0 Gardados para despois

O chavismo di que Venezuela nacionalizará Banesco e Escotet responde que "non está en venda"

Redacción | @prazapublica

O Goberno de Venezuela mercará Banesco, banco propiedade da familia Escotet a partir do que cal adquiriu a entidade herdeira das caixas galegas. Así o vén de asegurar o vicepresidente do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), deputado da Asamblea Nacional Constituyente e ex-ministro do goberno chavista. 

Diosdado Cabello asegura que o Goberno empezará "esta semana" a "negociación con Banesco"

Logo das ameazas de nacionalización de finais de ano, Cabello asegurou desta vez que "esta semana" o Executivo de Maduro "comezará a negociación con Banesco" e mesmo que conta co visto e prace de Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca e dono do grupo Banesco. "Imos mercar Banesco, que nos puxo en venda Escotet, ao que agradecemos que nos dea esas facilidades", manifestou no programa televisivo Con el mazo dando

A resposta non se fixo agardar. Escotet, presidente do grupo bancario, asegurou na rede social Twitter que "Banesco non está en venda". "Como xa o dixen en 2014, os fillos non se vende, iso sábeno ata os meus netos. Banesco non está en venda. Hoxe máis ca nunca, a miña aposta é por Venezuela". 

O dirixente chavista insistiu en que Banesco fixo unha oferta polas accións que o Estado mantén na entidade que impli caba unha valoración do banco nuns 3,5 millóns de dólares, polo que o Goberno tería realizado unha contraoferta que Escotet aceptou. "Está ben, non si?", preguntou ao auditorio sobre o prezo a pagar, para ao final advertir de que esta mesma semana o Executivo faría "unha oferta formal", polo que a entidade "pasará a formar pare da banca pública". 

O dirixente chavista asegura que Escotet tería aceptado a contraoferta de 3,5 millóns de dólares pola entidade

Cabello lembrou que "no ano 2012 queríanos pagar cinco millóns de dólares e agora queríanos dar tres millóns de dólares, o 21 de decembro de 2017, nós non estamos a xogar, nós imos comprar Banesco e se quere véndenos o que ten en España", dixo o dirixente chavista en relación á entidade Abanca, xurdida das cinzas das antigas caixas galegas. 

"Imos comprar Banesco e se [Escotet] quere véndenos o que ten en España", di Cabello sobre Abanca

Neste sentido, o dirixente oficialista espetoulle ao dono de Banesco: "Ímoscho a comprar ao prezo que ti querías comprar as accións do Estado. O que é igual para o pavo, debe ser igual para a pava, digo eu", insistiu, ademais de pedir ao Fiscal Xeral Constituínte realizar unha investigación contra o actual presidente do banco, Juan Carlos Escotet. "Con que cartos mercou os bancos que ten en España e noutros lugares?", preguntouse. 

Nos últimos días do pasado ano 2017, e logo das advertencias de nacionalización de Cabello, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,  desmarcara Abanca da ameaza por seren "entidades financeiras distintas"

Diosdado Cabello fala da posible nacionalización de Banesco

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.