O Gordo deixa en Vilalba máis de 500 millóns de euros

Administración de lotaría de Vilalba, na rúa da Pravia, que repartiu o Gordo, no mediodía deste venres CC-BY-SA Praza Pública

O Gordo da Lotaría de Nadal vén de deixar en Vilalba máis de 500 millóns de euros en premios. O 71.198, cantado ás 11.54 horas e premiado con 400.000 euros ao décimo, foi vendido en gran parte na administración de lotaría existente na céntrica rúa da Pravia da capital da Terra Cha.

O 71.198, premiado con 400.000 euros ao décimo, foi vendido en gran parte na administración de lotaría da céntrica rúa da Pravia

Segundo a propietaria da administración, en Vilalba dispuxo de 130 series do número gañador que foi vendendo de xeito moi repartido desde o mes de xullo e non ten constancia de que quedaran décimos sen vender, polo que os premios repartidos poderían ascender a 520 millóns de euros dos 680 totais asignados ao Gordo. Parte do número foi vendido tamén a través de participacións no Bar Cascudo, situado na saída sur de Vilalba da Autovía do Cantábrico (A-8). A última vez que parte do Gordo caeu en Galicia deixando máis de cen millóns foi en 2003, cando deixou 120 millóns en Rianxo.

Xunto co Gordo, o segundo premio dotado con 125.000 euros ao décimo, o 51.244, deixou un millón de euros entre os oito décimos vendidos en Xinzo de Limia, Baiona, Culleredo, Santa Comba, Monforte e O Grove. Un cuarto premio, o 13.378, deixou outros 200.000 euros, a razón de 20.000 euros o décimo, a través dunha serie completa vendida en Vigo.

Bar Cascudo, en Vilalba, nunha das saídas da A-8, que repartiu participacións do Gordo Dominio Público Google Street View

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.