0 Gardados para despois

A superficie agraria utilizada en Galicia reduciuse un 14% na última década

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O INE publicou a pasada semana a súa Enquisa sobre a Estrutura das Explotacións Agrícolas (EEA) correspondente ao ano 2016, actualizando os datos de 2013. A enquisa confirma varias das tendencias que veñen marcando o campo galego nas últimas décadas: unha redución da superficie agraria utilizada e un descenso no número total de explotacións.

 En efecto, a Superficie Agraria Utilizada (SAU) acumula un descenso do 14% dende o 2007 (749.000 hectáreas) ata as actuas 621.000 hectáreas. O descenso corresponde sobre todo aos terreos dedicados a pastos, que diminuíron un 22% dende ese ano 2007. Pola súa banda, as terras cultivadas mantéñense estables ao redor das 200.000 hectáreas, aínda que cun leve descenso dende o 2013 (202.895) ata o 2016 (197.641).

Redúcese tamén o número total de explotacións agrícolas, dende as 101.537 de 2003 e as 87.782 de 2007 ata as actuais 74.434. Caen sobre todo as explotacións máis pequenas, pois as que teñen superficies por debaixo das 5 hectáreas baixan dende as 65 mil de 2003 ata as actuais 47 mil (un 28% menos). Pero tamén as que son meirandes experimentan unha importante redución, de 36 mil a 27 mil dende o ano 2003, un 25% menos.

En paralelo ao descenso no número de explotacións e terreo total utilizado, tamén caeu o número de postos de traballo xerados polo agro galego. Dende as case 121 mil UTA (Unidades de Traballo Ano) de 2003 ás ao redor de 70 mil de 2016, unha redución do 42%. Unha UTA equivale ao traballo que realiza unha persoa a tempo completo ao longo dun ano. O traballo nestas terras segue a ser maioritariamente de tipo familiar, incluíndose nesta categoría as xornadas laborais do/a titular da explotación, o/a cónxuxe e os fillos e fillas. Este traballo familiar foi precisamente o que máis descendeu. Pola contra, incrementáronse as xornadas de traballo realizadas por persoal asalariado externo á familia, de 6.185 a 9.437. Porén, segue a representar un papel testemuñal.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.