventura Pérez Mariño. Non valorou nunca vostede entrar en política?

Non. Fun, por dicilo así, líder estudantil en Barcelona na primeira metade dos 70. Supoñíase que acabaría facendo política. De feito, na miña promoción están [os ex-ministros de Aznar] Josep Piqué ou Anna Birulés. Supoñíase que o político naquela época ía ser eu e a realidade é que foron eles. A política gústame analizala e estar preto dela, pero nunca me chamou como para ser un actor protagonista. Si que estiven en varios momentos preto dela e se me fixeron proposicións, nunca de forma directa para ser ministro, pero si tres veces dunha forma indirecta. Ata saín en La Vanguardia como secretario de Estado. Pero nunca me tirou. Sempre mantiven a condición de académico e, na medida en que era compatible, outro tipo de dedicacións, como asesoría a algúns políticos moi próximos como Ernest Lluch [ministro de Sanidade con González asasinado por ETA en 2000].

En que tres momentos lle ofreceron eses postos políticos?

Pois tanto do PSOE como do PP. No momento en que estaba Lluch, con Piqué e algunha insinuación posterior tamén.

Canto se inflúe en política desde os postos que vostede ocupou?

Nunca tes a información certa de en que medida puideches influír en determinadas decisións, que son finalmente o efecto de moitas influencias diversas. Probablemente só aquel que asina os decretos, as leis, pode dicir que tivo unha influencia directa. Eu estiven detrás de Lluch especialmente nos anos 80 en decisións de política social que creo que foron moi importantes para España como a lei de sanidade universal [Ley 14/1986, de 25 de abril, General de Sanidad]. Pero en modo algún podo dicir que tiven influencia nese tipo de decisións. As decisións colectivas son como poalla.

Vostede foi alto cargo de Endesa. A produción eléctrica cun forte peso das renovables é unha das especializacións económicas de Galicia pero hai voces que din que o país non se está a beneficiar todo o que debera dese feito. Que opina?

Poderíase dicir o mesmo de Cataluña se se fala de enerxía nuclear. [Alí] non nos beneficiamos do feito de que temos en Cataluña as principais fontes nucleares. Eu creo que está máis relacionada coa cuestión de recursos naturais. Ese é un debate que o miro moi atrás, naquelas épocas de Fenosa, Barrié de la Maza e a súa relación con Franco. Cando miro a economía galega, que non son experto nela, non tendo a pensar nunha economía especializada en fontes de enerxía eléctrica. Non vinculo o dinamismo da economía galega, nin pasado, presente ou futuro, coa xeración de electricidade, xa sexa con fontes tradicionais ou renovables. A capacidade de crecemento e xeración de riqueza está máis relacionada coa estrutura produtiva máis ampla. A xeración de enerxía eléctrica, mirando ao futuro, míroo máis como un problema ambiental que como unha fonte específica de benestar. A enerxía afecta a esas outras actividades basicamente pola vía dos prezos, dos custos.

“A crise creou un espazo de colaboración necesaria que non existía entre empresas e universidades”

Máis que o seu posto en Endesa, a súa gran ocupación vital é como profesor universitario. Como ve a educación en Galicia e a súa influencia na economía?

