Veciñanza de Culleredo perde os seus soares polo embargo de Fontenla a un promotor

Terreos no centro de Vilaboa, en Culleredo, implicados no préstamo entre Fontenla e Landeira CC-BY-SA Praza Pública

O presidente da patronal coruñesa deu un préstamo ao construtor e logo embargoulle por impago o terreo, que os afectados lle permutaran a cambio de pisos que nunca recibiron

En 1999 unha vintena de veciños de Culleredo cederon varios soares a Promociones Naiguata, propiedade do construtor coruñés Manuel Gómez Landeira, a cambio de que, unha vez o permitise o plan de urbanismo daquela en tramitación, edificase neles e lles entregase a cambio varios pisos. O plan demorouse, o construtor nunca edificou e en 2009 pediu un crédito a outra empresa, Monelos Aparcamientos, de Antonio Fontenla, daquela presidente da patronal galega e agora da coruñesa. Landeira non devolveu o préstamo, Fontenla embargoulle os soares e os seus antigos propietarios quedaron sen pisos. Algúns deles lograron que un xulgado do civil lles recoñecese en 2011 o dereito a unha indemnización que Naiguata, en quebra, nunca pagou. Agora, un xulgado vén de arquivar na vía penal o caso e as imputacións que pesaban sobre Landeira e Fontenla por entender que non hai “indicios obxectivos dunha acción concertada e fraudulenta” senón que todo foi froito das "vicisitudes" do urbanismo de Culleredo.

É o segundo préstamo polémico en que está implicado o promotor, Manuel Landeira, sen que a xustiza vexa unha actuación concertada para delinquir

En Culleredo é alcalde desde 1983 o socialista Julio Sacristán, que segundo veciños afectados estivo presente, ao seu ver para avalar a operación, na notaría na que estes asinaron as escrituras de cesión a Landeira dos seus terreos a cambio de futuros pisos. Os soares sumaban uns 8.500 metros cadrados e incluían seis vivendas antigas axiña derrubadas e das que os seus ocupantes tiveron que marchar, algún deles para vivir de aluguer á espera do piso prometido. Unha década despois o construtor non movera unha pedra nova, segundo a súa declaración porque o Concello lle prometera un incremento da edificabilidade que nunca chegara pola demora na tramitación dun novo plan de urbanismo que aínda agora está pendente de aprobación, permanecendo hoxe vixente o de 1987.

Cansos de esperar polos pisos que nunca recibiron, varios afectados reclamaron pola vía civil a Landeira, e foi daquela cando descubriron que os terreos xa non eran seus senón da empresa de Fontenla. En 2009, dez anos despois de obter os terreos pola permuta, Promociones Naiguata de Landeira solicitou a Monelos Aparcamientos de Fontenla un préstamo dun millón de euros a devolver en só dous meses cuns xuros dun 1%. A primeira non devolveu os cartos e aos poucos meses a segunda reclamou nos tribunais, que lle deron en compensación os terreos de Culleredo.

Vivendas antigas que había en parte dos soares permutados de Culleredo Dominio Público Praza Pública

O presidente da patronal coruñesa deu un préstamo ao construtor e logo embargoulle por impago o terreo, que os afectados lle permutaran a cambio de pisos que nunca recibiron

En abril de 2011 unha sentenza civil obrigou a Naiguata a indemnizar a catro propietarios orixinais ou aos seus herdeiros cun total de preto de 450.000 euros, pero a empresa quebrou e nunca pagou. Os afectados, salienta un deles, están á cola do resto de acredores, cos bancos por diante. E iso malia que no Rexistro Mercantil consta que en 2011, cando aquela sentenza, Landeira contaba cunha Sicav (Moriche Inversiones) cun patrimonio de 2,3 millóns de euros, contía que fora baixando desde os preto de dez millóns que chegara a ter en 2008.

Aquel proceso civil de 2011 permitiu abrir unha investigación penal sobre a operación de crédito entre Fontenla e Landeira. Nela os demandantes salientaron o feito de que os cartos do préstamo non foron ingresados nas contas de Naiguata senón doutra empresa de Landeira, e que a resolución do mesmo só afectou a eses terreos e non a outras propiedades que foran postas como aval. De feito, segundo salientaron os afectados, unha vez obtidas as terras de Culleredo, Fontenla deixou sen reclamar “máis de 400.000 euros que se seguían debendo despois de dita execución” e, malia o mal resultado da operación, Fontenla e Landeira tentaron despois obter “conxuntamente as licenzas precisas para construír en tales terreos”.

