A folga nas auxiliares de Navantia para esixir o cumprimento dos acordos salariais de 2001 parou a actividade dos estaleiros da compañía pública na ría de Ferrol. O paro, convocado pola CIG, está a ter un "seguimento total" nesta primeira xornada segundo asegura o propio sindicato nacionalista. Xa desde as 5 da mañá, centos de traballadores estableceron piquetes ás portadas das factorías.
A folga indefinida para o cumprimento dos acordos salariais de 2011 paralizou a actividade en Navantia
A presenza dos piquetes provocou que non entrasen traballar nin os empregados auxiliares nin os directos de Navantia, agás os servizos mínimos necesarios na factoría. Ademais, tamén houbo algunha retención de tráfico a primeira hora da mañá.
A folga indefinida desde este xoves lévase a cabo para esixir que todas as empresas cumpran os acordos salariais asinados en 2001 "e que os traballadores e traballadoras non teñan que negociar o seu soldo cada vez que entran nunha subcontrata", como aclara a central nacionalista. "Para evitar esta incerteza foi que se asinaron os acordos salariais e laborais de hai 16 anos que as empresas están a incumprir", insiste CIG-Industria, que pon como exemplo o que ocorre en Maessa.
As auxiliares incumpriron os acordos coa chegada da crise e ante os recortes nas licitacións de Navantia
Debido á grave crise económica e de desemprego, a maioría de empresas auxiliares non estaban a respectar aqueles acordos, argumentando tamén os recortes que nas licitacións levaba a cabo Navantia.
A CIG asegura que a decisión de ir á folga chegou tras a sinatura por parte de CCOO e UGT dun preacordo para o convenio colectivo provincial do metal da Coruña "no que se renuncia á principal reivindicación relacionada coas auxiliares de Navantia: a incorporación dos acordos de 2001 no articulado do convenio". Ante estas negociacións, nin Comisións nin UGT secundan o paro indefinido.