A dotación de recursos culturais, educativos e de habilidades profesionais ás persoas dun territorio é esencial en primeiro lugar para elas mesmas, para o capital humano. A expresión é moi economista pero creo que ten sentido. O investimento que unha persoa fixo no seu pasado en termos de habilidades, capacidade de comprensión e análise, empatía, é moi importante para o seu propio desenrolo. E é un elemento importante para o dinamismo da economía. Pero habería que facer unha salvedade. A educación é moi importante para o futuro das persoas e da economía, pero a educación non é hoxe por hoxe a estratexia de crecemento que precisa a economía galega ou española. Eses máis de dous millóns de persoas, e a porcentaxe equivalente en Galicia, que hai en España de parados de longa duración. Ti non podes pensar que a educación é a estratexia para darlles un futuro. En termos máis xerais, e falando máis desde fóra que desde dentro, fronte á crítica que se fixo da dispersión universitaria en Galicia, tirándolle a Santiago o monopolio que tiña e estendendo a educación universitaria, dotouse aos ámbitos económicos de Galicia de instrumentos moi potentes. Hoxe, e non é un problema só para Galicia, fainos falla un coñecemento útil. O I+D galego, como o do resto de España, e aí os vascos probablemente fixérono mellor, ata chegar á crise corría en paralelo o que se facía nas universidades co que se facía no ámbito das empresas, pero non había pontes, conexións. Probablemente porque non era moi necesario nin para a empresas nin para a propia universidade na medida en que tiña fondos públicos para investigar pensando máis na publicación e nos resultados puros. A crise crea un espazo de colaboración necesaria. As empresas cada vez máis somos conscientes de que sen ese compoñente xenérico de I+D non podes tirar para diante, e por outro lado a restrición de recursos orzamentarios nas universidades fai a estas mirar cara as empresas. A necesidade crea unha virtude. Estamos nun bo momento para buscar un coñecemento útil.

“A crise das caixas é un drama económico, as caixas de aforro eran en Galicia un instrumento moi importante para a integración financeira dos pobres”

Como ve o sector financeiro galego?

Un desastre. Unha pena. O tempo faranos conscientes de que as caixas de aforros eran instrumentos moi importantes tanto no financiamento familiar, especialmente hipotecario, como no empresarial, especialmente de pequenas e medianas empresas galegas. Pero en terceiro lugar as caixas representaban unha especie de segundo estado do benestar, a través do que era a obra social. E ata diría, en cuarto lugar, que as caixas de aforro eran en Galicia un instrumento moi importante para a integración financeira dos pobres. En toda vila galega, mesmo en Matamá que é unha parroquia, había unha sucursal dunha caixa. A crise das caixas levou consigo unha caída tremenda de oficinas especialmente nas vilas máis pequenas. Hai risco de perda da integración financeira dos pobres. Hai que ter coidado con este aspecto. Con estes catro aspectos, a crise das caixas galegas é un drama económico e pode ser un drama social. As razóns xa nos levan a outro terreo.

“Na medida en que se fixo unha política ferroviaria de alta velocidade en España, Galicia e o País Vasco teñen que tela. Que non son rendibles economicamente? Tampouco o é a catalá ou a andaluza”

Desde Cataluña adoita criticarse o AVE galego, como se denomina en parte á electrificación e modernización dunha rede ferroviaria obsoleta. Que di ao respecto un galego-catalán?

Primeiro poríalle matices a ese “desde Cataluña”. Non creo que todos os cidadáns ou todos os políticos de Cataluña fagan esa crítica. En todo caso, cando esa crítica chega desde Cataluña hai que enmarcala nunha máis xeral, que chega ata Valencia. Cando miras que todo ese eixo ferroviario mediterráneo non ten dobre vía nin AVE, pode ter un certo sentido a crítica xeral á política ferroviaria en España. Pero non creo que sexa en particular a Galicia. En segundo lugar, en España creo que non ten moito sentido económico e social unha política de infraestrutura ferroviaria pensada en alta velocidade, non en velocidade alta, ámbitos nos que hai unha diferenza moi elevada en termos de custos e non tanto de tempos. Nunha sociedade que non é rica, á hora de investir os recursos escasos que tes, tes que pensar en que outros investimentos serían máis rendibles socialmente. Se somos o segundo país do mundo detrás de China en quilómetros de alta velocidade, é que algo estamos facendo mal. Pero volvendo ao inicio, non atopo desde Cataluña unha crítica específica ao AVE de Galicia. Na medida en que se fixo unha política ferroviaria de alta velocidade en España, Galicia e o País Vasco teñen que ter liñas de alta velocidade. Que non son rendibles desde o punto de vista económico? Non. Tampouco o é a catalana ou a andaluza. Pero o problema desde que se tomou aquela decisión non é de rendibilidade económica. A velocidade alta que hai entre A Coruña e Vigo pode ter consecuencias a longo prazo moi importantes na economía galega. O problema de Galicia para o seu crecemento é que non ten unha gran cidade. Cataluña é Barcelona, o resto é dependente. Cando analizas o crecemento económico dos países ves que o tamaño das cidades é moi importante. Se Estados Unidos crece en termos medios un pouco máis que Europa débese ao maior tamaño medio das súas cidades máis importantes. E non crece China, crecen 17 cidades chinesas. En Galicia, unha cidade que tivese desde hai tempo medio millón de habitantes ou máis sería un bo elemento. Non a temos, pero probablemente agora esa unión ferroviaria axudará.