Para os afectados, esta sucesión de feitos revelaría unha trama para deixalos sen os seus terreos e sen a indemnización de xeito que “a finalidade do préstamo sería a de traspasar mediante o procedemento executivo posterior a titularidade das fincas que foran obxecto de permuta de Promociones Naiguata á sociedade do señor Fontenla”.

No xulgado Fontenla asegurou que non coñecia a Landeira nin a orixe dos soares e que a operación propúxolla unha persoa da súa confianza baseándose na sona de bo empresario do promotor

Na súa declaración en sede xudicial como imputado, Fontenla, agora presidente da patronal coruñesa tras deixar a patronal galega nunha moi mala situación económica, asegurou que descoñecía a orixe dos soares e que tampouco coñecía ao propio Landeira. Segundo dixo, foi unha persoa da súa confianza a que lle propuxo a operación baseándose na sona de bo empresario que tiña Landeira e co argumento de que era unha necesidade puntual de fondos que podía devolver en breve con cartos procedentes da emigración. Porén, segundo un informe pericial entregado polos demandantes no xulgado, as dúas empresas, a Naiguata de Landeira e a Monelos de Fontenla, estaban en quebra técnica, como tamén acabaron naqueles anos outras firmas dos dous empresarios que se embarcaran noutros proxectos frustrados.

A situación de Naiguata ratificouna un informe do grupo de branqueo da Unidad de Drogas y Crimen Organizado (Udyco) da Policía Nacional, no que se di que Naiguata “non ten actividade na actualidade, e cando menos non a tivo desde o ano 2012, figurando moi poucos movementos entre 2009-2012 (só tres imputacións de pagos a terceiros) o que reflectiría que xa daquela estaba practicamente inactiva, sendo os seus saldos bancarios case na súa totalidade de cero nas contas bancarias remitidas, non dispoñendo igualmente de traballadores”.

A xuíza instrutora arquiva o caso porque non aprecia "indicios dunha acción concertada e fraudulenta" e atribúe a perda dos anteriores propietarios ás "visicitudes do proceso de desenvolvemento urbanístico" de Culleredo

Malia esta sucesión de feitos, a xuíza á fronte do xulgado de instrución número 6 da Coruña vén de propor o arquivo do caso porque ao seu ver “non se aprecian indicios obxectivos dunha acción concertada e fraudulenta” de Landeira con Fontenla. Segundo di, foron “as vicisitudes do proceso de desenvolvemento urbanístico” de Culleredo as que desembocaron nun resultado “incerto e completamente alleo á capacidade de acción dos querelados aínda despois da adxudicación xudicial das fincas a Monelos Aparcamientos”.

Landeira, absolto por outro préstamo dubidoso

Esta proposta de arquivo formulada agora pola xuíza, contra a que os afectados anuncian un recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña, prodúcese despois de que en maio Landeira xa fora absolto por esa mesma audiencia noutro caso con outro préstamo non devolto polo medio. Nesa causa Landeira e dous empregados do Banco Pastor estaban acusados de delitos de apropiación indebida e estafa por supostamente pórse de acordo para enganar o propietario de Hierros Añón.

En maio Landeira foi absolto porque os xuíces consideraron que non tiña "intención" de non devolver 63 millóns que Manuel Añón lle deu para un negocio inmobiliario en Madrid e cos que el pediu unha políza de crédito de 80 millóns

Manuel Añón, coa mediación dos empregados do banco, achegara 63 millóns de euros a un negocio inmobiliario de Landeira. Este empregou eses cartos como garantía para solicitar do Banco Pastor unha póliza de crédito de 80 millóns. Os xuíces que os absolveron consideran, en contra do que dicía a Fiscalía, que Landeira non tiña “intención de non devolver a suma prestada polo señor Añón, non concorrendo, pois e nin de lonxe, o requisito do engano bastante consubstancial a todo delito de estafa”.

Nos dous casos, a xustiza considera que non houbo intencionalidade. Pero nos dous casos o resultado é similar: ao igual que Añón quedou sen os cartos, os antigos propietarios dos soares de Culleredo quedaron sen as súas propiedades e sen expectativas de obter unha indemnización.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.