0 Gardados para despois

Xeadas, seca... e agora pedrazo: os fenómenos meteorolóxicos amargan o sector vinícola

Redacción | @prazapublica

A finais do pasado mes de abril, unha "catastrófica" xeada cebouse coa produción de uva en Galicia. Agás a das Rías Baixas, que se salvou, as outras catro denominacións de orixe vinícolas do país sufriron graves prexuízos. Danadas xa pola forte seca, que continuou no verán e cuxas graves consecuencias se intensificaron nas últimas semanas, as treboadas dos últimos días aínda agudizaron máis a situación sobre os viñedos, nomeadamente na provincia de Ourense. 

A saraibada da pasada fin de semana intensificou os problemas derivados da seca e a xeada de abril, sobre todo no Ribeiro

A saraibada caída o pasado domingo supuxo unha desfeita na provincia ourensá, moi especialmente na comarca do Ribeiro, que tiña programada a vendima para estes días. O impacto do pedrazo foi tal que ciscou ao chan acios enteiros, furou follas e estragou uvas. Os danos foron menores nas denominacións de orixe de Valdeorras e Monterrei pero moi importantes no Ribeiro, sobre todo nos concellos de Castrelo de Miño, Beade e Cenlle. Nestes municipios, hai viticultores que perderán practicamente todo neste ano, logo de sufrir dous duros golpes en tan só catro meses: xeada e treboada unidas á continua e importante seca. 

Xurxo Álvarez é viticultor en Cenlle e presidente da Federación Rural Galega (Fruga). Sufriu os dous fenómenos climatolóxicos. "Despois das xeadas de abril viñeron os incendios do verán, e xa para rematar de acabar con todo, esta fin de semana chegou o pedrazo que afectou distintas zonas do Ribeiro, o que vai provocar que este ano practicamente non se poda vendimar nin un só acio, co que a perda, nalgúns casos, pode ser total", destaca o sindicato. 

Viticultores e sindicatos piden á Xunta que reaccione e censuran a falta de medidas. Unións Agrarias (UUAA) xa advertiu de que o agro en Ourense atópase en "situación de emerxencia" e "ante a pasividade da Xunta". Ademais, cifra en máis de 14 millóns de euros as perdas directas entre os propios viticultores, gandeiros e apicultores de ter en conta as xeadas, a saraiba e a seca. Tamén solicita que se declare a provincia como "zona de emerxencia", mentres a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, abriu a porta a que se poidan declarar zona catastrófica os municiios de Castrelo de Miño e Cenlle logo do pedrazo da fin de semana. 

UUAA cifra en máis de 14 millóns as perdas directas de viticultores, gandeiros e apicultores polas xeadas, as saraibas e a seca

Fruga lamenta "que o ensimesmamento e o autismo da conselleira lle impida ver as graves dificultades polas que están pasando moitos e moitas agriculturas por causa das distintas adversidades climáticas". Ademais, di "deplorar" a "incapacidade ou a recusa desta responsábel política a manter un mínimo diálogo coas organizacións agrarias co fin de procurar solucións a todos estes problemas". O sindicato exixe a celebración da reunión coa titular de Medio Rural que, segundo aclara, prometeu a Xunta tras a manifestación do mes de maio en Ourense aos representantes dos afectados polas xeadas.

"Non se leva un bo ano no que ao sector viticultor se refire", asumiu Ángeles Vázquez o pasado martes, recoñecendo que as xeadas, a seca e as saraibas afectaron moito as viñas, agás nas Rías Baixas, onde "se agarda unha moi boa produción", así como na Ribeira Sacra. Ademais, técnicos de Medio Rural avalían durante estes días os danos na provincia, xunto coa exame do impacto que tamén fan os consellos reguladores e os propios concellos. 

Medio Rural recoñece que "non é un bo ano" para o sector viticultor pero cre que os danos son menores dos que din os sindicatos

Este mesmo venres, a conselleira reuniuse cos alcaldes de Cenlle e Castrelo de Miño para avaliar os danos rexistrados en ambos municipios. Segundo Medio Rural, os estudos "constatan" que o pedrazo rachou pólas e follas, danou a pel das uvas e provocou a caída de acios, o que "pode repercutir nunha diminución da cantidade de froito recollido, así como na redución da súa calidade". Ademais, aclara que os danos "centráronse en ambos municipios", polo que a Xunta di estar "realizando os estudos pertinentes para determinar se procede solicitar a declaración de zona de emerxencia".