“Tamén na empresa somos conscientes de que nos pasamos con algúns procesos de externalización. Perdes coñecemento e capacidade de control sobre actividades importantes na túa cadea de valor”

Falaba da importancia da competencia, pero de xeito recorrente estamos a ver en distintos niveles das administracións públicas como se convocan concursos aos que materialmente só pode concorrer unha empresa, procedementos de contratación a dedo e monopolios de facto que seguen a ser subvencionados. Nesas circunstancias, en que medida non é mellor unha xestión directa das administracións que unha falsa liberalización que supón un maior beneficio para esas empresas privilexiadas?

Poderiamos pensar agora no aeroporto de Barcelona. En que medida non é mellor que  a propia administración responsable da seguridade no aeroporto, AENA, non faga directamente esa labor? Creo que en moitos casos ten sentido. Tamén desde o ámbito da empresa somos conscientes de que algúns dos procesos de externalización probablemente nalgúns casos nos pasamos. Perdes coñecemento e capacidade de control sobre actividades que poden ser importantes na túa cadea de valor. Na mesma maneira podes aplicarllo ás administracións na medida en que son prestadoras de servizos e actividades económicas. Pero eu aquí non son quen de facer unha lei xeral. Tería que ir a cada caso concreto dun servizo que estivera prestando esa administración, e mirar esa actividade e esa capacidade da administración. Desde a reforma laboral de 2012 o que fixeron as administracións é que para reducir o custo dalgúns dos seus servizos os externalizaron porque nesas empresas podías baixar o custo que non podías baixar a través dos salarios dos empregados públicos. Fronte a iso, noutras administracións de países liberais, como Estados Unidos, neste momento, hai unha tendencia, non diría xeral, pero si en estados como California, que están impoñendo a norma de que toda empresa que contrate coa administración ten que ter condicións laborais similares ás dos empregados da propia administración que as contrata. Barcelona está pensando niso. Na medida en que as funcións da administración en xeral creceron tanto, tampouco creo que fose posible que todas esas actividades novas que desenrola o Estado se puidesen facer desde os propios servizos públicos. Sería xigantismo. Creo que no ámbito da sanidade ten sentido algún tipo de externalización e algún tipo de colaboración público-privada, pero hai que examinar cada caso concreto.

Contra esa falsa liberalización, que pode facer a Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia?

Máis ben que non facemos nós coa Comisión da Competencia, que é darlle apoio. Non temos a conciencia, desde o punto de vista cidadán, de que institucións dese tipo sexan moi importantes para o noso propio beneficio. Agora unha institución que está facendo un bo traballo é a Airef [Autoridad Independiente de Responsabilidad Fiscal, que supervisa a sostibilidade das finanzas públicas].

“Ao 15-M en Cataluña sumóuselle a frustración que produce a sentenza do Tribunal Constitucional uns meses antes”

Que vai pasar en Cataluña o 1 de outubro?

O escenario dun referendum normal non o haberá. O escenario dunha consulta tipo 9-N, tampouco o haberá. Probablemente nalgunha vila sairá algunha urna, pero non haberá o que era a ambición dos convocantes da consulta.

E a partir de aí?

