0 Gardados para despois

Os salarios máis altos subiron un 5,2% durante a crise en Galicia e os máis baixos caeron un 10%

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Non toda a sociedade transitou pola crise económica do mesmo xeito e as dificultades tampouco se distribuíron de xeito equitativo no conxunto da poboación. O que deu en ser un lugar común en críticas económicas e políticas xurdidas durante a recesión foi ficando demostrado por numerosos datos estatísticos nos últimos anos, entre eles os referidos aos soldos. Así o certificou o INE no seu estudo do decil de salarios e tamén o mostra con claridade o Instituto Galego de Estatística, que tamén realiza esta análise a partir da Enquisa de Poboación Activa (EPA) pero cunha mostra máis ampla en territorio galego, o que provoca que os datos sexan un chisco diferentes -e máis precisos- que os estatais, pero que tamén chegan á conclusión que os recortes salariais non foron uniformes e mentres as remuneracións máis baixas minguaban, as máis altas subían.

Quen a comezos da década roldaba os 4.000 euros de soldos agora cobra en torno a 4.200; quen se achegaba aos 500 agora non chega aos 450

O decil de salarios é unha operación estatística que distribúe o persoal asalariado en dez grupos en función do importe bruto medio anual do seu traballo principal. Dende a cautela coa que cómpre abordar calquera valor salarial medio, o banco de datos que o IGE vén de acutalizar con información relativa a 2016 certifica que os salarios máis baixos, os que nin sequera chegan aos 500 euros brutos mensuais -xeralmente os correspondentes a xornadas parciais- caeron ata un 10,22% dende o comezo da década, dende os 496 ata apenas 440 euros.

Mentres, os soldos de quen no ano 2010 xa ingresaban máis de 4.000 euros brutos mensuais tardaron máis en comezar a caer. E aínda que que o fixeron levemente a partir de 2012, volveron recuperarse decontado e o resultado do mesmo período é netamente positivo: quen no inicio da década roldaba eses 4.000 euros agora cobran máis de 4.200, isto é, un incremento medio do 5,2%

A serie histórica do decil de salarios demostra tamén ás claras o impacto que no conxunto da poboación asalariada tivo a redución xeral da poboación activa galega. En 2016 a EPA contabilizaba arredor de 823.000 persoa asalariadas no país, unhas 40.000 menos que en 2010, malia medrar o número total a respecto de 2014, cando a serie histórica tocou fondo. En comparación co principio da década a diminución da poboación integrada nos diferentes decís diminuíu de xeito homoxeneo, segundo este estudo.

O que segue sen ser homoxeneo á distribución de homes e mulleres entre os diferentes niveis de remuneración polo traballo e tamén no decil salarial se manifesta a fenda de xénero e a maior incidencia da precariedade laboral entre a poboación feminina. Así, un agrupamento dos diferentes sectores da poboación asalariada galega permite comprobar que entre quen perciben, de media, menos de 1.200 euros ao mes polo seu traballo as mulleres son unha maioría esmagadora: case 180.000 fronte a pouco máis de 70.000 homes. A correlación xa é a contraria nos salarios de 1.200 a 2.000 euros -algo menos de 200.000 homes fronte a unhas 137.000 mulleres e tamén nos salarios superiores aos 2.000 euros, con 150.000 traballadores e 95.000 traballadoras asalariadas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.