As traballadoras de Bershka en Pontevedra desconvocan a folga tras un acordo con Inditex

Concentración de traballadoras de Bershka CC-BY-SA CIG

O cadro de persoal de Bershka na provincia de Pontevedra decidiu por unanimidade nunha asemblea celebrada este sábado aceptar o preacordo pactado a última hora do venres entre a representación sindical e a dirección da empresa de Inditex e desconvocar a folga indefinida que iniciaran o pasado venres 26 de outubro para denunciar a súa discriminación laboral con respecto a outras provincias. O acordo, informa a CIG, contempla a incorporación de todas as medidas sociais que reclamaban e avanza na equiparación salarial, xa que Bershka terá que pagarlles 120 dos 130 euros en pluses que cobra o persoal da Coruña. A empresa comprométese tamén a aboar os atrasos dende o mes de xuño.

A CIG di que o conseguido "supera as pretensións marcadas inicialmente polo persoal" e atribúeo a que o paro foi "un conflito unitario"

O acordo, segundo sinala o sindicato, contempla tamén a aplicación das melloras sociais que se reclamaban (vacacións, permisos e excedencias, tempo de descanso, lactancia, conciliación familiar e incapacidade permanente). Igualmente, establece un sábado libre mensual para todas as traballadoras, se ben as encargadas gozarán de 12 sábados libres ao ano que se poderán regular en función das necesidades da tenda.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, valorou moi positivamente o acordo alcanzado coa empresa, até o punto de soster que superou as pretensións marcadas inicialmente polo cadro de persoal, e amosouse convencida de que non tería sido posíbel sen a determinación amosada polas traballadoras durante os nove días de folga. “Foi un conflito unitario de longa duración contra unha grande empresa como Inditex no que atopamos moitas dificultades, como ter boa parte dos medios de comunicación en contra, mais coa forza das traballadoras conseguimos arrincar un bo acordo”, indicou.

Votación do acordo por parte do persoal de Bershka Dominio Público CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.