0 Gardados para despois

Feijóo desmarca a Abanca da ameaza de nacionalización de Banesco lanzada por un cargo chavista

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Abanca e Banesco, o banco venezolano propiedade da familia Escotet a partir do que esta adquiriu a entidade herdeira das caixas galegas, son “entidades financeiras distintas”. Así se pronunciou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preguntado pola “ameaza” de nacionalización de Banesco lanzada por un alto cargo chavista. “Abanca non trasladou ningunha incerteza nin risco especial”, di Feijóo.

“Abanca non trasladou ningunha incerteza nin risco especial”, di Feijóo, que salienta que son "entidades financeiras e fichas bancarias distintas, unha en Venezuela e outra distinta en Galicia"

Diosdado Cabello, ex-ministro e agora deputado da asemblea constituínte impulsada polo chavismo e vicepresidente do Partido Socialista Unido de Venezuela, participou este mércores no programa de televisión Con el mazo dando, no que criticou o que cualificou como intento de Escotet de facerse a prezo irrisorio coas accións que o Estado venezolano conserva en Banesco a través dunha ampliación de capital. Cabello replicou asegurando que o Goberno venezolano pode decidir darlle a volta á situación e mercarlle a Escotet as súas accións ao mesmo prezo e nacionalizar a entidade cun desembolso que cifrou en só 3,4 millóns de dólares. Cabello tamén anunciou que investigará denuncias contra Banesco por suposto tráfico irregular de billetes venezolanos nas fronteiras do país.

Feijóo desliga o futuro de Abanca do de Banesco pero critica que “todo o que sexa expropiar unha empresa que funciona é unha solución paralegal”

Este xoves Feijóo foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta polas posibles repercusións en Abanca desa “ameaza” de nacionalización por parte do dirixente chavista. O presidente galego comezou criticando que “todas as empresas de Venezuela están sometidas a ese risco de nacionalización” e asegurou que “todo o que sexa expropiar unha empresa que funciona é unha solución paralegal”. Segundo Feijóo, o chavismo “leva de maneira continuada destruíndo o patrimonio venezolano”.

Porén, Feijóo quixo desligar a situación de Banesco da de Abanca. “Abanca non trasladou ningunha incerteza nin risco especial”, dixo Feijóo, quen engadiu que “é unha entidade saneada e operando en Galicia con beneficios”. O presidente engadiu que Abanca e Banesco son “entidades financeiras e fichas bancarias distintas, unha en Venezuela e outra distinta en Galicia”.

Abanca, herdeira dos restos das caixas galegas nacionalizadas e nos que o Estado español perdeu 8.000 millóns, foi vendida en 2014 ao grupo Banesco por 1.003 millóns de euros e un ano despois a entidade xa obtivera uns beneficios superiores.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.