"Non apostamos polo galego na empresa por romanticismo, senón porque é útil e rendible"

Carta e presentación do restaurante A Horta do Obradoiro Dominio Público Praza Pública

Este 26 de setembro celebrouse unha nova edición do Día Europeo das Linguas con diversos actos en clave cultural e literaria, pero tamén con outros de matiz diferente. Para avanzar e gañar fortaleza o idioma "non pode sobrevivir só na literatura", escoitouse no marco da xornada Etiqueta na túa lingua, camiña polo mundo con identidade, que xuntou no Consello da Cultura Galega a unha ducia de representantes de ámbitos como o empresa, o dereito ou a publicidade. Un sector do empresariado, crecente ao xuízo dos relatorios escoitados, ten claro que a súa aposta pola lingua galega non se asenta "nunha visión romántica", ou cando menos non unicamente. "Apostamos polo galego porque é útil e rendible", resumiu Adriana Freire, responsable de comunicación da tecnolóxica Dinahosting.

Na última das mesas da xornada, centrada nas compañías que etiquetan e impulsan as súas marcas empregando o idioma propio de Galicia, o emprego da lingua galega presentouse cunha mestura de normalidade e rendibilidade. Non etiquetar en galego supón tanto como "negar a orixe do noso produto", afirma Lito Andión, da Cooperativa Queixos Hoxe. Houbo, admite, quen "desanimou" a empresa a presentarse ante ao público en galego, descualificándoo como "unha teima que non leva a ningures". Pero "demos o paso" e o "impulso dos clientes", entre eles diversas "empresas de fóra" do país, fixeron o resto.

Produtos de Queixos Hoxe nun supermercado © Queixos Hoxe

De normalidade fala tamén outra das empresas que nos últimos anos está a destacar polo uso habitual do galego nos seus produtos, Leite Noso, a cooperativa produtora de Deleite. "Por que etiquetamos en galego? Porque é o noso leite, porque pensamos que así ten que ser" e porque é a mellor mostra, cre a súa xerente, Patricia Sánchez, de que "os cartso da xente que merca o brick de Deleite quedan aquí". "Nós falamos galego e etiquetamos o brick en galego" e por iso, admite, a cooperativa ve sorprendente ter que explicalo. "Somos gandeiros, o único que queremos é dinamizar o sector".

Logotipos de Deleite no Festival do Leite, celebrado en Lugo CC-BY-SA Praza Pública

Tamén cara ao público internacional

"Non ides etiquetar todos os produtos en galego e nós, transmitilo en castelán"

Xunto a estas dúas empresas do sector primario sentaron no CCG outras dúas que traballan directamente ao público e, ademais, con non poucas conexións internacionais. Dende unha delas, o restaurante compostelán A Horta do Obradoiro, un dos seus socios admite que non faltaron as dúbidas "arriscar" co galego no canto de apostar "polo máis doado" e, por exemplo, redactar as cartas en castelán e inglés. Pero, explica, o cociñeiro Kike Piñeiro, nun establecemento instalado nunha casa do século XVII e "co 90% do produto en galego, o nome pono o produto". "Non ides etiquetar todos en galego e nós, ao final, transmitilo en castelán", explica, nun contexto no o uso do idioma propio non implica, evidencia, non estar tamén "encantados de que veña un turista de fóra" ao que "explicarlle" o que consiste a súa oferta gastronómica.

"O idioma é un valor inmaterial pero tamén tanxible, cuantificable en euros"

Nas mesas d'A Horta do Obradoiro senta público internacional e nos servidores de Dinahosting alóxanse os traballos de 130.000 clientes de Galicia, do resto o Estado, de Portugal ou de Latinoamérica. E ante todos eles "o idioma sérvenos para traer un produto global ao terreo local", di a súa responsable de comunicación. O galego é para unha compañía tecnolóxica "unha marabillosa oportunidade ter un signo de distinción" que ademais, reitera Adriana Freire, é "útil e rendible", un "valor inmaterial" que tamén resulta "tanxible, cuantificable en euros". "E se a nós nos sae rendible, seguro que a moitas máis empresas, tamén", conclúe.

Promoción de Dinahosting © Dinahosting

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.