Galicia acumula unha década de peches de explotacións bovinas mentres só aumentan as de máis de 100 vacas

Mario, gandeiro galego, coas súas vacas CC-BY-SA Sara Torreiro

O ano 2003 foi o último ata o momento no que Galicia rematou con máis explotacións de gando bovino que o anterior. Daquela rexistrábanse no país case 67.700, unhas 4.200 máis que no ano previo. Dende aquela comezou unha senda descendente que se asentou durante a crise económica. Dende 2008 pecharon, de media, unhas 1.700 explotacións cada ano, tal e como veñen ratificar os datos divulgados polo Instituto Galego de Estatística correspondentes ao ano 2017. No entanto, o ritmo de peches non é homoxéneo: as que máis desaparecen son as máis pequenas e as meirandes, as de máis de 100 vacas, son as únicas que incrementan o seu número.

Dende o inicio da crise pecharon unhas 1.700 explotacións ao ano, segundo o IGE, a maioría de pequena dimensión

No considerado ano de inicio da crise económica, 2008, o IGE reflectía que Galicia contaba con algo máis de 49.000 explotacións bovinas. O ano 2017 rematou cunhas 34.400, isto é, practicamente 15.000 menos. O ano con máis peches deste período foi o 2010, no que desapareceron máis de 2.100 granxas e o que rexistro umenos foi o 2017, con algo menos de 800. No pasado 2017 o instituto estatístico sinala que deixaron a súa actividade 1.929 explotacións.

Unha ollada en perspectiva amosa ás claras que seguen sendo as explotacións máis abondosas, as de unha ou dúas vacas, son as que máis pecharon nestes anos, cunha redución de máis de 5.500 entre 2008 e 2017. No mesmo período abandonaron a actividade unhas 2.800 granxas de entre 10 e 20 vacas e arredor de 2.500 de entre 5 e 9. Mentres, as algo máis de 3.500 explotacións con entre 50 e un cento de cabezas de gando reducíronse moito máis levemente e as de máis de 100, incrementáronse. Na actualidade cóntanse en Galicia 583 granxas máis de entre 100 e 200 vacas que no inicio da crise e as que superan as 200 seguen sendo minoría, pero son 283 máis que hai unha década, cando non chegaban ás 160.

Aséntase así a tendencia á concentración dos algo máis de 960.000 bovinos das explotacións galegas en granxas cada vez maiores e a tendencia á desaparición das pequenas explotacións familiares con unha ou dúas vacas que, así e todo, seguen a ser unha de cada cinco. As segundas máis numerosas continúan sendo polo momento as de 10 a 20 vacas e as terceiras, as de entre 5 e 9. As de máis de 100 vacas son, polo momento, un 5% do total de explotacións pero nelas xa se acumulan 335.559 dos 960.413 vacas, bois e touros rexistrados na actualidade. Daquela, un 35% das cabezas deste tipo de gando xa se atopan nestas grandes explotacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.