- Máis incorporacións ao emprego indefinido que ao temporal e 80.000 persoas a tempo parcial 'á forza'
Galicia rematou o ano 2017 con menos paro e máis emprego que na fin de 2016. É unha das conclusións máis evidentes da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre do pasado ano, que reflicte que malia ao leve incremento intertrimestral da poboación desempregada -dunhas 400 persoas, cifra de pouco peso a efectos estatísticos- no país hai 22.100 persoas menos sen traballo que doce meses antes.
Neses mesmos tres meses destruíronse 16.700 postos de traballo, o que deixa o balance anual da ocupación nun valor que convida menos ao optimismo que o dato do paro. Son 6.200 persoas máis as ocupadas que hai un ano. Isto implica que o ritmo da redución do desemprego é tres veces e media superior ao da creación de postos de traballo, circunstancia que asenta o mercado laboral galego nun dos seus atrancos máis recorrentes nos últimos anos, intimamente ligado ao problema demográfico do país: é cada vez máis pequeno.
O emprego redúcese a un ritmo interanual tres veces e medio maior do da creación e emprego, o que afonda na redución do mercado laboral galego
A enquisa de fluxos da poboación activa, derivada da propia EPA, retrata a situación. No remate de 2017 saíron do paro case 72.000 persoas en Galicia, pero entraron nel practicamente 77.000. No entanto, este movemento pola banda do desmprego non se traslada mecanicamente á do emprego: entraron na ocupación algo máis de 52.000 persoas e abandonárona case 67.000. As persoas que faltan son as que deixan de ser poboación activa, isto é, as que xa non computan como poboación que traballa ou está en condicións de facelo; son 16.300 menos que no trimestre previo e 15.900 menos que un ano antes, o que en ambos casos supón un retroceso do 1,3%, tal e como reflicte o Instituto Galego de Estatística.
A cifra de desemprego é a máis baixa dende 2010, pero hai unhas 85.000 persoas menos a traballar que a comezos da década
Ante este pano de fondo sitúase a devandita desaceleración da creación de emprego mentres a caída do paro gaña intensidade. Unha comparación co acontecido en cada fin de ano dende o inicio da década serve para ilustrar o fenómeno. O ano 2014, no que o número de persoas sen traballo en Galicia tocou teito, foi tamén o primeiro dende o inicio da crise que rematou con menos paro que o ano anterior. O mesmo sucedeu ao ano seguinte, no que o desemprego retrocedeu con máis intensidade -en máis de 41.000 persoas- e, ademais, as cifras de emprego foron positivas, cunhas 32.100 persoas máis a traballar no país.
O ano 2016, no entanto, rematou cunha menor redución do paro que o exercicio anterior e a creación de emprego comezou tamén a desacelerar. Doce meses despois, no remate de 2017, a mingua no desemprego volve gañar intensidade, pero o incremento da poboación con traballo segue a frear o seu ritmo. Así, a cifra de desemprego é a máis baixa dende o o ano 2010 no país, pero aínda hai unhas 85.000 persoas menos con traballo.
Esta circunstancia lígase directamente co descenso de 16.000 persoas na poboación activa, que ten tres fenómenos na súa orixe: as xubilacións, a redución da poboación moza e a emigración con compensada con inmigración. Galicia entrou na recesión económica co suma de persoas con traballo e a buscar emprego chegando á contorna dos 1,4 millóns de persoas. Unha década a poboación activa galega non é quen de volver chegar aos 1,3 millóns de persoas.
Todos estes datos foron acollidos dende o Goberno galego con claro optimismo ao amosaren "que Galicia pechou o ano con 22.100 desempregados menos e con 9.000 asalariados máis un contrato indefinido". Ademais, sinala a Xunta, o "lixeiro" aumento intertrimestral do desemprego, "habitual nos cuartos trimestres", supón un medre porcentual do 0,22%, "moi por baixo" do rexistrado no conxunto do Estado, "do 0,94%. A Xunta agrega ademais que no apsado ano "creceu un 2,24% o número de fogares con todos os seus membros activos ocupados" e caeu en máis dun 5% o número de fogares con todos os seus integrantes sen traballo.
A Xunta pon o foco na redución do emprego, pero os principais sindicatos advirten de "ameazas" para o mercado laboral en clave de precariedade e redución de oportunidades laborais
A visión dos principais sindicatos do país é ben distinta. A CIG ve na continua perda de poboación activa unha "ameaza para o mercado laboral galego, ata o punto de converterse nun dos seus principais problemas". Esa perda de persoas activas "prodúcese exclusivamente entre a poboación ocupada" e oito de cada dez pasaron á inactividade, "mentres que o resto desaparece do mercado de traballo", o que adoita vincularse ao envellecemento e á emigración.
Comisións Obreiras tampouco ve motivos para o optimismo da Xunta, á que ve "incapaz de aproveitar o ciclo económico". A redución da poboación activa demostra "que o noso mercado laboral non funciona", subliña a responsable de Emprego do sindicato, Maica Bouza, quen advirte de que o escaso ritmo de creación de emprego -menos do 0,6%- mentres a economía avanza ata un 3% avanza un escenario futuro de "destrución" de postos de traballo. UGT tamén subliña a caída de poboación activa e pon o foco en que "aínda que baixe o desemprego, a precareidade segue a ser a tónica dominante".