As análises de Medio Rural certifican que os danos centráronse en Cenlle e Castrelo do Miño, que poderían ser declarados zona de emerxencia

Con todo, a conselleira asegura que "tamén se constatou" que en explotacións pequenas ou que teñan adega propia "os danos poden reducirse cunha rápida recollida e estrullado da uva". Así, os técnicos aconsellaron acelerar a vendima "co fin de minimizar as consecuencias deste episodio adverso". As uvas non afectadas, segundo sinala a Xunta, son dunha "excepcional calidade". 

Desde Unións Agrarias, xa hai días, solicitaron medidas axiña e reclaman axudas directas por superficie para os viticultores afectados polas xeadas e a saraiba, liñas de crédito do Igape para poderen facer fronte aos gastos, bonificacións por parte do Ministerio de Traballo do do 90% das cotas á Seguridade Social dos viticultores e gandeiros afectados e redución, por parte do Ministerio de Facenda, dos módulos para os sectores con maior impacto. Ademais, o sindicato alerta que “a situación peor é a de moita xente moza que se incorporou este ano á viticultura e á gandería, a veces comprometendo o patrimonio dos pais, e que este ano terán que facer fronte a unha situación económica moi negativa”.

Ademais, o grupo parlamentario de En Marea tamén presentou unha proposición non de lei para debater no Parlamento na que se solicita á Xunta que determine "a porcentaxe de cultivos arrasados que non están cubertos seguros agrarios", así como que se cree unha liña de axudas directas para "garantir a liquidez das persoas afectadas e compensar as perdas". 

Neste mesmo venres, a conselleira Vázquez anunciou que está previsto que o Consello da Xunta aprobe en breve unha liña de financiamento para os agricultores afectados por fenómenos adversos, dotada con 1,5 millóns de euros para as anualidade 2017/2018. É a mesma cantidade que anunciou en maio e que se refería á orde de reconversión e reestruturación do viñedo que publica cada ano a Xunta e á que se engadía algunha novidade como a "prioridade un" que se lle dará nas axudas a aquelas zonas danadas por fenómenos como as xeadas. Os sindicatos agrarios xa aseguraran que a medida era insuficiente.

A titular de Medio Rural explicou tamén que a Xunta solicitaralle ao Goberno central a realización de desgravacións no IRPF para os agricultores damnificados. E avanzoulles que se lles dará prioridade a ambos concellos nos criterios de repartición das diferentes axudas da Consellería.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Galicia soporta un 25% menos de chuvias do que é habitual e mantense en prealerta por seca

A falta de chuvias que se vén acumulando desde o 1 de outubro de 2016 e até este 29 de agosto supón un 25% menos do que é habitual en Galicia, así como noutros territorios do nororeste da Península. Así o asegura un informe da Axencia Estatal de Meteoroloxía, que alerta que, no conxunto do Estado, as precipitacións acumuladas foron un 12% menores ao valor medio nese período. 

Galicia acumulou un 25% menos de precipitacións con respecto á media no ano hidrolóxico que agora remata

Ademais, no que vai de ano hidrolóxico -que remata o vindeiro 30 de setembro- Galicia non superou o 75% do valor normal, xunto con zonas illadas de Extremadura, Canarias occidental, o interior de Andalucía, así como Asturias, Cantabria e boa parte de Castilla y León.  De feito, Galicia está a piques de pechar o ano máis seco en 35 anos. 

Ante esta situación, a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa manterase en situación de prealerta por seca con especial atención ás concas do centro e sur da Demarcación, "onde os ríos seguen a presentar caudais inferiores aos niveis habituais nesta época do ano". Así o decidiu este venres a Oficina Técnica da Seca, composta por persoal técnico de Augas de Galicia, a Consellería do Medio Rural, a Axencia Galega de Emerxencias e Meteogalicia.

Os encoros de abastecemento están a un 71,3% de ocupación, segundo di Medio Ambiente

A situación de prealerta activouse o pasado mes de xaneiro polo baixo caudal que presentaban os ríos e os acuíferos que, a causa do déficit acumulado de precipitacións, teñen dificultades para recargarse. Con todo, os encoros de abastecemento están a un 71,27% de ocupación, algo que, malia estar oito puntos por debaixo con respecto ao mesmo período en 2016, supón "unha situación que pode considerarse estable para este momento do ano, con escaseza de choivas e o aumento do consumo", tal e como aclara Medio Ambiente.

Segundo aclara, o abastecemento aos grandes núcleos de poboación "está garantido" e os problemas que se están a rexistrar nalgúns concellos nas últimas semanas "circunscríbense a abastecementos particulares ou a pequenos núcleos rurais de poboación abastecidos dende mananciais ou acuíferos que, tal e como se prevía, son os primeiros en acusar os efectos desta situación".