0 Gardados para despois

Margarida Corral (CIG): "A folga xa é un éxito, fomos quen de levar o debate sobre a discriminación a todas as empresas"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


CIG, UGT e CCOO rexistraron a convocatoria de paros parciais para ese 8 de marzo nas franxas horarias comprendidas entre as doce da noite e ás 2 horas, das 12 a 14 horas e das 19:30 a 21:30 horas; é dicir en paros laborais de dúas horas por quenda de traballo. O sindicato convoca ademais concentracións nas principais cidades e vilas galegas ese 8 de marzo e fixo un chamamento a participar en todas as mobilizacións que para esa tarde sexan convocadas polo movemento feminista galego, e previamente, a secundar a manifestación nacional unitaria deste domingo en Vigo. Falamos con Margarida Corral, secretaria confederal de mulleres da CIG.

"Galicia é a segunda comunidade do Estado que máis litixios presentou no último ano por motivos relacionados coa conciliación"

Entre as múltiples razóns que xustifican a convocatoria da folga feminista no eido laboral, cales cres que son as principais?

Imos á folga polas múltiples discriminacións que sufrimos acotío, a pesar da lexislación existente. A máis evidente é a salarial, que seguimos a padecer e que ten moitos motivos: por unha banda segue a haber casos de mulleres que reciben un menor salario polo mesmo traballo, ademais hai obstáculos no acceso da muller a certos empregos e a promocións nunha empresa. Tamén polas discriminacións que teñen que ver coa conciliación. Este é un problema que sofren todos os traballadores, pero en moita maior medida as mulleres. Ademais, isto supón en moitos casos o inicio de procesos de acoso laboral e poden supoñer despedimentos. Galicia é a segunda comunidade do Estado español que máis litixios presentou no último ano por motivos relacionados coa conciliación (redución de xornada, permisos de lactación, excedencias...). E, terceiro, o acoso sexual, que maioritariamente sufrimos as mulleres, e que chega a situacións de agresión sexual e violacións no lugar de traballo. Por citar tres razóns, simplemente, porque poderíamos falar da precariedade contractual que sofren as mulleres ou da contía das pensións que reciben as mulleres, que segue a ser en Galicia das máis baixas do Estado.

"Por que se lle dá máis valor a un emprego técnico -un aparellador ou aparelladora- que a un emprego que consiste en coidar as persoas na última fase da súa vida? Iso ten que ver co machismo que permea a nosa sociedade e coa división sexual do traballo"

A folga é tamén unha folga de coidados, pero entendo que esta non se pode desligar dos temas laborais, porque determina tamén moitos dos obstáculos que neste sofre a muller, non si?

Nós levamos moitos anos denunciando esa dobre ou tripla xornada de traballo, unha carga emocional e física que sufrimos as mulleres, que lle engadimos á nosa xornada laboral (en ocasións de máis de 8 horas) a xornada dos coidados, do fogar, de atender meniños e meniñas, así coma outras persoas da nosa contorna, os nosos e as nosas maiores. Todo iso non está regulado nin valorizado.

Eu quero ir máis alá e incidir na segregación que existe no mercado laboral: por que as profesións feminizadas, por chamarlles así, teñen menos valor económico que as profesións masculinizadas? Por que se lle dá máis valor a un emprego técnico -un aparellador ou aparelladora, un enxeñeiro ou enxeñeira- que a un emprego que consiste en coidar as persoas na última fase da súa vida? Iso ten que ver co machismo que permea a nosa sociedade e coa división sexual do traballo. O traballo dos coidados é un traballo invisible, que se asume que se fai de balde e do que xa se presupón que é responsabilidade das mulleres.

"Mulleres e homes podemos ter un traballo asalariado porque temos na maior parte dos casos a mulleres que se ocupan do noso traballo de coidados. Por iso é tan importante que neste 8 de marzo haxa un paro de coidados"

E hai que ter en conta, finalmente, que mulleres e homes podemos ter un traballo asalariado porque temos na maior parte dos casos a mulleres que se ocupan do noso traballo de coidados. Por iso é tan importante que neste 8 de marzo haxa un paro de coidados. Porén, son moi crítica con que se fale de folga de 24 horas de coidados, porque iso é mentirnos a nós mesmas: as mulleres hoxe en día non estamos en condicións de facer unha folga de coidados de 24 horas.