Hai dous planos, o do comportamento dos actores políticos e o da sociedade. Como un economista que analiza a oferta, que lle están propoñendo á sociedade, aos consumidores, os partidos e as forzas políticas catalás, e por outro lado, a demanda dos consumidores. En Cataluña hai un malestar social equivalente ao resto de España, especialmente a partir do 15-M de 2011. Ese malestar que explota en España non tanto pola crise senón pola chamada política de austeridade, que rompe o contrato social na medida en que afecta a dúas partidas moi importantes para a vida das persoas como son a sanidade e a educación, ese malestar en Cataluña é similar ao resto de España. Pero en Cataluña se lle suma ese elemento adicional que é a frustración que produce a sentenza do Tribunal Constitucional uns meses antes, en 2010. Unha é a dimensión social, a da ocupación da Praza de Catalunya, onde non verás bandeiras independentistas. Esa é a dimensión social, a que agrupa a Ada Colau, a Barcelona En Comú, a Catalunya Sí que es Pot. É equivalente á do resto de España. Pero en Cataluña había unha utopía dispoñible para aquel que quixera levantala que era a idea de independencia. No malestar social que se produce en 2011 e 2012 en Cataluña, combinado coa crise e as políticas do propio goberno de Artur Mas, que foi o primeiro que aplicou a noción de austeridade, antes que Rajoy, emerxe unha dimensión específica dese malestar que é a demanda independentista. Curiosamente quen levanta a bandeira do independentismo non son os partidos nacionalistas tradicionais, Convergencia ou Esquerra Republicana, senón un movemento sociopolítico moi efectivo que é a Assemblea Nacional Catalana, que non son os partidos nacionalisas. A manifestación do 11 de setembro de 2012 é a expresión dese sentimento. Na medida en que se vai avanzando no tempo e a situación política se vai complicando, hai esa converxencia. Que vai pasar despois do 1 de outubro? Ese malestar vai permanecer en Cataluña durante moito tempo. Nas eleccións autonómicas que se celebrarán de forma inmediata, non sei se nun mes, dous meses ou tres meses, o resultado vai determinar a resposta. E de novo aí hai que ir non tanto aos partidos, á oferta, senón á demanda, aos cidadáns. Que poden facer os cidadáns nesas novas eleccións? Probablemente vai permanecer a división en Cataluña entre cidadáns proclives a unha certa expresión máis ou menos intensa de soberanía ou independencia e cidadáns que van amosar un desexo de cambio en Cataluña e España pero non pola vía independentista. Probablemente vai permanecer moi equilibrado. Pero onde creo que vai haber grandes cambios é dentro de cada un dos dous grupos. No máis nacionalista e soberanista Convergencia vai quedar bastante residualizada, por baixo do 10%, e a hexemonía vai pasar a Esquerra. Se iso é así, creo que vai haber cambio na política catalá. Porque vai ter que tomar en consideración por un lado que non hai maioría independentista, que iso foi o que non tomaron en consideración as forzas independentistas. Substituíron a maioría de votos por unha maioría parlamentaria que quedará afectada despois das próximas autonómicas. A partir de aí haberá unha dinámica política diferente, pero non me atrevo a dicir en que será diferente esa dinámica.

A vostede adoitan preguntarlle polo conflito identitario en Cataluña. Como ve a situación en Galicia?

Non a coñezo tan ben. Veño moito a esta casa, que é onde nacín. Se sumo, case tres meses ao ano. Pero non teño un coñecemento da política galega como para poder expresarme. O que miro é que unha persoa como Feijóo ten un apoio en termos de votos moi amplo e non miro sinais que me fagan pensar que vaia haber unha alteración moi forte disto.

"As linguas non teñen un efecto negativo sobre o crecemento, en todo caso téñeno positivo"

Percibiu nalgún momento que o idioma propio fose un problema para o crecemento económico de Cataluña?

As linguas non teñen un efecto negativo sobre o crecemento, en todo caso téñeno positivo. Son accionista e membro do consello de administración dunha empresa que utiliza unicamente o idioma galego nos seus produtos, que é Terras Gaudas. As súas botellas van polo mundo adiante en galego. Crecemos ben. Creo que a lingua non o tivo [efecto] en Cataluña, pola miña experiencia persoal, profesional, vital e social. O malestar autonomista político catalán eu me atrevera a dicir que ten menos que ver coa dimensión económica que con outros elementos que son sentidos como agresións inexplicables, que é no ámbito da lingua e do ensino. A Ley Wert [LOMCE, 2013] foi un ataque estúpido a unha competencia que estatutariamente pertence ao Goberno catalán. E a idea de que a escola catalá é un niño, un instrumento de fabricación de independentistas, é unha chorrada. Non dubido de que hai persoas, familias, que se poden sentir en ocasións agredidas. Pero que iso non é un problema social en Cataluña é indubidable. Os asuntos pendentes sobre esta cuestión na xustiza, se se fallan cun sentido de Estado, poden facer un gran favor á convivencia social e política en Cataluña.

“No uso do galego, non vexo por que motivo hai que pedirlle ás empresas que sexan máis activistas que a propia sociedade”

Por que o galego non se usa tanto como o catalán no ámbito empresarial?

Probablemente porque non se usa tanto no ámbito social. Non miro por que motivo hai que pedirlle ás empresas que sexan máis activistas neste senso que a propia sociedade. Úsase bastante máis que cando eu era mozo. Estudei en Peritos [Industriais en Vigo] e aquí non había ningunha clase en galego excepto a de Xaime Illa, que era nas conversas con el, pero non na propia clase, que era en castelán. Ten que vir máis da sociedade que da empresa.

Vostede é critico cos populismos, que vincula á crise económica. Pero en Galicia se algo influíu na política dos últimos séculos é o caciquismo.

Son columnista en El País, La Vanguardia e El Periódico de Cataluña. En La Vanguardia é onde o perfil é máis político e o veño argumentando nos meus artigos. O termo populismo, como pasa con outros como o de capitalismo, chega un momento en que non é útil para nada. Antes de iniciar unha conversa tes que dicir que significa para ti. Para min é aquela conduta política ou social que tende a destruír as institucións de intermediación entre o poder político ou o líder e o pobo. A constitución dos Estados Unidos comeza dicindo “nós o pobo”, polo tanto non me asusta a palabra pobo, porque pobo conxuga con democracia. Asústame cando é usada por persoas que queren ter a relación directa co pobo pero que non haxa institucións intermedias, nin prensa, nin sistema xudicial, nin asociacións de ningún tipo. O medo é este.

Nunha recente entrevista dixo que en España non só fallou a supervisión do sistema financeiro senón que tamén “deixaron de funcionar outros mecanismos reguladores, como a prensa ou os sindicatos”. Que fixemos mal os xornalistas?

Na vida tes que analizar as condutas no marco das situacións en que se producen, porque se non é unha crítica xenérica. Os anos 90, especialmente a segunda metade, e os primeiros anos deste século, foi unha época de gran confianza, no funcionamento da economía e en termos sociais amplos. Todo parecía funcionar ben. Nese escenario os economistas fomos pouco críticos, pouco incisivos en que estaban ocorrendo cousas que non eran sas a medio prazo. E creo que no ámbito da prensa tamén. Todos fomos menos esixentes. Cando lle sacas agora ese medio ambiente, ese clima de confianza, de pronto ves cousas que eran evidentes. Se miras os balances dalgunhas institucións financeiras, é evidente que non eran sostibles. Por que non fomos todos, non só os reguladores, máis incisivos? Esa é a crítica non só aos xornalistas senón a todos aqueles actores da vida social e política que quizais temos un pouquiño máis de responsabilidade no que é a análise cotiá das cousas. Se teño que dar unha explicación, non é tanto baseada na avaricia dos responsables financeiros, senón o conxunto do sistema nese clima de confianza.

"Disolveuse o contrato social en España baseado en que os que van ben fagan algo polos que van mal"

Prepara vostede novo libro. Que pode adiantar?

Sairá a finais de setembro e titúlase El final del desconcierto. Un nuevo contrato social para que España funcione. O contrato baseábase en que os que van ben fagan algo polos que van mal. E en que os que non cren na economía de mercado a acepten porque tamén dá beneficios. Pero aumentou a desigualdade e, se lle dás unha machetada á sanidade e a educación, a situación se agrava. O desconcerto é que se disolveu ese contrato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.