"Para nós é exitosa dende xa, con independencia do que suceda o 8 de marzo, porque fomos quen de levar a realidade das discriminacións a todas as empresas"

Esta, ao ser unha folga distinta, hai que valorala en termos distintos, en canto ao seu éxito ou impacto?

Correcto. Nin na valoración da folga nin na cuantificación do éxito. É unha folga completamente revolucionaria, sexa cal sexa o formato que se escolla. Para nós é exitosa dende xa, con independencia do que suceda o 8 de marzo, porque fomos quen de levar a realidade das discriminacións a todas as empresas. O feito de divulgar a convocatoria, o feito de falar do tema en todos os lugares e todos os ámbitos, está facendo que homes que nunca chegaran a pensar e a falar desta problemática especifica teñan que facelo. E tamén moitas mulleres, que ata agora non identificaran a situación de discriminación. A propia convocatoria serve para ser conscientes de que mudar esta realidade depende de nós, e de que se pode deixar de conmemorar o 8 de marzo como unha data festiva e lúdica (que tamén pode selo), pois é unha data de combate. Cremos que a mobilización vai ser moi importante, porque a convocatoria está moi estendida, e comeza a haber unha conciencia do problema e de que hai que dar un paso máis aló.

"Cos paros de dúas horas as mulleres da panadarías, das peixarías, dos supermercados... poderán participar na folga e ir ás mobilizacións convocadas, atoparse co resto das súas compañeiras e facer un berro colectivo"

Dende a CIG facedes unha convocatoria de dúas horas por quenda. Outros sindicatos fixeron convocatoria de 24 horas. Cal dos dous formatos é máis efectivo?

Consideramos que con este formato de paros de dúas horas imos conseguir que moitas máis mulleres fagan folga que no caso de ter convocado unha folga de 24 horas. Para nós foi un longo debate, moitas de nós queriamos ir a unha folga non xa de 24 horas, senón indefinida, porque estamos moi fartas de que estes temas non se teñan en conta. Pero cremos que cos paros de dúas horas as mulleres da panadarías, das peixarías, dos supermercados... poderán participar na folga e ir ás mobilizacións convocadas, atoparse co resto das súas compañeiras e facer un berro colectivo, ser parte dun movemento internacional, dun todo. Non é o mesmo que as que traballan nunha grande empresa ou na administración pública, onde é moito máis doado difundir estas cuestións. Ademais, este paro de dúas horas vai servir como ensaio-erro para outro tipo de convocatorias máis ambiciosas no futuro, por exemplo o ano que vén.

"Non é ideolóxico recortar os dereitos de conciliación ou conxelar as pensións? Iso tamén é ideoloxía. Os gobernos do PP levan moitos anos recortando os dereitos das mulleres"

Nos últimos días a folga está an recibir críticas de Ciudadanos e PP, que din que a folga é ideolóxica, que ataca ao capitalismo, que está politizada. Que opinades destas declaracións?

Pois algunha desas declaracións teñen razón. Claro que é unha folga ideolóxica. Non o podemos dicir así, porque nola ilegalizarían. Pero acaso non é ideolóxico recortar o dereitos á interrupción voluntaria do embarazo das mulleres? Non é ideolóxico restarlles dereitos ás persoas LGTBI? Non é ideolóxico recortar os dereitos de conciliación ou conxelar as pensións? Iso tamén é ideoloxía. Os gobernos do PP levan moitos anos recortando os dereitos das mulleres. E as mulleres levamos moitos anos denunciando a hipocrisía de quen se pon medallas e á vez recorta dereitos. E o respecto a estes dereitos pasa por responder a quen os está atacando. É que se pode ser feminista e non ser anticapitalista? Pódese ser nacionalista e non ter unha perspectiva de clase? Pódese ser muller e non ser feminista? Nós entendemos que non.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.